O menciñeiro de Ousá
"Maruxa, se vas á feira
cómprame un rancho rabeno
que se mo compras con rabo,
non me cabe no cortello".
- Copla popular -.
Aló polos anos cincuenta e sesenta había un menciñeiro en Ousá chamado Xaquín Modia do Rabeno e tiña este nome, ou así o coñecían todos, porque a casa á que pertencía tiña un alcume como aínda hoxe o teñen todas as galegas, neste caso era coñecida coma a casa do Rabeno e por iso a Ángel se lle coñecía así.
Ángel era alto, sobre un metro oitenta, forte, estivo de emigrante nas Américas e tamén tiña un

muíño e para librarse da fariña e do po andaba sempre cun gardapós. Na ditadura marchouse para América, supoñemos as razóns polas que o fixo, máis non podemos testemuñalo, o que si sabemos e que o seu pai reclamouno cando xa ía ben vello debido a que precisaba dunha persoa que o coidase.
Ángel era o que facía as sangrías, curaba "o ronquillo". Que era o "ronquillo"? Era como unha infección de garganta parecido á amigdalite e coñecíase porque ao respirar facían ruídos e roncaban moito os bichos aos que lles afectaba este mal, tamén curaba os atrancos dos bichos coas patacas, as mazás ou os nabos facéndolles unha especie de masaxe na garganta ata que o animal o pasaba. Outros lles poñía aos cochos e cochas aneis de arame nos fociños para que non fozasen.
Aplicaba árnica en unturas e facía bafos de árnica e de eucalipto cos animais e tamén coa xente. Curaba co "caruncho" que era un fungo parasito que se atopaba nos cereais e sobre todo no centeo, tamén alcumado "gran de corvo" porque era da cor negra como os corvos, o que pagaban moi ben durante a ditadura, tanto o caruncho como a árnica, e por iso nos noso pobos e nas nosas parroquias había moita xente que andaba recollendo estas menciñas polas décadas dos cincuenta e sesenta do mil novecentos.
Texto.- Xosé Otero Canto.
Ilustración.- María Guerrero.