Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Semana Santa: espectáculo o acontecemento?

viernes, 22 de marzo de 2024
Semana Santa: espectculo o acontecemento? O pasado sábado tivo lugar no teatro Jofre de Ferrol o pregón da Semana Santa. Na miña breve intervención ante o auditorio, convidaba aos presentes a responder a unha pregunta que hoxe vos formulo en forma de reflexión: a Semana Santa, é un espectáculo ou é máis ben un acontecemento?

No proceso de secularización que nos envolve, moitos se achegan aos actos de Semana Santa coa única mirada do espectador que está desexoso de sensacións e de experiencias novas. É a actitude do que asiste a un espectáculo novo, que o compara con outros nos que participou ou co xa experimentado nos mesmos lugares en anos anteriores. A verdade é que, durante estes días, as nosas cidades, especialmente Ferrol, Viveiro e Mondoñedo, pero tamén noutros moitos lugares, énchense de procesións que están repletas de sensacións capaces de espertar e alegrar os nosos sentidos. Así o fai a vista, cando contempla as fermosas imaxes que desfilan ou os tronos que son escoltados por confrades dispostos harmoniosamente. Tamén o olfacto ábrese aos cheiros que esparcen xenerosamente os incensarios ou as flores que decoran as imaxes. Non menos goza o oído ao acoller con gusto os sons das bandas e as súas fermosas e coidadas melodías, os sons das carracas, as campás e outros elementos...

Certamente estes días están repletos de tradicións que constitúen un fermoso espectáculo que enche de vida e cor as nosas rúas. Estamos orgullosos de que a nosa fe se fixera cultura, mimetizándose coa alma dun pobo, expresándose en formas que superan a razón para abrirse á linguaxe non fácil dos sentimentos e as emocións.

Pero, sen dúbida, a Semana Santa é moito máis que un espectáculo. O que só descubra formas e beleza, tradicións e ritos, perdeuse a esencia que se quere comunicar. A Semana Santa é, ante todo, un acontecemento. O acontecemento fundante da fe cristiá, a razón que dá sentido ao camiñar dos cristiáns.

Cando falo de acontecemento quero expresar a experiencia que vive aquel que queda transformado por un suceso que acontece e sorprende de tal maneira que xa nada volve ser o mesmo. Iso é o que significa a morte e resurrección de Xesús que durante estes días dispoñémonos a actualizar. Trátase dun auténtico manancial onde bebe constantemente a experiencia cristiá. É o tesouro da Igrexa, o que a fai existir e o que a empuxa á evanxelización. Toda a Igrexa e todo na Igrexa irradia este acontecemento: o amor dun Deus que se entrega, que se dá e que vive connosco eternamente.

A Semana Santa é, por tanto, participar, admirar, acoller, agradecer, encomiar, comprometerse ante o acontecemento que cambia a vida das persoas que se deixan sorprender por el. É o acontecemento que actualiza, neste hoxe e aquí da historia, o amor entregado de Deus pola humanidade e por cada un de nós. Un acontecemento que non nos pode deixar indiferentes senón que se ofrece como boa noticia para este mundo tan necesitado de amor sen medida. Así acontece na liturxia das igrexas durante estes días e prolóngase nas rúas como eco e provocación para quen queira escoitalo.

A Semana Santa é un acontecemento: a paixón, morte e resurrección de Xesús que procrea vida e esperanza para a salvación do mundo. Grazas, queridos confrades, por ser instrumentos preciosos para comunicar e expandir esta boa noticia que oxalá vos transforme tamén a vós. Que así a vivamos e así a compartamos.

O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol
.
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES