Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pousos de natureza de Ricardo Seixo

jueves, 29 de febrero de 2024
Varios son os libros de Ricardo Seixo: Ollares... no fondo da retina... na paisaxe dos afectos (2016), Versos noctámbulos (2018), Na república da intimidade (2019), Sinais (2021) e Coa luz negada (2021) e o seu sexto poemario, Pousos de luz, con deseño e ilustracións de Abraham Vila. Media ducia de obras (que se ven incrementadas con Outra volta de rodicio) ata o momento.
Pousos de natureza de Ricardo Seixo
Os valores que descubrimos na primeira lectura, e que o autor destila, son a igualdade de xénero e a loita fronte a esa violencia, a natureza e o medio ambiente, especialmente.

Si, outro aspecto que me ten moito interese é colocar a natureza, o medio ambiente, o respecto polo planeta no centro da escrita. Este é un libro verde, un libro fermoso no continente e no contido. Un libro onde se reivindica aos animais coma amigos ou irmáns, como facía Francisco de Asís. Un produto fermoso, un xogo cos verdes, coa vexetación e os animais, un traballo delicado. A poesía verde que se estende máis alá das palabras. Convídanos á creación cando nos di "...debemos sermos quen de xerar algún froito".

Unha dedicatoria aos activistas do patrimonio natural e cultural dos seus pobos, aqueles que foron asasinados por defendelo, aos que loitan contra a globalización económica e cultural. Informa: no 2019 contabilizáronse un total de 212 asasinatos, máis de dous terzos en América Latina. Está permitida a reprodución "Estes Pousos han de se sentir ledos de seren reproducidos por todos os medios posibles (mecánicos, informáticos ou manuais para fins sen lucro e respectuosos coas persoas e a natureza)". Un bo comezo!

O limiar é de Elvira Cienfuegos e Pepe Salvadores. Nel presentannos a Eira da Xoana de ADEGA, e falan do compromiso de Ricardo e a familia con ese empeño medio ambiental. Porque cando xa non podes confiar na cidadanía para manter o bosque autóctono, as árbores dos avós, tes que mercalo e coidalo.

Esa é a Eira da Xoana que eu vos convido a visitar. Aprenderedes moito.

Recollo do limiar: "Non é o poemario un canto á natureza: é a expresión de quen está absolutamente inmerso nela apegado ao chan, ás pedras, á terra... a natureza como metáfora para explicar inxustizas, dificultades, loitas, expectativas, logros. Sempre coa esperanza dun futuro mellor que nós debemos construír".

A natureza: xea, flora, fauna está presente en cada poema. Os animaliños, aqueles que o santo chamaba amigos, a camiñar os versos.

Fala o poeta ao pé dos animais (do esquío, do raposo, do rato ou da curuxa, das pombas, do lobo que anda na procura do espazo roubado pois tan só queda o eco das pedras que cantan silenciosas, da aguia, do caranguexo, das garduñas, xabaríns, corzos, pintafontes, xílgaros, gavotas, pegas, corvos, bubelas, ferreiriños, carrizos, merlos, cucos, lavandeiras, anduriñas...). Recollo algún anaco, algunha idea, para facer boca: "Como o esquío gosto de andar lixeiro, vivo, no meu espazo, para non lles conceder oportunidades aos depredadores", "As pombas peteiran nos vidros / dun país ausente", "O facho está aceso, / que alumee o camiño cara a liberdade / depende de nós".

Unha poesía evidente que non precisa agacharse, que se mostra, tal cal é. E este libro que temos aquí é un libro verde. Dende o deseño á ilustración da maquetación ao contido.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES