Como se capaban os cochos?
"El dolor, cuando no se convierte
en verdugo, es un gran maestro".
- Concepción Arenal -.
Para capar aos animais había que tombar o bicho, menos os touros que se capaban de pé. As cochas e cochos tiñan que estar en xaxún e a cocha tiña que estar a dieta, logo poñíaselles o pé encima coa axuda doutras persoas e, cunha coitela pequeniña, facíase unha incisión

polo lado esquerdo, despois metíase o dedo índice da man dereita para ir buscando o ovario e detectalo entre os outros órganos, había que atopar a chamada "caguña" ou ovario para extraelo para fóra e logo cortalo e así se facía co seguinte, porque os ovarios son dous os que había que sacar, un a cada lado da matriz, sendo moito máis difícil o do fondo porque se non dobraba ben a cocha non deixaba chegar ao de abaixo. Aos cochos quitábanselles os testículos; nalgúns casos había que ligar as cortaduras para que non houbese unha hemorraxia, principalmente aos adultos, porque aos ranchiños pequenos non facía falta. Despois para rematar, e cando non había outra cousa, botábaselles aceite na ferida, untándoa ben para que non fosen fozar as moscas e infectasen a ferida.
Texto: Xosé Otero Canto
Ilustración: María Guerrero