Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Violencia de xénero (4)

martes, 27 de febrero de 2024
Ao día seguinte a miña dona si que o foi, ¡que non foi!, autorizándome a volver a Bonxe, pero eu só, de paso que recollía aqueles cacharros, que nolos ían ter vernizados e cocidos.

-¡Este permiso é improrrogable: antes da noite quérote aquí, e escribe con luvas, pois ese rapaz é capaz de contaminarche o seu machismo! ¡Canto dano se está facendo a si mesmo con esa febre de poñer por escrito os seus delirios de poder e de grandeza!

-¿De grandeza, ou de xustiza?

-A xustiza inxusta é un privilexio dos grandes..., e el non pasa do un setenta!
...
Violencia de xénero (4)
Ao seguinte:

-¿Que; como estás hoxe? ¿Estás arrepentido dos teus abusos?

-¡Peor, moito peor, pois acaba de saír o seu avogado, o dela, cun papel que me fixo firmar autorizándoa a vender o noso Mercedes, que era de gananciais!

-¡Iso é un mérito seu, de boa administradora, pois un coche nun garaxe, tres anos seguidos, ferruxe puro!

-¡Nun garaxe tamén estou eu, neste de Bonxe, pero xúrolle a Deus que ao remate disto irei buscar aquela que tiña en perspectiva, a do fillo bravo, para facerlle dous ou tres, pois, por moito que me saquen, máis me queda, que eles non saben da miña caixa de seguridade en certo Banco, lingotes de ouro, e tamén brillantes en bruto! Pero isto non o poñas na miña entrevista..., por se acaso!

(¡Claro que o poño, ou deixaría de ser imparcial!)

Isto de volver a Bonxe, é outro dos sacrificios que me trouxo a miña condición de ser home de palabra. O preso de marras xa me recibiu cun feixe de folios na man: ¡estivera preparando esta segunda entrevista meticulosamente, tanto coma un político, e iso que renegaba deles!

-¿E logo, que; consultaches coa almofada? ¿Estes folios son a túa retractación...? ¡Mira que che convén facelo..., para que o teu amor volva a ser, iso, teu!

-Coa almofada consultei, e aquí están as miñas conclusións: Veño de redactar sendas propostas lexislativas para recolle-las firmas dos afectados, co seu preámbulo xustificativo e demais requisitos, artigos e cláusulas adicionais, para que os leguleios non se extravíen en desviacións subxectivas. Dúas, dúas leis son precisas para que o noso futuro sexa, iso, un futuro digno, pois a situación actual é propia de países amazónicos, séxase, rexidos por amazonas.

-Entón, que teño que facer? Anoto o que me digas, ou xa o tes redactado en forma de monólogo?

-Toma nota do que falo, do que che explico, que isto, estes papeis, redactados por min, son o corpus iuris do asunto. Ante todo, cómpre reformar radicalmente esa mal chamada e mal concibida Ley de Violencia de Género, pois unha análise superficial do seu texto, do actual, leva á conclusión de que é moi pobre de redacción, pobre e nesgada, rozando, se non incorrendo, en desaforos constitucionais pola evidente discriminación que reflicten algunhas frases da mesma. ¿Ou é que xa non hai gramáticos no Congreso? Sequera en Madrid iso das redaccións téñeno fácil, que só traballan e viven en castelán. Téñoo máis difícil, porque penso en bable...!

Eu crearía, simultaneamente, unha Lei de Sociedades de Convivencia A Perpetuis, pois iso de “Matrimonio” é fariña doutro saco. Unha sociedade, toda sociedade de Convivencia, levaría implícito un modus vivendi, séxase un modo de vivir, arranxo, acordo ou transacción entre dúas partes, perfecta e rotundamente tipificado nas variantes de:

. Sociedades de Convivencia con achegas individuais de bens, dos que se incorporaría un inventario para o seu retorno, ou equivalente en moeda actual, a quen se apartase ou a disolvese.

. Sociedades de Convivencia sen achegas individuais, ou con achegas funxibles no patrimonio común, que sempre terían o tratamento de Comunidades, séxase, a partes iguais.

Desfeitas estas sociedades, fose uni ou bi direccionalmente, por acordo documentado, ou por falecemento dun dos integrantes, había que prever no Código Civil que porcentaxe do seu caudal relicto iría parar a un Fondo de Asistencia para Menores orfos e/ou abandonados.

Interrompino, pois esa nova estrutura xurídica caía lonxe do meu entender:

-¿Un Fondo de Asistencia para Menores Orfos...? No Dereito Comparado non existe esa figura, e por tanto, sería unha creación ex-novo, non si?

-¡Novas circunstancias, novas previsións! Xa que estas machorras, ou eses efeminados, se amontoan desa maneira gozando de tódolos bens da sociedade actual, pero negándolle brazos e cerebros que manteñan e acrecenten o progreso humano, séxase, a conservación da especie, principio e fin de tódolos seres animados, é xusto que, xa que non aportan voluntariamente, o teñan que facer a fortiori, contribuíndo, por vía sucesoria, aos gastos do Erario Público. ¿Enténdelo agora?

-¡Cómate nunca o diaño! Pola miña parte, e de aquí en diante, en vez de chamarte Asturiano, quedas bautizado co nome de Licurgo! ¡Amén! ¿Sabes que che digo, e obrígasme a dar remate a esta entrevista de…, de lelos? ¡Dixen lelos, pero habería que engadir, de leigos lelos! ¡Vas ter sorte, que seica están suprimindo os manicomios de Galicia para transformalos en Puntos de Asistencia Continuada!

O preso, o Licurgo, non se cortou nin un pisco, que me rebateu tronante:

-¡É unha pena, pois esas casas de Saúde Mental facían falta para encortellar a eses lexisladores témeros que non saben lexislar! Sigamos, así que volve a acender esa gravadora, que ben te vin darlle ao stop!

As miñas leis de Convivencia recollerán tódalas desviacións imaxinables, e serán válidas, estarán en vigor, ata o día en que vexamos aos cans montados noutros cans, e as cadelas facendo o ídem con outras cadelas, cousa que vai para largo!

-Querido Licurgo, téñote que interromper de novo pois dáme a impresión de que non estás actualizado...; nin actualizado nin no teu xuízo, no propio dun homo sapiens!

-¡Querido amigo, as túas obxeccións non teñen peso específico; nin peso, nin futuro! Ten en conta que, coas miñas previsións, evítolle ao futuro que algún día, nalgunha parte, a un gobernante ortodoxo lle dea por castrar a tódolos desviados, a tódolos violentos, deste país...

Volvín a interrompelo, cun chisco de esperanza en alumarlle:

-De presente, xa nin se capan os porcos, e ben que se nota despois nas carnes, que lles queda un sabor desagradable, a bravío!

-Ti, que es tan afeccionado á Biblia, mira aquí, -e mostroume o Xénese, -no, 2.24: "Por iso deixa o home seu pai e súa nai para xuntarse coa súa muller e faceren un mesmo corpo". ¿Pode facerse un "mesmo corpo" entre bichos de igual xénero? Os do mesmo signo, por lei natural, repélense!

-É evidente que non..., que non se pode! -Tiven que aceptarlle esa alusión á imposibilidade física aludida.

El estaba, seguía, lanzado, feito un bólido.

-Daquela, como non é cousa, aínda, de capa-los desviados, e por outra parte están admitidas as sociedades civís, de par das mercantís, eses tales, sen ter que incorrer na contradición de chamarlles "matrimonio" a eses axuntamentos que non son tales, poderán asociarse! Pero anota ben, ao pé da letra, que das gravadoras non me fío: A-so-ciar-se! Serán unhas sociedades un tanto estrañas, pero con forza legal; non só toleradas, senón rexistradas; cos seus dereitos, pero tamén cos seus deberes! En canto ao matrimonio propiamente dito, a súa terá que ser unha Lei de Reciprocidades, e nada de proteccionismo unilateral. Terá que prever, e recoñecer, que a muller, en xeral, é máis intelixente có home, e precisamente por iso hai que prever as súas mañas, as súas argucias, os seus subterfuxios, as súas provocacións sibilinas. Polo que fai ao home, como temos acreditada unha certa brutalidade, ¡home que se porte mal, como foi o meu caso, forzoso á Lexión! Foi un erro aquilo de suprimir o servizo militar obrigatorio pois conviña domarnos un pouco, e nalgún caso, tal que o meu, moito!

-Na Lexión tamén hai mulleres, e ben que o fan! -Argumenteille.

-Na actual, si, pero eu crearía a de Forzas Especiais, o Terzo das Sansón; unha forza especial de ataque para enfrontala aos inimigos externos, na que encadrarían todos aqueles que demostramos ser incapaces de controlar e de prever as argucias das Dalilas respectivas. ¡Un batallón dos torpes! Cando esta previsión teña efectos, xa verás que poucos homes se atreverán a levanta-la man contra as mulleres! ¡Diálogo, por aburrido que sexa, ou..., Lexión! Dicíase no Exército que unha retirada a tempo era a mellor das vitorias; daquela, os débiles, ¡fuxir, que tamén foxen os ventos!

-¿Fuxir..., para onde, pois, afortunadamente, hai Rêve d'Or en todas partes?

-Nos conventos de frades, aínda non. ¡Esa será a mellor saída para os violentos! Nas celas recolectas teríamos tempo e ocasión de arrepentirmos da nosa estulticia, da nosa imprevisión por non pararnos a escoller femias acreditadas, mulleres con certificado de boa conduta, séxase, de escravas!

-¿Expedidos por...?
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES