Curral arriba...
Silva, Manuel - lunes, 01 de abril de 2024
Soñei que, aínda hoxe,
era un meniño
argallando trasnadas
no lugar de Trasfontao.
Miña nai refungaba
e corría tras de mín
cunha acha na man,
aínda que nunca me pillaba.
Entón berraba:
"Corre, argalleiro, corre...,
pois á noite
xa virás prá casa".
E... cando un pouco máis tarde
-e co rabo entre as pernas-
volvía prá casa,
miña nai non me zurraba.
Porque...
unha nai berra, rifa e corrixe,
pero non zurra nin condena ós seus fillos
e sempre os perdoa.
Como o camiño á casa era algo costento,
cando subía
-curral arriba-
espertei.
E, ó espertar...
-xa de volta na realidade-
tiven sentimentos enfrontados:
de ledicia e de tristura.
Nese momento...
non me erguín.
Puxen a cara na almofada
e tapei a cabeza coa saba.
Pouco despois,
os meus ollos
derramaron bágoas
cheas de soidade e de morriña.
Silva, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora