Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes (13)

viernes, 23 de febrero de 2024
O Real de Pacios (Castro do Rei)
"A proba do tempo demostrou que o menciñeiro
tiña razón..."

Alvaro Cunqueiro 'Escola de menciñeiros'.

"O Real" era coñecido en toda a Valura por este nome, aínda que el se chamaba José Antonio Campo López, que naceu no ano 1902, ao comezo do século XX na parroquia de Aldurfe do concello de Riotorto e nós coidamos que o fixo no barrio de "Real e Salgados" Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes (13)coñecido como "O Real" e de aí pensamos que lle vén o nome que posteriormente lle vai dar á casa que rexerá nun futuro próximo.

De Aldurfe en Riotorto, vén para Pacios de Castro do Rei por mor do seu casamento con Cristina Expósito Folgueira, nada en México e xemelga doutra irmá chamada Carmelina. Cando José Antonio, "O Real" veu para Pacios, xa tiña uns 37 anos e daquela xa era menciñeiro e xamoneiro, profesións coas que continúa en Pacios e dándolle nome á casa como a casa de "O Real".

José Antonio, "O Real", era un home alto, máis ben delgado, algo presumido e bo mozo, atractivo, nobre, bondadoso e amigo sempre de axudar, falaba pouco e ben. Era un home descansado no seu ser e na súa fala. Fumaba algo e tomaba unha copa de augardente, se se daba o caso, chegando aos 84 anos e a pesar do traballo e daqueles tempos adiados.

"O Real" era moi bo menciñeiro e traballaba moito a albeitería porque non había veterinarios e el tiña que suplir a falta destes. Ía sempre de a cabalo facer as consultas que lle reclamaban os labregos sobre calquera animal vivo que houbese na casa, aínda que o que máis lle gustaba era menciñar as vacas e así, entre outras moitas cousas, facía partos e tamén algunha cirurxía como era a extracción de tumores e vultos. Daquela non había penicilina nin medicacións, que viñeron despois, nos anos 50.

A medicación anterior era a base de fórmulas de menciña e as devanditas fórmulas facíanas nas farmacias, que daquela eran os laboratorios e que hoxe tan só se dedican a expender medicamentos, máis non fan ningún. Estas fórmulas eran chamadas fórmulas maxistrais, que agora están prohibidas.

José Antonio xa utilizaba droga, é dicir química, como podía ser a esencia de trementina, o alcohol alcanforado ou a augarrás para tratar a coxeira dunha vaca ou un tumor a base de friccións dos citados compostos. Outra das menciñas era un tónico cardíaco que consistía nunha medicación inxectable a base de aceite alcanforado e outros.

Texto: Xosé Otero Canto
Ilustración: María Guerrero
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES