Como se capaban os castróns ou carneiros?
"Alí onde está a dor
está tamén o que o salva."
- Friedrich Holderlin -.
Como xa sabemos, os castróns son os machos da cabra adultos e os carneiros son os machos das ovellas, que nalgunhas especies teñen os cornos revirados en espiral, pero

cápanse da mesma maneira un que o outro.
Para capalos hai que coller o carneiro ou o castrón e sentalo. O capador tamén senta nun tallo que haxa pola cociña. O capador necesita dun axudante que colla o carneiro co ombro para el e os pés do carneiro ou castrón han quedar ó fronte do capador, mais ao mesmo tempo o capador ten que poñerlle os pés arriba dos pés do carneiro ou castrón para suxeitalos e emprégase o mesmo sistema que o dos touros, mais non hai que darlles ningunha patada, senón coller un testículo e darlle tres voltas ao redor de si de arriba para abaixo e outras tres de abaixo para arriba. Despois cóllese o testículo e faise xirar tamén sobre si da esquerda para a dereita e da dereita para a esquerda un mínimo de tres veces. Logo cóllese o testículo e obrígase levantándoo o máis que se poida para a parte de arriba na bolsa que o mantén e para rematar átaselle un cordón de la polo mesmo motivo de que este é un fío que non corta e tamén deixa circular o sangue. Posteriormente faise o mesmo co outro testículo e con isto remátase a capa e sóltase ao castrón ou ao carneiro que sae como un foguete.
Texto: Xosé Otero Canto
Ilustración: María Guerrero