Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mata-lo tres

lunes, 26 de febrero de 2024
Canta penuria había daquela nas nosas aldeas!
(falo dos anos corenta e cincuenta do século pasado).
Ó acordarme agora daqueles tempos,
danme ganas de berrar.
E -se non fose pecado- tamén de blasfemar.

Inda hoxe estou vendo
como meus pais e mailos veciños
traballaban coma burros
co carro tirado por vacas,
co arado romano, co fouciño, coa sacha, coa gadaña...

Estounos vendo
como, despois dos duros e penosos traballos do día,
xuntábanse polas noites do inverno
o redor da lareira dunha casa pra xogar ás cartas
e contar contos: algúns, máxicos; e outros... de medo.

Era o único divertimento
que se podían permitir,
pois nas nosas atrasadas aldeiñas
non había outros pasatempos
nin tampouco cartos pra buscalos noutro sitio.

Contaban contos
de raposos nos galiñeiros,
de lobos asustando ós animais e á xente,
de bruxas e meigas,
da Santa Compaña.

Xogaban ó tute
pra cantar as corenta e mailas vinte..., se podían.
E xogaban á brisca
pra gañar a partida
e, sobre todo, pra mata-lo tres de trunfo.

Recordo que mata-lo tres
era pra eles moi importante.
Celebrábano con alborozo
(aturuxos incluídos)
e lembraban o feito durante algún tempo.

O que mataba o tres
sentíase triunfador,
mentres que o posuidor do tres matado
sufría certa humillación
como xogador derrotado.

Cando xogaban na nosa casa,
se meu pai e a súa parella perdían,
miña nai -con moito disimulo- poñíalle unha agulla
no fondo da chaqueta ou da zamarra,
por crer firmemente que ese ferriño daríalle sorte.

Eu non podo asegurar se lle daba sorte ou non,
pois unhas veces gañaba, e outras perdía.
O que sí podo dicir é que, da nada... sacaban petróleo,
porque o pasaban moi ben
xogando á brisca baixo a luz dun candil.

E aí collían forzas pra levantarse pola mañá cedo
-cando o sol espertaba e os galos cantaban-
e pra, despois de muxilas e de darlles de comer ás vacas,
ós porcos e demais animais,
marchar correndo prás leiras, prós prados e prós montes.

Estou seguro de que Deus ten na súa gloria
ós nosos pais, avós e bisavós.
E tamén estou seguro
de que lle están arando as leiras do ceo
con sucos ben dereitos.

Tamén estou convencido de que algunhas noites
xogan á brisca con Deus e de que, de vez en cando,
tamén lle matan o tres.
E San Pedro -que os está asalando
cunha porta entreaberta- pártese de risa.
Silva, Manuel
Silva, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES