Ourenaslia: A Señora Perpetua
Piñeiro, Antonio - viernes, 27 de marzo de 2009
A señora Perpetua era unha muller pequeniña, pero cunha alma inmensa que, como cantou Rosalía, foi unha das moitas viúvas de vivos das terras de Celanova dos anos 50 e 60.
Nacera nunha aldeíña das veigas miñotas de Padrenda, pero dende moi nova viviu en Celanova, onde rexentou unha panadería (daquela era un forno) coa que axudou a matarlle a fame a moitas xentes da revolta.
Ademais, a vida quixo que fose nai por dúas veces. A primeira, dunha abondosa camada de nove fillos e fillas que o matrimonio lle dera denantes de que o seu home tomara o camiño sen retorno cara Venezuela. E a segunda, de dúas netas que acolleu no seu regazo cando o corvo nun telegrama lle anunciou a morte dunha das fillas no parto da segunda neta.
A señora Perpetua era muller de gran bondade, que fuxía -coma do lume- das rifas e das xenreiras e, polo tanto, cando tiña que dicir algo co que non concordaba, sempre o facía cun aceno certamente entrañable que volvía imposible calquera afrenta.
A señora Perpetua era a bisavoa das miñas fillas porque era a avoa-nai da miña muller (prégolle que lea o posesivo coma un afectivo, sen outra connotación e sen ningunha outra teima) e cando as nenas eran pequenas e me escoitaba falar con elas sempre me reprochaba (co cariño co que adoitaba engalanar as súas verbas) que non lle falara castelán ás nenas, ó que eu sempre lle retrucaba con un non ve que é a mesma lingua coa que vostede se dirixe a elas....
Pero eu xa non sei falar outra cousa e ti coñeces ben as letras..., adoitaba rematar a cariñosa reprimenda, con certa resignación envolta nunha sorte de -para ela- inexplicable pena.
Falo hoxe da señora Perpetua e traio a colación esta anécdota ó fío do anuncio público que hai uns días fixo o colectivo Galicia bilingüe, pretendendo crear unha nova fórmula política como é a rifa preventiva, para avisar a Alberto Núñez por se se lle pasa pola cabeza non seguir ó pé da letra os postulados lingüísticos que tal colectivo ostenta.
Evidentemente Galicia bilingüe dista moito de formar parte do paraíso dos meus afectos, no que si segue militando de forma intensa a memoria da señora Perpetua, por moito que, se vivira e escoitara o seu ruído na televisión, seguramente que me diría: Ves como eses defenden o castelán para os seus fillos....
Entón, eu, co mesmo cariño de sempre, contestaríalle: Di ben, señora Perpetua, defenden o castelán, por moito que se disfracen con outra careta.

Piñeiro, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora