Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Caldaloba: antonte, hoxe, sempre

jueves, 22 de febrero de 2024
Antonte.- Cando dona Constanza de Castro se mete en Caldaloba, levaba canda ela a traizón da Frouseira, que lle fixeran os criados a seu pai, o que acabou coa imbatibilidade do Mariscal fronte as tropas de Acuña e Mudarra; levaba canda ela a traizón de Afonso Yáñez, secretario do bispo mindoniense, na súa casa de Castrodouro, o que deu lugar a que colleran ao Mariscal e fillo, e os levaran presos para Mondoñedo; levaba canda ela eses tres días longuísimos (do 1 ao 3 de outubro do 1483) nos que estivo preso nunha cámara da casa de Fernán Balea, cóengo, onde lle fixeron asinar o testamento e codicilo; levaba canda ela a degolación de seu pai e curmán; levaba canda ela a soedade da súa mai, que con todos os bens incautados tivo que ir a meterse nunha fortaleciña en Castromaior; levaba canda ela o pensamento de que se perdía a loita en Caldaloba, podería pasarlle o mesmo que lle pasou a seu pai e curmán, mais tamén levaba canda ela a esperanza de derrotar aos Comisionados e facelos voltar para Castela. E alí estivo máis dun ano intentándoo ata que a levaron á morte por envelenamento, e así rematar co cerco.

Hoxe.- O xornal NÓS hai un par de meses publicou a historia da torre de Caldoloba, feita por dona Alexandra Cabana, que comenzaba así: “A torre de Caldaloba é un símbolo na Terra Chá e no país enteiro pola resistencia que nela tivo Constanza de Castro, filla do mariscal Pardo de Cela, fronte aos mandados dos Reis Católicos…é, tamén, símbolo da loita dun pobo na defensa do seu patrimonio da man do asociacionismo de base, destacando nesa labor a ARC San Martiño de Pino e as accións conxuntas de cerca de vinte asociaccións en 2021, determinantes para que as administracións públicas iniciasen o proceso de compra”. Os que non esquecen son as xentes da contorna de onde aconteceron os feitos porque despois de cincocentos trinta e oito anos, os veciños de Caldaloba piden, unha e outra vez, manter en pé a torre onde dona Constanza deixou a vida por enfrontarse ás tropas casteláns. Hai feitos que un pobo non esquece porque manter Caldaloba é manter unha parte importante da nosa Historia, señores da Deputación de Lugo e responsabeis do concello de Cospeito.

Sempre.- Mais no só as xentes chairegas e mariñáns lucenses manteñen a memoria de Caldaloba senón que a súa historia xa transcendeu ao ámbito da literatura, entre outros, Caldaloba en terras de Valverde de Rábade Paredes ou o poema Constanza de Castro de Marica Campo, así como as obras de teatro Pedro e Constanza de Manolo Lourenzo, Un corvo en Caldaloba de M.ª Xosé Lamas ou o Drama histórico de dona Constanza de Castro de Xosé Otero Canto veñen a inmortalizar os feitos, a dona Constanza de Castro e Fernán Ares de Saavedra. Por tanto, tradición oral popular e literatura serán sempre e para sempre as testemuñas de Caldaloba anque desta torre fique un feixe de pedras sobre o coto do Mato.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES