Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As causas difusas do cambio político en Galicia

viernes, 03 de abril de 2009
COMPÁS SOCIAL: AS CAUSAS DIFUSAS DO CAMBIO POLÍTICO EN GALICIA
O resultado das eleccións galegas foi unha sorpresa colectiva, aínda que, ao parecer, alguén tiña algunha enquisa, non cociñada, que daba malos augurios para o bipartito. A participación foi alta, incluso no medio rural onde a abstención asexa sempre. O asombro produciuse nas cidades, nas vilas, nos núcleos e aldeas rurais, con lóxicas continuades de voto e con estrañas rupturas que, todas elas acumuladas, desembocaron no desenlace coñecido. Como explicar este cambio?

A epiderme e o transfondo
Neste mes transcorrido desde as votacións, os políticos, os xornalistas, os comunicadores, os tertulianos, os blogueiros, os comentaristas ao pormenor en Internet fartáronse de construír causas ou razóns “mediáticas” desde cambio inesperado. Este avalancha dos medios de comunicación segue crecendo, e posiblemente non parará hasta converterse nun enorme vertedoiro. Ao socialista Touriño achacáronlle a construción ilegal na beira do mar, a dilapidación ostentosa (coche, despacho, cadeiras), desgoberno con dobre goberno, descoordinación e ineficacia xeneralizada. O nacionalista Quintana ao parecer foi tentado pola fachenda do iate recreativo e polo planeamento excluínte da lingua; pero, ben pensado, o mais delicado foi o engano os xubilados na liña do mais enxebre esperpento galaico: “acarrear-papear-suxerir”... Todas estas razóns, mais ben anécdotas magnificadas polos adversarios, puideran ser unha causa precipitante válida para os indecisos e os decepcionados; mais non parecen suficientes para explicar ese cambio de orientación política aparentemente fortuíto. Ten que haber algún transfondo difuso e subterráneo, que pouco a pouco ancorouse na vivencia colectiva dos cidadáns galegos durante os anos de goberno bipartito e bicéfalo.

Que din os cidadáns a rentes do chan?
Repousadas as primeiras ocorrencias e liortas mediáticas, en recentes días pasados inquirín outras impresións a varios galegos, residentes en diversos núcleos urbanos e rurais das provincias galegas. Curiosamente, case que ninguén nomeou as causas recollidas nos medios de comunicación, salvo a das ostentacións visibles e magnificadas. Unha sociedade galega austera, que aínda ten sen cubrir moitas necesidades primarias, non admite provocacións aldraxantes. Os informantes nomean a burocratización asfixiante e inoperante, imposta a ritmo acelerado. Exemplo: a Lei do Solo, que tantos aspectos positivos ten, está resultando un auténtico pesadelo irracional para a poboación rural en moitos detalles e custos de importancia. Así mesmo agromaron sospeitas de neoclientelismo controlador de calquera posto laboral público, teima posta en solfa polas derradeiras convocatorias. Ese afán controlador lémbrame o diagnóstico que fai anos describía un amigo austríaco: moita xente votou ó partido de Haider de extrema dereita para amolar os liberais e socialdemócratas que metían os fociños en todo, ata para ser dentista dun pobo perdido. Algúns deses cidadáns galegos, informados mais ao pormenor, glosan a exuberancia verbal nos programas do medio rural, con resultado de actuacións irrelevantes a hora de transformar e modernizar as comunidades locais. Certo que contan con poucos medios, mais poderían ser mellor empregados os magros orzamentos municipais. Algúns quéixanse da esterilidade dos grupiños políticos locais, fotocopia empeorada dos grandes partidos, que mostran visible incompetencia para acadar proxectos consensuais e incapaces de superar unha política de cousas e cousiñas superpublicitadas. O desacougo destes cidadáns, con forte compromiso social, reflicte un asolagado malestar de incertezas políticas. Estas impresións recollidas sobre o terreo son sen dúbida insuficientes, pero sintomáticas, polo que debemos seguir pescudando.

A encrucillada do PP: das palabras os feitos
No amigable diálogo rematamos con estes interrogantes: o PP ¿que méritos fixo para gañar as eleccións? Que probas deu de xestión eficaz e transparente nos concellos que goberna? Realmente, ¿está dando mostras claras de haber superado os vellas formas de facer política? Renovou, de verdade, os cadros dirixentes provinciais, comarcais e municipais? Vai o PP. equilibrar os territorios e os servizos primarios para toda a poboación galega? Están en camiño de corrixir a desgastada retórica sentimental sobre o desenvolvemento do mundo rural que durante tantos anos deixaron caer a cachos? De momento pouco puidemos esclarecer. Nos medios de comunicación uns falaron dunha excelente campaña electoral do PP. e outros dunha feroz e descarada arremetida mediática. Ocorreu o esperado e desesperante: os grandes medios de comunicación fixeron, seguen facendo, unha valoración acorde coa comenencia do seu bando. Mais, se tanta importancia decisoria tivo a movida mediática de última hora, iso quere dicir que estamos nunha sociedade moi manexable. Quero crer que iso non é así; que a sociedade galega, tanto a rural como a urbana, sempre foi e segue sendo intensamente reflexiva e prudente.

A experiencia vale un grado ou só un desagrado?
Agora empeza o futuro condicionado polo pasado inmediato. O PP. terá que gobernar demostrando que superou vellos hábitos políticos, que realmente adquiriu novas sensibilidades para tódolos espazos e grupos sociais, que ten un proxecto para Galicia modernizador, integrador e respectuoso con tódolos elementos da nosa idiosincrasia. O bando dos conxunturais perdedores terá que achegarse as bases para pescudar e discernir as razóns reais deste desprazamento de votos que, para ben de Galicia, non debe derivar en radicais fuxidas ideolóxicas nin nun novo minifundio de grupiños políticos espallados e guetizados. Xa son demasiados anos democráticos nese estéril vieiro. A ver se esta experiencia serve de aguillón para a busca de novos roteiros e converxencias.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES