Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Desmemoria e utopía

Agís Villaverde, Marcelino - lunes, 08 de abril de 2024
Poucos desafíos semellan tan colosais como pensar o presente. Pódese reflexionar retrospectivamente sobre o pasado, o mesmo que podemos soñar o futuro. No primeiro caso, facilítanos a tarefa a perspectiva que temos sobre o pretérito; no segundo, a distancia que nos separa do porvir.

Polo xeral, os mecanismos para construír o pasado e o futuro difiren, mantendo unicamente como denominador común a capacidade narrativa de dispoñer os feitos coa orde que o relato impón á nosa mente. En xeral, construímos o pasado coa axuda da memoria; e, o futuro, botando man da imaxinación.

Mais non é infrecuente que a imaxinación se poña a remexer na memoria do pasado, tomándose licenzas que non lle corresponden para contar como sucederon os acontecementos. O mesmo que anticipamos o futuro grazas ao tesouro da experiencia, sen decatarnos de que tal elucubración é tan só o intento desesperado de saber a que aternos, unha fuxida cara a adiante para espantar o pavor á nada.

Pensar o presente paréceme unha tarefa moito máis ardua porque supón deter a trepidante marcha da nosa vida para preguntarnos polas cousas que suceden no noso próximo derredor.

Antonio Machado soñaba camiños da tarde mentres percorría os seus amados campos de Castela e contemplaba os outeiros dourados, os verdes piñeiros, os poeirentos carballos. Pero ao preguntarse cara a onde vai o camiño contestaba unicamente: "Yo voy cantando, viajero, a lo largo del sendero... La tarde está cayendo".

O poeta recoñecía sen ambaxes a desproporción entre o goce de camiñar, abrazado á paisaxe, e a tarefa, pouco ou nada poética, de preguntarse polo destino -seica polo sentido- do camiño e do camiñar mesmo.

Eu non digo que o filósofo teña máis éxito que o poeta e que as súas respostas sobre o sentido dos camiños do pensamento (actual e de todos os tempos) resulten satisfactorias. Constato tan só que afronta con decisión a tarefa de pensar a realidade presente sen arredarse ante nada. Uns recoñecerán os seus achados. Outros non.

Marcelino Agís Villaverde, Catedrático de Filosofía.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES