Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dous compañeiros e amigos da ialma

miércoles, 06 de marzo de 2024
Luís Fole e Antonio Domínguez in memoriam.

Teño a obriga facer estas lembranzas dos "dous amigos da ialma", Luís de párroco en Viveiro, desde algún tempo internado na Residencia de Vilalba, e Antonio de párroco en Vilalba, cuxos pasamentos en novembro e decembro pasados deixáronme moi derrubado. Estas lembranzas fanme tamén erguer un pouco o ánimo diante da ausencia dos amigos.

Os tres compartimos nos longos anos do Seminario como o "trío de canto" de tiples e tenores e barítonos; concordamos no deporte, fixemos teatro; deixamos alí no Seminario pegadas de música, o ano 1958, editamos un folleto con cantigas populares galegas, coa letra e a música, que serviron para animar as nosas veladas. Abría o himno galego, como un amago de galeguismo que só o practicamos no folclore, mais alleo á lingua e ao compromiso con Galiza. Anos duros da ditadura. De Pascual Veiga soaba o "deixade os leitiños", mais pouco ou nada o himno. O noso espírito cara o sacerdocio era firme, nunca falamos de rapazas; éramos felices nos nosos proxectos de apostolado.

Con estes "compañeiros da ialma" superamos con optimismo os problemas e dúbidas nun Seminario enclaustrado. Tempo senlleiro, aínda que a nosa base social, política e teolóxica fora lixeira. Despois separounos a vida pastoral e civil. Emporiso, sempre tivemos relación no noso pastoreo eclesiástico e parroquial con encontros esporádicos, que nos facían compartir uns intres de ledicia fraterna coas renovacións da Igrexa e remoendo historias pasadas.

Velaquí unha anécdota que sen dúbida lles interesa aos e ás lectoras. O bispo, Don Mariano Vega Mestre, conseguira para os seminaristas acampadas no mes de agosto en Gandarío e na Devesa, rexidas polos falanxistas. Nun altercado entre xefes e acampados rematou coa expulsión de Luís e a miña. "Sen xantar -dicía Luís- temos que coller a maleta cos fardos e ir para a cuneta da estrada N634, onde paraba o Pulman, sen a compaña dos amigos polo medo. E esa expulsión levaba consigo a expulsión do Seminario? Dicíanos o reitor nunha entrevista: "se ha provocado un incendio y ahora es difícil apagar". "Pero, Don Francisco, - retrucamos- ¿quiénes nos expulsan, ustedes o los falangistas?" A cousa solucionouse sen máis trécolas. Non transcendera aos medios nin no radio Pirinaica, que aí si saíra o de Gandarío. Volvemos para o Seminario; mais non sen recibir a reprimenda pública na apertura do curso por parte do Bispo, quen ademais de capelán coronel no exército tería relacións falanxistas. Mais, cal fora o noso pecado? Non facerlles caso aos xefes do campamento, ás consignas, non asistir ao izar ou arriar bandeira; suficiente por negarse á paga do tributo da acampada da Devesa e da praia das Catedrais, daquela ignoradas.

Outro caso que quero lembrar no tempo duro da loita obreira antifranquista do 72 en Ferrol, cando un sufrira o cárcere n´A Coruña e a reclusión no convento de Herbón. Alá ven verme Luís co compañeiro amigo de sempre, José Bello Lagüela, interesárense pola miña desgraza. Foi unha visita dos bos amigos de corazón que nunca esquecín, por non teren reparo compartir co amigo "desvariado".

Certo que compromisos distintos fóronnos separando a partires dos anos 70. O meu camiño foi por rumbos de transformación e de renovación radical e tamén máis arriscados, como que suporía transformar aquelo que estaba como pedra ben afincada e que tiñamos que remover ou rachar, se fixera falla; os amigos da ialma, emporiso, seguiron por camiños máis firmes, aínda que dicían: "o máis difícil foi terse que adaptar un ás transformacións polas que pasou e está a pasar a Igrexa e a sociedade". Para min iso era o que me empuxaba para seguirmos por eses novos camiños deixando o de atrás como sombras e pantasmas a rexeitar.

Un día, eu xa xubilado, chámame Luís: "oes, diagnostícanme a EPOC". "E que é iso?". "É Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica". "Pola fuma", dígolle. "Pois iso debe ser", responde aceptándoo. Outro día a miña chamada coincide cando o levaban na ambulancia, acompañado pola doutora do ambulatorio de Viveiro ao Centro hospitalario de Burela, pois tiña un baixón moi perigoso de osíxeno, como para non chegar vivo. E aí comeza o seu proceso longo compartindo xa de cerca coa EPOC.

Con Antonio véxome de cando en vez tomando os viños cos amigos; compartindo a mesa na presentación do libro Consejos de Guerra Contra el Clero Vasco... Un día chámoo por tfno e respóndeme: "stou no Hospital de Lugo", - que pasa?, - "xa me van dar a alta". Aos poucos días vémonos e dígolle: que che pasou?. Dime: -oes, andaba uns pasos e tiña que parar e sentarme, e ingresáronme.

"Toñito, - saíume así o nome familiar -, déixate de apuros, de horarios, de enterros, de todo o que che supoña responsabilidade e inquedanza". -"si, xa mo dixo o Bispo: "deja las responsabilidades y ayuda solo en lo que puedas", pero éche difícil adaptarse á inutilidade".

Á perda de Luís e Antonio, engado a de Vicente Couce, outro "amigo da ialma". Sento un baleiro grande destas ausencias que nos derradeiros anos compartín a compañía con tanto agrado. Quedan con moito agarimo no noso corazón e na nosa memoria para sempre. E seguiremos loitando, mentres se poida.
Ferreiro Currás, Anxo
Ferreiro Currás, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES