Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes (16)

viernes, 15 de marzo de 2024
Os Rubios do Marco das Pías e Toques

"Chifre de capador, instrumento compuesto de
varios cañoncitos o tubos de longitud diversa,
unidos y agujereados por el extremo superior,
que se pasa de izquierda a derecha y viceversa
por el labio inferior de la boca produciendo sonidos
que resultan armoniosos si el que usa el aparato tiene
arte y gusto. Lo usan los castradores en las aldeas
para anunciarse; y en algunas poblaciones lo emplean
los afiladores que se dedican a afilar navajas y cuchillos
a componer fuentes, barreños y paraguas".

Pablo Carpintero Arias.- Os instrumentos musicais na tradición galega collido do Diccionario de Eladio Rodríguez.

Este menciñeiro chamábase así porque era de onde se separan as provincias da Coruña Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes (16)e Lugo e os concellos de Sobrado dos Monxes, Friol e Toques e que leva un nome tan bonito e galego como é o de Marco das Pías.

Os Rubios, a parte de dedicárense ao mundo da capa, tamén o facían ao mundo da trata de gando (tenreiros, vacas vellas, cochos, cabritos e ovellas) e chamábanse así por que eran rubios, de ollos azuis e de cara, aire ou aspecto vermellón.
O capador era un dos dous irmáns ao que se coñecía polo nome de Ángel que nas feiras de Friol era onde a xente quedaba de acordo con el para que lles fose ás casas respectivas capar os cochos e cochas e cuxo percorrido aproveitaba para mercar, se se daba o caso, calquera animal que quixeses vender porque tamén era tratante.
O devandito Ángel poñíache día e hora para capar e sempre se anunciaba cun chifre moi curioso polo feito de que o citado chifre tiña dúas partes, a de abaixo, por onde o agarrabas que era de madeira e a de arriba, dun metal moi brillante, que lucía moito ben, pois cando lle daba o sol saían uns raios moi particulares do devandito chifre.
A coitela era redonda e moi cortante, como os bisturís dos cirurxiáns, a que metía nunha funda que era como unha especie de petaca de coiro, mais sempre despois de facer a capadura e rematar o choio, limpábaa primeiro e despois desinfectaba con augardente.
Fisicamente era altote, guapete, e novo para daquela. Andaba cun gardapó azulón ou azul mariño e viña, sempre que quedaras concertado, nunha besta ou cabalo xa que daquela non había estradas e era o mellor medio de comunicación.
Os cochos para capalos, dependía un pouco se eran máis novos ou máis vellos. Se eran noveiros levantábaos da parte de atrás e metíaos entre as pernas, sempre con dúas persoas que lle abrisen as pernas de atrás ou os xamóns, logo facía o corte polo medio da bolsa dos testículos, despois cortábaos independentemente e extraíaos. No intre mesmo de cortalos estaban os cans esperando por eles, arreboláballelos e os cans quedaban cativados co seu sabor.
Os cochos grandes, que eran os de entre tres e seis meses, tiñan que tombalos no banco de sangrar e logo facíase o que xa dixemos. Para coser sacaba unha agulla curvada coa que cosía con fíos de liño, chamadas "liñas".
As cochas tirábaas, ben no chan, ben no banco ou escano de detrás do lume porque o escano tiña que ser baixo e ancho, empregándose tamén como banco de sangrar os cochos nas matanzas. As cochas había que capalas dun lado cortando un pouquiño máis adiante do xamón, tombábaas de lado e poñíalles un pé enriba ou un dos xeonllos, pola parte de atrás había dúas persoas que lle termaban dos pés e despois de capalas tamén lles tiraba os ovarios aos cans. Antes de abrir a ferida e despois de facer a capa e coselas tamén desinfectaba co augardente, mais aínda ás veces había quen lle dicía "iso ía mellor empregado pola miña gorxa abaixo", por último botáballes un líquido vermello que chamaban mercromina ou vulgarmente "curocrón".
O capador sempre recomendaba que se deixase ao cocho ou cocha por fóra e non mesturalos cos outros cochos para que estes non lle fosen fozar a ferida e así curase antes e mellor.

Texto: Xosé Otero Canto
Ilustración: María Guerrero
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES