Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Carmen Blanco, pioneira do ensaio feminista e libertario en Galicia

viernes, 08 de marzo de 2024
A escritora e profesora Carmen Blanco participou dende os anos setenta no movemento galego de liberación das mulleres a través de organizacións como a Asociación Galega da Muller (AGM) ou Feministas Independentes Galegas (FIGA) e de revistas feministas como Festa da Palabra Silenciada, A Saia e Andaina. Mantendo este compromiso durante toda a súa traxectoria cívica e intelectual, en 1996 iniciou, co monográfico "Mulleres escritoras", a revista Unión Libre. Cadernos de vida e culturas (que desde entón coordina con Claudio Rodríguez Fer), fixo no 2000 a letra do himno galego da Marcha Mundial das Mulleres, "Marchando máis alá" (que cantou Pilocha acompañada Carmen Blanco, pioneira do ensaio feminista e libertario en Galiciade Milladoiro) e publicou en 2003 o reivindicativo ensaio poético sobre as féminas galegas ao longo dos séculos Alba de mulleres.

En consecuencia con esta posición ideolóxica permanente, como ensaísta centrouse moi reiteradamente en temas relacionados coa muller, co sexo e co xénero, a miúdo estudando as súas interrelacións coa memoria, as súas imbricacións no lugar e a súa resistencia contra o poder, fundamentalmente nos terreos da literatura, da arte e da historia. En todos estes campos, abriu camiños feministas e libertarios tanto na súa obra ensaística como na súa creación literaria nos séculos XX e XXI.

Proba disto é a súa autoría do primeiro tratado existente sobre Literatura galega da muller (1989), obra fundacional de gran repercusión, iniciada cun ensaio sobre Virginia Woolf, a quen Carmen Blanco tivo sempre como principal referente feminista. Nel aparecen traballos contribucións femininas galegas á poesía, ao ensaio, a narrativa, ao teatro ou a literatura infantil e xuvenil, abordando a través delas a problemática social da escritora, a controversia sobre a especificidade da escrita feminina, o sufraxismo e o antisufraxismo, as relacións entre feminismo e nacionalismo ou o comportamento literario da muller. Tal análise abórdase desde un pluralismo metodolóxico e interdisciplinar procedente da utilización das máis diversas contribucións universais, particularmente, da xinocrítica e da crítica literaria feminista. Complementariamente, a esta obra seguiron de inmediato os dous primeiros catálogos publicados de Escritoras galegas (1992) e de Libros de mulleres. (Por unha bibliografía de escritoras en lingua galega: 1863-1992) (1992).

Inversamente, a súa tese de doutoramento "Imaxes de mulleres na literatura galega contemporánea á luz dos discursos feministas" deu orixe ao libro Nais, damas, prostitutas e feirantas (1995), primeiro estudo de conxunto de prototipos femininos na literatura galega escrita por homes que tamén tivo unha gran repercusión. Carmen Blanco analizou aquí as imaxes femininas e a incidencia da variable xenérica en creacións literarias fundamentais da cultura galega, como son a narrativa de Ramón Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor ou Alvaro Cunqueiro, e a poesía de Ricardo Carballo Calero, Celso Emilio Ferreiro ou Xosé María Díaz Castro. As nais, as damas, as prostitutas e as feirantas representan os prototipos femininos básicos entre os que, para a ideoloxía patriarcal establecida, o primeiro par simboliza o centro positivo e o último as ambiguas ou negativas marxes. Mais, segundo a autora, por enriba de todos sobresae a sombra poderosa das nais, paraíso perdido que todo o envolve e que se adoita identificar con Galicia. Así, Carmen Blanco revela a existencia dunhas estéticas patriarcais e dunhas miradas androcéntricas que non poden evitar a multiforme diversidade humana, feminina ou masculina, acochada máis alá dos patróns xenéricos.

O seu amplo coñecemento do movemento de liberación das mulleres no mundo e en Galicia deu lugar ao seu ensaio O contradiscurso das mulleres. Historia do proceso feminista (1995), obra de referencia que foi ampliada na súa tradución ao castelán, feita por Olga Novo (1997). Nela acometeu a primeira historia do feminismo no mundo occidental escrita en galego, desde as orixes ata fins do século XX, pasando por Carmen Blanco, pioneira do ensaio feminista e libertario en Galiciadiferentes países ata centrarse no establecemento do primeiro panorama do movemento feminista en Galicia. Así mesmo, na tamén ampla miscelánea Mulleres e independencia (1995), recompilou a maioría dos seus artigos feministas publicados na prensa ata esa data.

Xa no século XXI, reuniu os seus principais estudos literarios posteriores sobre literatura e arte en torno á muller no amplo compendio Sexo e lugar (2006), que se remonta á literatura medieval e que chega á poesía galega de José Ángel Valente e ao "mundo novo" da poeta Olga Novo, incluíndo a produción artística de Eugenio Granell, Maruja Mallo, Urbano Lugrís e Isaac Díaz Pardo. Tras el, publicou os libros Feministas e libertarias (2010), centrado en moi diversas mulleres avanzadas, como Emma Goldman, Sofía Casanova, Simone de Beauvoir, Juana Capdevielle ou as anarquistas de Mujeres Libres, e Letras lilas (2019), dedicado a escritoras galegas contemporáneas, como Rosalía de Castro, María Mariño, Dora e Pura Vázquez, Luz Pozo Garza ou Xohana Torres.

Precisamente sobre algunhas destas últimas autoras citadas fixo edicións e monografías específicas, entre as que salientan a edición anotada do poemario Códice Calixtino (1992) e as edicións introducidas da antoloxía poética Historias fidelísimas. Poesía selecta 1952-2003 (2003) e da poesía reunida Memoria solar. Obra poética (2004), todas obras de Luz Pozo Garza e, sobre todo, o libro Luz Pozo Garza: a ave do Norte (2002), primeiro feito sobre dita autora. Na mesma liña, publicou a monografía María Mariño. Vida e obra (2007) e preparou a recompilación de estudos María Mariño Carou. Día das Letras Galegas 2007.

Estes traballos enlazan coa súa actividade profesoral exercendo a docencia, primeiro na ensinanza media e logo na universitaria no Campus de Lugo e na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, pois forman parte das súas innumerables contribucións ao estudo da literatura galega.

De feito, o seu primeiro libro publicado foi Conversas con Carballo Calero (1989), ampliado en Conversas do Ricardo Carvalho Calero (2020), ao que seguiron a monografía Carballo Calero: política e cultura (1991) e a súa edición de Umha voz na Galiza (1992), encargada polo propio autor, Ricardo Carvalho Calero, antigo profesor dela de ensinanza media no Colexio Fingoi de Lugo e, posteriormente, de ensinanza universitaria en Santiago de Compostela, sobre quen publicou ademais numerosos artigos e a tradución ao castelán da súa novela Escorpio (2022).

Ademais, en colaboración con Claudio Rodríguez Fer publicou as edicións introducidas e anotadas de Con pólvora e magnolias, de Xosé Luís Méndez Ferrín (1989), e de Os eidos, de Uxío Novoneyra (1990). E, sobre este último poeta, publicou as monografías Uxío Novoneyra (2009) e Novoneyra: un cantor do Courel a Compostela. O poeta nos lugares dos seus libros (2010), así como unha Antoloxía poética (1997). E tamén fixo a edición dos libros Xosé María Díaz Castro. Día das Letras Galegas 2014, con Xosé Manuel Salgado, e Manuel María. Día das Letras Galegas 2016.

Mais foron moitos os libros colectivos, as actas de congresos, os catálogos de exposicións, as revistas especializadas e os xornais de dentro e de fóra de Galicia nos que colaborou sobre literatura galega ou sobre cultura ou creación relacionada coas mulleres e coa memoria antifascista.

Neste último terreo, publicou Casas anarquistas de mulleres libertarias (A resistencia anarquista das mulleres despois do levantamento fascista de 1936) (2007) e, con Claudio Rodríguez Fer, o catálogo da exposición Vermellas. Chamábanlles "rojas" (2009) e Vivas en nós. Mulleres represaliadas polo franquismo na Coruña a raíz de 1936 (2011). Por estas e outras actividades memorialistas a parella recibiu o Premio Galicia Mártir de Recuperación da Memoria Histórica outorgado pola Fundación Alexandre Bóveda (2014). En sintonía con esta temática, prologou, tamén con Claudio Rodríguez Fer, o estoxo cos álbums Nós, Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos, de Castelao (2022). E así mesmo co mesmo compañeiro acometeu edicións epistolares, como as de Correspondencia con Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, de Isaac Díaz Pardo, (2020) e Arte epistolar. Envíos, poemas e debuxos para Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer de Luz Pozo Garza (2020).

Ensaios seus como "Grandes ondas movendo ao ben e á ventura", publicado como introdución ás obras La mujer del porvenir e La mujer de su casa, de Concepción Arenal, reunidas nun volume facsimilar (2020), poñen en evidencia que Galicia e a súa cultura terían non só menos coñecemento, senón tamén menos liberdade, xustiza, igualdade e memoria, e tanto para mulleres como para homes, sen os pioneiros escritos, sempre feministas, libertarios, lúcidos e comprometidos, de Carmen Blanco. Este 8 de marzo que se conmemora o Día Internacional da Muller é máis violeta grazas precisamente a escritoras como a irredutible autora de Letras lilas.
Bao, Marcela
Bao, Marcela


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES