Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Relembro dun Mestre da Nación musical galega

miércoles, 21 de febrero de 2024
"No fondo da ialma do noso Pobo/ latexa a forza/ dun mundo novo...". Pero faleceu Mato, o Padre Mato, Xesús Mato. Ánima e cofundador de "Fuxan os Ventos". Saudoso director do "Galiza canta o Neno" (gústame así máis que "Galicia canta ao Neno"). Artellador do mellor e maior "Musical" (dirían hoxe) sobre o folclore do Nadal galego de todos os tempos no que tiven a honra de cantar e figurar de emigrante retornado. E contestatario. Fino compositor e mellor lugués. In memoriam. Pax Tecum.

Evoco agora a súa canción-bandeira do Festival das San Lucas do 1972: "Fuxan os ventos". Evoco aquel evento emocional inesquecíbel para o rapaz que eu fun naquel Mondoñedo levítico, onde resoou por primeira vez. Co seu ritmo de pandeirada e título imperativo que foron e son, xa e de seu, un esconxuro contra o Mal en todas as súas formas. Flama que clama na tebra do franquismo a prol dunha alborada libertadora para o Pobo galego azordego e opreso.

A súa letra contén un manifesto nítido do espírito cristián da Galiza resiliente e renacente: esa que arela ser digna dona de si en paridade con todos os Pobos libres da Terra. Polo que "Fuxan os ventos" é lema que adviu en santo e sino da "nova canción popular galega". E o grupo de mozos e mozas que o interpretaron por primeira vez (Mini, Mero, Tereixa, Carme... ) no Grupo que tomou o mesmo rubro como talismán deviu proel do movemento musical máis orixinal dun tempo impar, combativo e preñe de utopía realizábel mais treizonada -a creba democrática. Unha xeira na que cantar foi, en efecto, “loitar” por un mundo novo: o tempo da "canción-protesta" pola Transacción da España totalitaria e fascista á da predemocracia monárquica e oligárquica. O tempo transicional da Galicia opresa e amordazada polo medo imposto co terror da guerra e da posguerra á Galiza ceibe e afouta da creatividade moza, insurrecta.

Se reparardes ben nos versos da letra desa albada enxergaredes o segredo. Cifrado nas chaves mestras do programa rexenerador do Galeguismo cristián, o da "esperanza sen medo", raíz de todos os idearios transformadores. Que Mato sutilmente trenzou como ariete de loita -musical e non só- contra das cinco meigas chuchonas da enerxía creadora da nación galega derrotada, submisa, esfarelada, adrolada e desnaturalizada... -cinco chagas aínda abertas e sangrantes, corenta anos despois, arestora. El por que e por quen? Ouvide o cantar! Pola orfandade política dun autogoberno, polo avellentamento demográfico, pola migración da mocidade, polo subdesenvolvemento dos nosos recursos, pola marxinación estatal do país, pola alienación cultural da maioría e pola colonización/ expoliación económica dos nosos bens polas hostes da España imperial ao seu prol.

Don Xesús: que ese vendaval da "nación galega sen medo" que o teu "fuxan os ventos" exorcizou e proclama siga e prosiga a arramblar sen termo con todos os ares pestíferos que nos enveleñan. E que sopre arreo nas conciencias das persoas de ben, crentes e increntes. Pola resurrección creadora da alma de Galiza xenuína e da súa xente leal. Coma ti, Padre Mato, mestre exorcista, "pastequeiro" dos ares contrarios á nación musical galega, a quen gozan en honorar estas verbas dun "emigrado contestario", teu prosélito cantando o Neno.
Valdehorras, Camilo
Valdehorras, Camilo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES