Que imos comer?
Santalla, Iago - miércoles, 27 de marzo de 2024
Tamén poderíamos preguntarnos se sabemos o que comemos ou se sabemos de onde vén o que comemos. Poderíamos seguir preguntándonos se nos convén comer froita de óso no inverno ou se comer cereixas fora de tempo é unha delicatessen ou unha burrada. Podemos, tamén, seguir reflexionando sobre en que país estamos enchendo o carro da compra e rematar cavilando na propia soberanía alimentaria.
Seguindo este fío, un chega á conclusión de que canto máis control sanitario hai, menos información temos do que levamos á boca. Entón xorden cousas incomprensibles como o control que se quere facer dos galiñeiros de autoconsumo ou ter que chamar á recollida pola morte dun bicho.
Así, para o labrego e o gandeiro, todo se volve pagar. Os impostos e as leis están baleirando o rural coa axuda constante de quen escribe leis sen poñer as zocas na terra.
O caso é que entre a globalización e o abandono do rural (afogado por absurdas leis) vai ser difícil saber que comemos e chegará un día no que botemos en falta sabores e calidades que, se cadra, xamais poderemos recuperar.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora