Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O ensino primario no Concello de Bóveda no século XX.*

jueves, 25 de abril de 2024
Estatística escolar de 1908. Escolas que debía ter o Concello de Bóveda segundo a Lei de 1857.

A partir do documento oficial Estadística escolar de España de 1908, procede manifestar que foi determinante para a formación dos distritos escolares, así como para a fixación do número de escolas que cada concello debía ter, o que permitiu unha nova planificación escolar. Os datos da Estatística fan referencia ao mes de Xaneiro de 1908, e a base da reforma escolar que se pretendía levar a cabo foi o Censo da poboación de España en 1900, que era o último realizado.
Fíxose o cómputo da poboación de seis a doce anos nos distritos, na maioría dos casos territorios algo máis grandes que as parroquias, e de aí determináronse as escolas que debían ter e as escolas que tiñan, e, ao respecto, especificáronse as elementais de nenos e nenas públicas, así como as clases de adultos e as privadas de párvulos, nenos e nenas, todas católicas no noso caso. As clases de adultos non se contabilizaron como unha escola máis, pois eran clases que se impartían aos adultos en horario extraescolar na escola de nenos polo mestre da mesma.
A Estatística expresa que o Concello de Bóveda a estas alturas do século debía ter cinco escolas elementais completas de nenos, outras cinco de nenas e dúas escolas elementais incompletas mixtas, en total doce, distribuídas as catorce parroquias en sete distritos: cinco nas cabeceiras das parroquias de Bóveda, Martín, Remesar, Rubián e Tuimil, máis Pardiñas na de Guntín e Souto na de Teilán. Non obstante, só tiña dúas escolas elementais completas na capitalidade, unha de nenos e unha de nenas, a de nenos tiña clase de adultos.
En resumo, debemos subliñar que o número e o tipo de escolas que recolleu a Estatística de 1908 é igual ao que citamos a finais do século XIX: dúas en Bóveda, as elementais completas na capitalidade.
Se facemos a media dos soldos anuais dos mestres en relación coas escolas, sen a gratificación por adultos e outras retribucións, os de Bóveda percibían 562,5 ptas., o que significa que ninguén alcanzaba as 600 ptas.

As escolas no Concello de Bóveda de 1900 a 1936.
Nun Concello con 4199 habitantes de feito (4475 de dereito), en 1910, con alumeado por acetileno e petróleo na vila capital, só había escola na mesma, en Bóveda, sita nunha casa particular no centro do pobo. No mesmo edificio en 1919 había unha escola de nenos e unha de nenas, con 50 alumnos cada unha. Este Concello cun orzamento de 13.732,57 ptas. en 1919, dedicaba a instrución pública 824 ptas.
En 1902 o Boletín Oficial da provincia mencionaba unha escola incompleta mixta a cargo de mestre, o que non cadra co dato de finais do século XIX que daba conta dunha escola completa de nenos e unha de nenas. A de nenas figura como incompleta en 1903, 1904 e máis en 1907 (a de nenos este ano aparecía como completa) e 1908.
En 1912, no expediente de Arranxo escolar do Concello de Bóveda, o Consello Provincial de Instrución pública emitiu un ditame no que recoñecía que só tiña dúas escolas para todo o Concello, composto de 36 grupos menores de poboación, separados por considerables distancias, en razón do que dividiu o territorio en sete distritos escolares, como se recollía na Estatística de 1908, co número e clase de escolas que lle correspondía segundo a Lei de 1857, ao obxecto de que a ensinanza estivera debidamente atendida.
En 1920 creáronse as seguintes escolas: a mixta de Martín, a de nenas de O Souto de Ribas Pequenas e máis a mixta de Souto e a de nenas de Vales de Teilán.
En 1923 noméanse mestres para as escolas nacionais de Remesar e Concheiros de Ver; o Pleno da Corporación municipal de Bóveda, o 1/12/1924 recollía a solicitude de creación de dúas escolas nacionais, Santiago de Rubián e Vilalpape; e en 1934 creouse a mixta de Martín 2ª e máis as mixtas de San Fiz de Rubián, Tuimil e Vilarbuxán.
Antes, en Ver, en 1919, co legado de D. Inocencio Rodríguez Luaces, creárase unha escola de padroado, que permitiu a construción dunha casa escola e máis o sostemento do mestre, as reparacións e o material da escola. Esta fundación foi considerada polo Ministerio de Instrución como Obra pía de referencia, segundo RO de 11/1/1928, que a clasificou de beneficencia particular docente. En 1953 a xestión desta escola asumiuna o Ministerio de Educación coa escola mixta da parroquia.
Ademais, na relación de locais para colexios electorais aparecen as casas das escolas públicas, o que nos facilita seguir a evolución das escolas no Concello. Así, en 1909, só refería a escola completa de nenos de Bóveda; en 1931, a de nenos de Bóveda e máis as de nenos de Ribas Pequenas e Rubián; e en 1933 engadía as de nenos de Martín e Teilán.
En resumo, neste período o Concello de Bóveda pasou de dúas escolas públicas na capitalidade a dezaseis máis unha de fundación, que se concretaron nas seguintes: as completas de nenos e nenas de Bóveda, as de nenos e nenas de O Souto de Ribas Pequenas e as de nenos e nenas de Vales de Teilán, e as mixtas de A Raíña e Outeiro de Martín, Remesar, Rubián, San Fiz de Rubián, Tuimil e Xullán de Tuimil, Concheiros de Ver, Vilalpape e Vilarbuxán, máis a Obra pía de Ver; co que as escolas do ensino primario abranguían todas as parroquias do Concello, agás Freituxe, Guntín e Mosteiro, as tres con pouca poboación.

As escolas no Concello de Bóveda no franquismo.
No Concello de Bóveda, segundo datos do Boletín Oficialda provincia recollidos ata 1940, hai dúas escolas novas con respecto ás existentes na etapa anterior, as mixtas de Pardiñas de Guntín e Freituxe en 1936. Máis tarde, en 1954 creouse a escola parroquial de nenas en Rubián. En relación cos edificios das escolas, debemos dicir que as dúas unitarias da localidade de Bóveda tiveron un edificio do Estado, con vivenda, segundo o Plan de construcións de 1964, ao igual que as dúas unitarias de Teilán e a mixta de Martín ou Raíña nº 1.
En relación coas escolas unitarias que existiron nas parroquias deste Concello, procede subliñar que ademais das dezaseis escolas públicas máis unha de fundación que tiña o Concello no curso 1935-36, en setembro de 1937 o Consello Local de 1ª Ensinanza cita esas dúas novas e cifra as existentes en dezaoito: as dezaseis citadas no apartado anterior e as nomeadas de Freituxe e Guntín. En 1965 tivo lugar a supresión da mixta de Freituxe, en 1966 suprimiuse a de nenos de OSouto de Ribas Pequenas e transformouse a de nenas en mixta, en 1970 tivo lugar a supresión da mixta de Remesar, trece pecharon no momento da concentración escolar en 1974, e as tres mixtas restantes fixérono con posterioridade. Só a parroquia de Mosteiro non tivo escola. Ver mapa.
O ensino primario no Concello de Bóveda no século XX.*
En 1948 paga a pena mencionar as cantidades asignadas ás escolas do Concello para material de ensinanza. Están relacionadas todas, agás a mixta de Rubián; a parroquial de nenas de Rubián non figura, porque a súa creación foi posterior.

O ensino público de primaria: as concentracións escolares.
A implantación da EXB, obrigatoria e gratuíta en todo o territorio nacional, fíxose mediante plans rexionais ou comarcais, co obxecto de establecer unha maior igualdade de oportunidades nas zonas rurais e urbanas. A tal fin, decidiuse a constitución de centros de EXB, cunha soa dirección e, ao menos, unha unidade por curso. As instrucións sinalaban que debía procurarse que cada colexio nacional estivera nas mesmas instalacións e se formara por integración da graduada ou a agrupación escolar da vila ou cidade e as escolas radicadas no concello. Este proceso iniciouse conforme ao calendario de aplicación da reforma educativa, dado que en 1970-71 funcionaron con carácter xeral os catro primeiros cursos de EXB e a partir do seguinte implantouse de xeito gradual un curso por ano. Por iso, desde 1972-73, co comezo da 2ª etapa de EXB, interesaba a posta en marcha das concentracións escolares. A este efecto, no noso distrito creáronse colexios comarcais en 1972 en todos os concellos, agás Bóveda, que tivo lugar en 1974.

Colexio Nacional Mixto Comarcal de Bóveda.
Os primeiros pasos para a concentración escolar de Bóveda quedaron reflectidos nas previsións do Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) en 1972. De feito, ese ano a Inspección propuxo a creación dun Colexio Nacional Mixto Comarcal, con oito unidades e Dirección con curso (DCC), para concentrar aos 312 alumnos matriculados en unitarias e mixtas, unha vez que a Corporación municipal de Bóveda ofertou os locais na capital do Concello. O informe sinalaba que procedía conceder aos mestres definitivos das escolas suprimidas a preferencia para ocupar as prazas de nova creación, segundo o Decreto 3099/1964 e solicitaba autorización para o transporte e axudas para o comedor escolar dos alumnos transportados. O expediente recollía a creación do Colexio de Bóveda con 8 unidades de EXB, 1 de preescolar e 1 de Educación Física (EF) de nenas; os alumnos matriculados; a supresión de 4 unitarias e 12 mixtas; 2 vivendas do Concello e necesidade de 8 indemnizacións; 2 locais de nova construción e 7 provisionais; en canto ao censo escolar había en escolas nacionais 29 nenos e nenas de 2 a 5 anos e 249 de 6 a 14, en escolas non estatais 41, en ensinanza media 53, en total 372.
En 1974 a Unidade Técnica informou sobre os locais ofertados polo Concello para impartir neles, de modo provisional, as ensinanzas de EXB, sitos en baixos de edificios da vila, así como un local de uso polivalente, que dispoñía de servizos de cociña e despensa en locais contiguos ao mesmo edificio, máis os locais das 2 unitarias e un despacho de dirección, así como unha pista polideportiva. En todos existían aseos, boas condicións de iluminación diúrna e ventilación e estaban próximos entre si. Ademais, o informe deixaba constancia de que a construción do edificio comarcal estaba incluída no Plan de Construcións do bienio 1975-76.
Así mesmo, a situación das localidades a concentrar era excelente, a distancia máxima era de 10 km e existían vías de comunicación para o transporte escolar, o que levou á Inspección a renovar a proposta de crear o Colexio de Bóveda con 8 unidades de EXB, 1 de EF nenas e 1 de Educación Especial (EE), coa integración das 2 unidades de Bóveda e a supresión de 12 escolas, con 250 axudas de transporte e comedor. E o Xefe da División de Planificación informou que a pirámide de poboación do Concello era regresiva, que o número de nenos escolarizados no curso 1973-74 en EXB era de 201, aos que había que sumar 60 que cursaban 2ª etapa en Monforte. Coa implantación de 8º de EXB esperaban 298 nenos, polo que a relación profesor alumnos era superior a 1/35.
En relación cos locais das escolas a suprimir, a Inspección dicía que, en xeral, estaban en mal estado, agás Teilán, pero os edificios podían ser utilizados para fins culturais. Tamén, o informe subliñaba que os veciños de Rubián observaban unha reiterada intención de obstruír a concentración escolar de Bóveda, dado que aspiraban a que a concentración se situara na vila de Rubián. Ao respecto, debemos sinalar que varios veciños, en representación de varios pobos, enviaron unha carta ao Ministro de Educación, onde expresaban que as previsións escolares para 1972-75 incluían a concesión dun grupo escolar no núcleo de expansión de Bóveda, pero recordaban que ese núcleo abarcaba tamén a vila de Rubián. E manifestaban que unha vez coñecido o proxecto de concesión dun grupo escolar ao Concello de Bóveda, dirixiran escritos á Inspección, co obxecto de que a concentración se realizara na vila de Rubián. Con todo isto creceu o antagonismo entre Bóveda e Rubián, pero o Concello ofertou locais na vila de Bóveda a fin de concentrar de xeito provisional a todos os nenos do Concello.
Neste proceso, procede referir que en 1972 estes veciños conseguiran que o Ministerio comunicara aos pobos de Eimer e Teilán que a supresión das escolas do Concello quedaba de momento en suspenso. E en 1974, dicían que de novo o Concello de Bóveda intentaba a agrupación provisional, sen ter en conta a súa protesta e afirmaban que os locais ofertados non reunían as condicións adecuadas, debido ao que solicitaban manter as escolas rurais mentres non se construíra o grupo estatal.
Non obstante, en función do alumnado da 2ª etapa de EXB a concentración urxía; logo, o Delegado fixo seu o informe da Inspección e rexeitou o escrito dos veciños. O Colexio de Bóveda constituíuse por orde de 1974 con 8 mixtas de EXB e DCC, coa integración das dúas da localidade, convertidas en mixtas, e a creación de seis mixtas, para funcionar en locais adaptados, mentres se construía o Colexio. E suprimiu doce escolas: nenos e nenas de Teilán e as mixtas de Guntín, Outeiro de Martín, Ribas Pequenas, Rubián, Rubián (parroquial), San Fiz de Rubián, Tuimil, Ver, Vilalpape e Xullán de Tuimil, esta suprimida meses máis tarde. Só dúas mixtas quedaron sen concentrar, A Raíña e Vilarbuxán. De seguido, creouse 1 unidade de EE de nenas.
En 1977 a Inspección informou a creación de 2 unidades de preescolar, pois os alumnos desta idade superaban os 90 e o Concello comprometérase a facilitar locais. En 1978, o Xefe da División de Planificación estimou que procedía a ampliación do Colexio de Bóveda coa creación de 2 unidades de preescolar. E a Unidade Técnica expresou que os locais ofrecidos polo Concello, sitos no antigo edificio escolar, estaban en bo estado de conservación. En consecuencia, creáronse 2 unidades de preescolar.
En 1979 a Inspección manifestou que na localidade de Bóveda funcionaba un Colexio con 8 mixtas de EXB, 2 de preescolar, 1 mixta de EE e DCC. E interesou a supresión da escola mixta de A Raíña e a súa concentración no Colexio, pois existían locais ao efecto e a estrada estaba en bo estado para o transporte escolar. Pouco despois, o 6/10/1979, inaugurouse o edificio do Colexio Comarcal de Bóveda. En 1981 este Colexio recibiu como denominación específica o de Rosalía de Castro. Ver mapa.
O ensino primario no Concello de Bóveda no século XX.*
A escola mixta de A Raíña suprimiuse en 1980 e a de Vilarbuxán en 1981. Antes, en 1978 creouse a escola de preescolar de Rubián, que se suprimiu en 1990. En 1996 o Colexio de Infantil e Primaria (CEIP) de Bóveda quedou constituído por 2 unidades de Infantil e 6 de Primaria (un grupo de primaria por curso, liña un).

*Este texto é un resumo do recollido no libro "O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX".
Enlace ao libro
: https://bibliotecavirtual.egeria.gal/content/o-ensino-na-terra-de-lemos-nos-seculos-xix-e-xx
Gómez, Pedro
Gómez, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES