Cómo se fai para que unha vaca non se esmadroe?
"A verdadeira dor
é a que se sofre sen testigos."
- Marcial -
O esmadroamento era moi corrente nas vacas da nosa Galiza e en principio non había ningunha cura para tal mal, que consistía en que a vaca sufría unha saída dos órganos

xenitais internos e era motivo máis que suficiente para devolver unha vaca que tivese estes defectos, pois a vaxina ao saírse podía infectarse, sobre todo na corte, que se pisaba con toxo e as espiñas miúdas do toxo podían picala e infectala, esa era a razón de que ninguén quixese estas vacas.
O Pepe do Real xa facía o "prolepso da vaxina", mais que é o prolepso? Segundo a Real Academia Galega da lingua consiste na "saída ou descenso dunha víscera ou dun órgano fóra da cavidade que ocupan ou dos seus límites normais, debido a un relaxamento dos tecidos que os sosteñen".
O prolepso da vaxina era unha cirurxía que consistía en suxeitar a vaxina dentro para que non saíse fóra, no gando vacún, amarrándoa nas cadeiras onde se facían unhas incisións para suxeitala cun fío especial, que non se reabsorbe, é dicir, que non se desfai. Utilizábase unha agulla de "reberendín". Este sistema copiárase dun veterinario que había en Mondoñedo, que escribira dous libros referidos a este asunto, e esta operación, para ser ben había que facela dereito (de pé) e o veterinario non era aló moi alto e o Pepe do Real si o era, por iso lle mandaba sempre facelo a el porque á vaca había que erguela da traseira e poñela baixa de diante para que o ventre escorrese para diante e así suxeitar a vaxina que se esmadroaba.
Texto: Xosé Otero Canto
Ilustración: María Guerrero