Desde que Claudio Rodríguez Fer publicou a primeira edición de "Lugo blues" en 1987, a profunda enerxía concéntrica da amurallada cidade luguesa quedou asociada ao

blues, o canto fondo e doente da negritude americana que foi asumido universalmente por todas as marxinalidades do mundo.
Aquela primeira edición a cargo do Concello de Lugo contou con rigorosas fotografías expresionistas de Eduardo Ochoa en branco e negro, que parecían darlle dimensións xeométricas e proxeccións abstractas á cidade e ao volume. Agora, varias décadas despois, aparece unha segunda edición con diversas ilustracións en cor de Sara Lamas efectuadas en técnicas diversas, como o debuxo, o gravado, a pintura e a colaxe, que dotan de gran viveza á obra a través de abstraccións informalistas, paisaxes alucinantes, siluetas da muralla e recoñecibles retratos de persoas concretas que moraron en Lugo (o doutor Rafael de Vega Barrera, o poeta Luís Pimentel, o narrador Ánxel Fole, a represaliada Urania Mella, a escritora Carmen Blanco, o propio autor dos poemas) ou que visitaron a cidade (o escritor Federico García Lorca), todas elas cantadas no libro.
O poeta Claudio Rodríguez Fer naceu en Lugo, onde pasou a súa infancia e adolescencia e onde se instalou profesionalmente máis adiante, primeiro como profesor do Instituto daquela aínda Masculino (hoxe Lucus Augusti, onde estudara) e logo como catedrático do Instituto Ánxel Fole, ata que finalmente exerceu a docencia universitaria no Campus de Lugo, no que comezara a estudar a súa carreira de Filoloxía. En Lugo morou cos seus pais -aludidos nos emotivos poemas "Pai meu (Amén, camarada)", "A escola" e "Lugo namora (Letra naïf para blues)", coa súa compañeira Carmen Blanco -aludida na composición amorosa "Máis alá de Lugo" -e coa súa filla- a quen dirixiu o reivindicativo poema en prosa "Algún día".
Non é de estrañar, pois, que Lugo teña tanta importancia na súa vida como presenza

na súa obra. Así, dedicou á súa cidade natal o poema "A noite amurallada" no seu primeiro libro, "Poemas de amor sen morte", e logo, á parte dalgunha outra alusión dispersa, todo este poemario de autenticidade impresionista titulado "Lugo blues" e subdividido en tres partes: "Sempre Lugo", sobre o pasado histórico da cidade; "Lugo lacustre", sobre a propia biografía lucense do poeta, e "Lugo xalundes", sobre conexións diversas de dita urbe amurallada con outros lugares da Terra.
Mais o ciclo inicial de "Lugo blues" viuse continuado cos poemas biográficos "Lugo Baikal", "Born in Lugo" e "Explanada da Estación", incluídos en "Extrema Europa", e cos poemas históricos "Un vello e un rapaz (Proxecto de revolución na muralla de Lugo)", incluído en A loita continúa; "Un tranvía chamado Urania", "Memorial dos foxos de Lugo (con Lorca ao lonxe)", "Pai meu (Amén, camarada)" e "Algún día", incluídos en Ámote vermella; e "O ronsel do ronsel", incluído en "Unha tempada no paraíso". Neste último poema, inspirado pola mocidade do artista e poeta Ángel Johán e dedicado á súa esposa Lolá Doreste Doreste, aparece tamén o aspecto amoroso, temática que comparece así mesmo en "Lugo namora (Letra naïf para blues)", de "Ámote vermella", e "As ruínas (Cicloxénese kachina)", de "A muller sinfonía".
Pois ben, toda esta poesía de inspiración luguesa acaba de ser reunida por primeira vez conxuntamente por Alvarellos Editora nunha nova e coidada edición de "Lugo blues". Ademais, esta preséntase cunha atractiva versión en azul e negro na cuberta do poema visual "Soneto carcerario" sobre o vello cárcere lugués, que xa aparecera no catálogo "Corpoética" da exposición homónima do autor en vermello e negro.
En suma, Lugo blues, sen renunciar á memoria dorida e á vindicación crítica, é un libro que namora a través beleza do texto e da imaxe, pero que namora non só da poesía da vida, senón tamén da cidade das murallas abertas, acaso porque, como se di nos seus versos, "quen en Lugo mora / en Lugo namora". De feito, Claudio Rodríguez Fer namorou en Lugo, pero tamén namorou de Lugo e, "máis alá de Lugo", namorou do mundo.