IV. Parroquia: Cedrón, Santiago de

1. Restos dun VíaCrucis
Coordenadas U.T.M: X: 641.617 Y:4.743.482
Está composto de 11 cruces, colocadas na parte superior do muro, que separa o adro da igrexa dunha estrada local, que parte a esquerda da LU- 636 (Sarria- Becerreá).
As cruces revisten os seguintes trazos: Base paralelepípeda sobre a que se ergue unha cruz de sección cuadrangular nos extremos e oitavada no resto; os extremos dos brazos e da cabeceira teñen forma de cruz potenzada. Algunhas arestas da base están deterioradas.
2. Cruceiro do Adro da Igrexa
Coordenadas U.T.M: X: 641.598. Y: 4.743.478.
Está situado no adro da igrexa parroquial de Santiago de Cedrón. Consta dunha serie de partes claramente diferenciadas e dispostas nunha orde ascendente da seguinte maneira.
Unha plataforma granítica de tres chanzos cunhas fendas, que foron arranxadas con cemento. Esta serve de sostén a unha base monolítica, composta de dous corpos: o inferior, de forma paralelepípeda; e o superior composto por un pequeño corpo de forma troncopiramidal; tamén, hai pequenos arranxos de cemento na súa estrutura.
A base prolóngase nun fuste monolítico, de sección cuadrangular no extremo inferior e oitavado no resto. Non hai capitel, polo tanto o fuste é o soporte dunha cruz latina, que amosa unha sección cuadrangular nos extremos mais coas arestas achafranadas no resto; ademaís amosa un tipo de cruz potenzada nos extremos dos brazos e da cabeceira.
3. Cruz Misional

Coordenadas U.T.M. : X: 641.602 Y: 4.743.485
Está colocada no frontis da igrexa, por riba do arco de entrada ao espacio sacro. Trátase dunha cruz latina de mármore.
A intersección entre os brazos lonxitudinal e transversal realízase por medio de catro molduras convexas, que reciben o nome de "cuarto bocel". Nesa intersección hai unha inscrición na que aparece a Orde relixiosa encargada de impartir a Misión. Así na inscrición nunh aorde descendente aparecen as seguintes palabras: MISION / DE / P.P. FRANCISCANOS.
Na parte superior do brazo lonxitudinal, aparece a inscrición: IHS. No interior da letra "H", hai marcada unha cruz, que ocupa a metade da letra e sobresae outro tanto por riba da mesma. IHS (ás veces JHS) é un monograma do nome de Xesús, é dicir, un cristograma. Aparece nos primeiros séculos da nosa era, a partir do nome grego de Xesús. A representación desde o paleocristiano é moi variada, e a miúdo vai acompañada doutros elementos como o da cruz.
Na parte inferior deste mesmo brazo, figura a data na que foi realizada a misión. "4 DE JUNIO". Esta inscrición está incolinada de esquerda a dereita. Finalmente, na parte inferior e dun xeito horizontal, está o ano: "1941".