Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Castelo de Doiras e a torre de Caldaloba

miércoles, 03 de abril de 2024
A Deputación de Lugo remata de mercar o castelo de Doiras. Parabéns. E aínda que as comparacións ás veces resultan odiosas, un (e comigo moitos veciños chairegos e mariñáns lucenses) non pode deixar de comparar e preguntar por que non se remata dunha vez de adquirir a torre de Caldaloba e a súa contorna. O esquecemento é a couza que arrasa o patrimonio dun País e con el, o da súa Historia. E o País que esquece a súa historia acaba desaparecendo, acaba perdendo os seus sinais de identidade, acaba sendo asimilado por outro de maior fortaleza política e social. Se a historia de algo ou de alguén se mide polo que alí pasou, Caldaloba non ten punto de comparanza co castelo de Doiras. Caldaloba foi dos Lemos, dos Andrade, de Pardo de Cela, dos Pérez de Viveiro e por esta época, cuartel xeral das tropas dos Reis Católicos cando viñeron acabar co noso Reino. Mais Caldaloba, foi moito máis ca unha torre señorial e de residencia militar. Despois de que Acuña degolara a Pardo de Cela e ao fillo en Mondoñedo coa axuda do Bispo e Cabido mindonienses, a súa filla, dona Constanza de Castro e o seu home, Fernán Ares de Saavedra, deciden meterse en Caldaloba e facerlles fronte ás tropas casteláns comandadas por López de Haro. En Caldaloba, un outubro do 1483, proseguíuse a loita que O Mariscal comezara nun outubro do 1480 na Frouseira contra as tropas comandadas por Acuña e o capitán Luis de Mudarra. Caldaloba foi a sucesora da Frouseira. En Caldaloba loitouse e resisteuse trece longos meses ate que mataron a dona Constanza. Caldaloba foi o último bastión lucense á pacificación de Galiza, que levaron a termo os Reis Católicos. Pola súa historia señorial e pola loita, resistencia e mortes que aquí sucederon, merece que a Deputación de Lugo e o concello de Cospeito a reconstrúan e a conserven porque nela aniñan a memoria dunha muller, dona Constanza de Castro, e dun feixe de galegos que preferiron morrer a ser dominados polo reis casteláns. E recórdese: o esquecemento é a couza que arrasa o patrimonio dun País e con el, o da súa Historia.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES