Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cando o terror se impón

jueves, 04 de abril de 2024
Cando o terror se impn Explican os de Nomes e Voces que o terror que se instaurou en Galicia no 36 responde a que os fascistas (artífices do golpe de Estado) eran tan poucos (tal e como demostran os votos emitidos uns meses antes) que os golpistas instauraron un réxime de absoluto pánico para conseguir paralizar a toda a poboación. Non só tiñan que sentir pavor aqueles que se destacaran dentro da esquerda senón tamén todos os que podían defendelos, os que tiñan algún tipo de dúbida ao respecto, os que conservaban o hálito ético, os inimigos persoais dos falanxistas ou de calquera dos que se situaran nese campo de xogo. Só así podían conseguir someter un territorio sen necesidade de guerra, pelexando só dende un dos lados, creando o horror máis inhumano, atacando ata a inocencia.

De aí aprendemos. Quedou un réxime tan instaurado que non se moveu nin un pelo (é un dicir) en máis de corenta anos. Todo estaba atado e ben atado. Os mortos nas cunetas, os vivos paseando avergonzados despois de inxerir o aceite de rícino, os intelectuais facendo traballos que lles deberían resultar vergonzosos como varrer as rúas das vilas onde deran clase ou se distinguiran pola súa valía. As familias sinaladas. Todos obrigados a formar parte do "exército represor" erguendo o brazo no saúdo fascista, denunciando ao veciño, mirando para outro lado cando os destruían, crendo todo o que lles contaban cando pervertían a realidade, illando aos sinalados e discriminándoos ou abandonándoos á súa sorte, berrando contra eles cando os sinalaban... Converteran a todos os que pensaban doutra maneira en mortos ou prisioneiros, leváronos ás súas filas para salvarse ou salvar a alguén da familia, convertéronos a todos en dereita fascista na que non era suficiente deixar facer senón que había que acabar cargando tamén coa culpa para que nunca se lles puidera ocorrer contar outra historia. Así se transformou a sociedade e así se creou un país dividido entre os uns (moitos) e os outros (unha minoría moi minoritaria). Como na obra de Orwell fíxose da verdade mentira e da mentira verdade e o medo pasou a ocupar o territorio.

Así aprendemos que, cando o espanto se instaura, a humanidade perde a súa capacidade de reacción. Sábeo o goberno de Israel. As imaxes son tan tremendas, as cifras tan abafadoras que o que fai o resto do mundo é mirar para outro lado porque non é quen de proceder para rematar co pavor, porque o inacción os converte en cómplices, porque non se pode vivir vendo esas imaxes cada día. Sábeo o goberno de Israel. Non permiten en ningún foro internacional, en ningún lugar do mundo, denunciar o xenocidio dun pobo, non consenten que ninguén poida dicir outra verdade que non sexa a súa e se o fai, inmediatamente lle obrigan a desdicirse, lle forzan a mostrar o seu apoio á súa causa. Así volvemos a aprender, confirmamos que o poder se emborracha a si mesmo de si mesmo, que non ten límites e que só busca a batalla final, o exterminio do que está enfronte. Faino co beneplácito dos outros gobernos que calan, dos cidadáns que se ven impotentes, do concerto internacional. Como se pode explicar que non podas dicir o que ves? Como considerar o valor da vida dependendo ao pobo ao que pertenzas? Como é posible que queiran ocultar un fallo do sistema de espionaxe e do exército cunha matanza total? Ou é que o prepararon eles mesmos para poder mostrarnos o apocalipse?

E asistimos a ese pavor (instaurado durante meses) mentres celebramos que hai 2023 anos naceu un neno en Belén. Un neno coma os que están asasinando diante dos nosos ollos. Lembramos as imaxes da matanza de Herodes mentres vemos que o exército israelí acaba coa vida da infancia en Gaza. Non facemos nada, se o dicimos corremos o risco de ter que desdicirnos, non poderemos viaxar nunca a ese país... nin queremos, para que? para certificar o final dun pobo, para testificar a inxustiza máis absoluta, para dicir que estivemos onde sucedeu a masacre? Eles, os que manteñen ese goberno co voto, veñen dun pobo masacrado, dun momento que avergonza a toda a humanidade cando os gasearon nos campos de concentración nazi, pero nin iso nin saberse "escollidos" por un deus, nin ser listos e ricos, nin ningunha outra razón pode xustificar o que se está a facer. No pasado atopamos sempre causas pero en todo o pasado, non nunha parte del. Fora un pobo condenado ao éxodo, expulsado de países, mal mirado por moitos, perseguido na segunda guerra mundial ata case o exterminio. Esa causa provocou que a a reunión de nacións lles buscase un territorio no que asentarse tranquilos, sen ter en conta que ese non era terra de ninguén, que xa estaba ocupado, a culpa fixo que se agasallara co que non era deles a conta dos outros, e eles foron medrando e estendéndose machucando aos autóctonos e seguiron facéndoo ata o que hoxe chaman a vitoria total no que os desaparecen enviándoos a dispersarse polo mundo e a sociedade internacional asiste a ese sacrificio na ara dun deus tiránico retransmitida por todas as canles. Desa maneira tamén se terán que sentir culpables e tentarán esquecelo sen acusar ao que dispara. Mentres tanto países que deberían ser amigos dos sacrificados tampouco reaccionan porque andan moi ocupados gastando en banalidades a morea de trillóns conseguidos co petróleo. Un pobo, abandonado, é exterminado. Un meniño está a ser asasinado. E nós celebramos que Xesús naceu en Belén cantando panxoliñas cando Papá Noel, o Apalpador e os tres Reis Magos (os que chegaban de Oriente para colaborar na defensa do crianza) van enchendo de agasallos consumistas aos nenos do mundo "civilizado". Como nolo farán pagar? Xa vemos que toda inxustiza busca a súa redención... Desculpade; se non o digo, rebento.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES