Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Empuxados a entrarmos

domingo, 18 de febrero de 2024
Hai uns días, o Mércores de Cinza, empezabamos o tempo da Coresma. Como ben sabedes, o nome de "Coresma" ten que ver cos "corenta" días de xaxún que, segundo os textos do Novo Testamento, pasou Xesús no deserto despois de ser bautizado por Xoán o Bautista. Os entendidos dinnos que o dos "corenta" días non hai que entendelo literalmente. É só un número simbólico de "plenitude", que vén significar neste caso algo así como se dixésemos: "Xesús foi tentado sempre". Como tamén sempre somos tentados todos e todas nós. O relato de hoxe de Marcos sobre as tentacións de Xesús é moi parco, se o comparamos cos relatos que nos fan Lucas ou Mateo. Marcos conténtase aquí con despachar con catro frases (exactamente trinta palabras en grego) as tentacións de Xesús, sen aducir, como fan os outros, moitos máis detalles. Polos outros evanxelistas sabemos que Xesús foi tentado polo prestixio, polo poder, pola fama e cousas semellantes, para dese modo, segundo lle suxería o mal espírito, instaurar o reino de amor e fraternidade que Deus Pai quería e quere para todos nós.

En calquera caso, é unha constante na vida de Xesús ese seu alternar ou pendular entre, por unha banda, estar consigo mesmo e con Deus Pai e, por outra, a súa intensa relación de amor, fraternidade e contacto con todas as persoas que se achegaban a el, para lles comunicar a "boa nova" do Pai.

O tempo de Coresma está máis en relación co primeiro (é dicir, coa soidade consigo mesmo e con Deus): Xesús sabe vivir só (no "deserto", como refire Marcos), aínda que alí estea fondamente confortado pola presenza vivida do seu Pai que sempre está con el; sabe renunciar a moitas cousas que constituían para bastantes do seu tempo (como tamén ocorre no noso tempo) o seu principal desexo e aspiración; sabe ollar con limpeza e abraio cara á natureza ("vivía entre as feras", dinos Marcos), percibindo nela tamén a man do seu Pai creador de todo.

Todo isto practicouno Xesús durante toda a súa vida (que é, como digo, o que queren dicir eses "corenta días") e se polas multitudes que se amoreaban arredor del durante o día non o podía facer, tempo había aínda de noite para se poder mergullar con agarimo agradecido no colo do seu Pai Deus e falar con El.

Por iso o tempo de Coresma é unha chamada litúrxica que nos fai a Igrexa para que saibamos tamén nós, como Xesús, atopar tempo (ben sexa de día ou de noite) para dialogarmos amorosamente, a través dos acontecementos e persoas que nos rodean, co Deus Pai noso que nos quere.

A expresión que utiliza Marcos ao nos dicir que o Espírito "encamiñou" Xesús ao deserto é –tamén segundo os entendidos– unha expresión forte: algo así coma se o Espírito o "empuxase" ou "forzase". Unha expresión –dinnos eles– "enérxica e vehemente". Boa falta nos faría a nós deixarnos levar por un espírito así de "forte", que nos levase por onde el quere...

Mais así como Xesús non consideraba o "deserto" como o seu lugar natural, como o seu hábitat –nisto certamente diferenciábase moito el de Xoán o Bautista–, así tamén, no noso caso, a nosa soidade con Deus, as nosas renuncias, as nosas penitencias coresmais non deberían ter outro sentido senón o de convertérmonos en instrumentos vivos e operativos no servizo a Deus Pai, confraternizando deste xeito con todos os seus fillos e irmáns nosos. Dinos Marcos que foi despois de superar Xesús as tentacións e despois tamén de que os poderosos deste mundo lle pechasen a boca a Xoán o Bautista encadeándoo no cárcere cando empezou Xesús a anunciar o Reino de Deus, a Boa Nova.

Non son eu, desde logo, partidario de considerar o tempo de Coresma coma un tempo tristeiro, un tempo de non poder xa pasalo ben coma no Entroido, cando a xente que aínda dispón dalgúns aforros pode quizais ver algún día na mesa lacón con grelos, para empezar, e despois filloas, orellas ou ricas lambetadas. Dígoo non por isto, senón porque tamén na Igrexa houbo dende hai algún tempo cambios na secular liturxia coresmal. Por exemplo, o normal agora é que non se diga xa en ningures no Mércores da Cinza a fórmula máis antiga coa que nos colocaban antes a cinza na cabeza dicíndonos: "Lémbrate de que es po e en po te has converter". A mensaxe é agora moito máis alegre e, desde logo, moito máis cristiá: "Convértete e cre no Evanxeo", é dicir, na boa, na alegre noticia. Cal é esa boa nova? Pois nada máis e nada menos que a boa, a alegre nova de Xesús mesmo, é dicir, a de que Deus está connosco, de que Deus nos quere coma fillos e fillas del que somos e de que calquera persoa que estea ao meu lado (ou lonxe de min) é irmán meu... Xa sabemos que o papa Francisco se atreveu por fin a poñer a "alegría" como centro do evanxeo, da boa e alegre nova.

Por iso, pola miña parte, prefiro empregar a palabra tradicional galega de "Entroido", e non a de "Carnaval", porque "Entroido" ten que ver coa "entrada" na Coresma. Non hai polo tanto un "corte" ou separación entre o Entroido e a Coresma. O Entroido non é máis ca a porta aberta, alegre e festeira, á alegría que nos trae o evanxeo de Xesús. Por iso a cinza do comezo da Coresma vai acompañada, moi acertadamente, desa nova fórmula, "Convértete e cre no evanxeo", é dicir, cre na "alegre nova" de Xesús.

Claro que para que esta alegría da Coresma sexa como debe ser ten que poder incluír nela a alegría de cantos se senten no mundo discriminados: sen poder comer o que precisan, sen poder dispoñer de bens que a outros lles sobran etc. Porque a mensaxe coresmal "Convértete e cre no Evanxeo" leva consigo tomar conciencia viva e práctica de que, se todos somos fillos de Deus e irmáns de Xesús, ninguén debería ter motivo para me acusar de que non me comporto con el coma verdadeiro irmán.

Esta é, pois, a fermosa tarefa deste tempo coresmal que acabamos de comezar. Pidámoslle ao Espírito de Deus que nos empuxe, "enerxicamente" como a Xesús, ao "deserto" da nosa conversión a Deus Pai e á visión de todas as persoas como irmáns verdadeiros nosos.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES