Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coherencia

lunes, 30 de marzo de 2009
Xa sei que antes de falar de coherencia ou de esixila aos outros, un ten que ser coherente. Dito isto, e a propósito dos preparativos que se están a facer para a celebración da Semana Santa, atrévome a pedir que os que nos preparamos un ano máis para esta celebración sexamos coherentes.

O que se vai conmemorar -a paixón, morte e resurrección de Cristo- é un acontecemento que tomado minimamente en serio nos ten que interpelar e facer pensar. Na Semana Santa lembramos eses momentos dramáticos da vida de Xesús que remataron na cruz. E todo precisamente por ser honrado e consecuente coa verdade do evanxeo.

Xesús loitou contra unha relixiosidade aparente e opresora, que en vez de dignificar ás persoas oprimíaas coas súas leis, tradicións e ritos. Por iso estorbaba e trataron de desfacerse del ata que o conseguiron.

Se Xesús se trasladara aos tempos de hoxe, seguro que tamén tería moito que dicirnos -e de feito nolo está dicindo, velaí o evanxeo...-, sobre todo a moitos que nos temos por persoas relixiosas e crentes. Porque, como é posible que no seu nome aínda se fagan certos dispendios, moitos deles prescindibles e innecesarios, con motivo da Semana Santa, cando el naceu pobre, viviu pobre e morreu máis pobre aínda: inxustamente, case só e espido na cruz? Precisamente cando entre nós hai persoas concretas, é sobre todo pola crise económica que estamos pasando, que necesitan o máis elemental da vida, como o pan de cada día, o vestido e o teito. Non habería que ter máis dun xesto profético e testemuñal que nos identificara aínda máis como seguidores do Nazareno?

Eu pediríalles ás confrarías e irmandades da Semana Santa que non esquezan as súas orixes marcadas polo espírito penitencial, asistencial e caritativo, sobre todo nestes momentos. Vale máis, e ademais é máis auténtico, coherente e eficaz, a austeridade solidaria que a fastosidade espectacular, que é flor dun día e logo pasa.

Como escribiu recentemente o bispo de Mondoñedo-Ferrol, diocese que se honra con dúas “semanas santas” de recoñecido prestixio, como son as de Viveiro e Ferrol, “é necesario recuperar a Semana Santa en toda a súa verdade”, e, tamén, que “o culto cristián vai unido á vida e non pode quedarse nun formalismo relixioso”.

Amigos, o que manifestamos nas nosas rúas e prazas ten que corresponder ao que celebramos na liturxia das nosas igrexas. E o que celebramos nas igrexas ten que manifestarse tamén nas nosas vidas.

Por iso máis ca unha Semana Santa “declarada de interés turístico nacional” tería que ser sobre todo de “interés relixioso espiritual”.
Rodríguez Basanta, Antonio
Rodríguez Basanta, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES