Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'O curto voo dun paspallás' de Paco Pestana, comisariada por Cristina Carballedo

jueves, 18 de abril de 2024
A Fundación Granell hónrase coa realización desta exposición da obra de Pestana. Faino por varias razóns. Primeiro porque se trata dun creador cunha fonda pegada surrealista e esta é a marca da casa: o surrealismo, de aí que se fale da Fundación coma o museo surrealista. Segundo, porque Pestana era un asiduo da Fundación, un artista que a tiña como referencia e que xa no 2000 realizara alí a exposición que levaba por título A estela do delirio. 'O curto voo dun paspallás' de Paco Pestana, comisariada por Cristina CarballedoTerceiro, por encargarlle a exposición a Cristina Carballedo, unha experta en arte que dende que realizou nesta casa as súas prácticas quedou ligada a ela e á obra de Granell, unha muller que quere a institución, e iso é moi de agradecer. Cuarto, porque a comisaria traballou sempre coa obra de Pestana de quen era amiga e, polo tanto, a mostra tamén ten ese engadido afectivo.

Carballedo declara "partir de revisitar o proxecto plástico e vital do artista, a través dunha aposta que xira arredor de obras, documentación e outros elementos do creador, tentando amosar a intensa personalidade deste artista nun percorrido pola arte a través da amizade." A humildade lévaa a realizar un roteiro emocional por pezas propiedade de persoas que compartiron tempo, e algo máis, con Paco Pestana.

Un proxecto que se declara multidisciplinar con pezas escultóricas, pictóricas e audiovisuais nas que nos atopamos co discurso artístico e vital de Paco Pestana. Un artista, sen dúbida, especial, que non deixaba a ninguén indiferente. Surrealista, en todos os sentidos, dende a súa maneira de presentarse en público e manifestarse ata na realización das pezas ou os títulos de cada unha delas. Traballos nos que destacan os materiais en madeira e as cores, obras moi identificables que dalgunha maneira detonan ese mundo onírico e absurdo que forma parte do noso inconsciente.

Esta é a primeira exposición que se realiza coa obra de Pestana dende o seu pasamento. Ese é outro motivo de agradecemento á Fundación Granell e a Cristina Carballedo, e así o demostraron as persoas amigas e admiradoras do artista que se desprazaron dende toda Galicia para acompañar a mostra.

Desaparecido, adiantándose ao tempo, Pestana continuará facéndose presente a través das súas obras que agardamos o vaian lembrando por diferentes espazos. Nunca será o mesmo pois o artista formaba parte do evento, como fixo sempre, creando expectativas e sorprendendo ata o punto de ser protagonista aínda cando a exposición era doutro, bastaba con velo chegar: impoñente na súa estatura e vestiario, na súa voz e declaracións. Isto fainos lembrar aquel desmaio que case non tomamos en serio, cando na inauguración da mostra de Nicolás González Aller, no mosteiro de San Martín Pinario, caeu ante nós e só alguén tan sensible como Celso Fernández Sanmartín acudiu a evitar un golpe maior, mentres os demais pensabamos que podía ser unha performance. Aquel día aumentou a miña admiración polo poeta e narrador oral, un ser tan branco que foi quen de adiviñar que era algo serio o que lle estaba a suceder a Pestana e reaccionou de inmediato, mentres os demais pasmabamos.

Fálase de que con posterioridade a esta haberá unha gran exposición en Lugo que será un bo momento para continuar facendo visible a obra do artista de Castroverde.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES