Este ano de 2024, o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro concederona distinción de Cunqueiriano de Honra, que recoñece o labor daqueles persoeiros que se teñen significado na visibilización e proxección da figura do escritor mindoniense, ao escritor lucense Claudio Rodríguez Fer, poeta, narrador, dramaturgo,
ensaísta e director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, pola longa e vizosa traxectoria de estudo e difusión da obra do autor de "Merlín e familia". A entrega do diploma acreditativo e dunha figura conmemorativa terá lugar o próximo 28 de febreiro, ás 12 h., no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo.
Claudio Rodríguez Fer comezou a estudar a escribir na súa mocidade sobre Cunqueiro. No seu traballo "Cartas e comentarios, a un poeta novo, de Francisco Fernández del Riego" contou como, estando nun encontro de escritores en Barcelona, en febreiro de 1981, lle foron solicitados os dous primeiros escritos que fixo sobre o escritor mindoniense: "Lembro a este respecto que, tras recibir unha chamada telefónica dende Galicia, Carlos Casares anunciou moi dramaticamente aos escritores cataláns e galegos reunidos no citado encontro a morte de Cunqueiro o 28 de febreiro de 1981, polo que pasamos boa parte da xornada lamentando o óbito e eloxiando a produción do autor falecido, sobre quen nos pediron colaboración inmediata para 'La Voz de Galicia', que eu fixen o mesmo día e que se publicou co título de 'A súa cantiga nova' o 5 de marzo de 1981. Ademais, o seu vello amigo Paco anunciou un próximo monográfico de Grial dedicado á súa obra, para o cal requiriu alí mesmo a miña colaboración, que se publicou no número 72 de dita revista, no mesmo ano 1981, co título de 'A poesía galega de Álvaro Cunqueiro'".
Dende entón, Claudio Rodríguez Fer escribiu máis dunha vintena de artigos sobre Cunqueiro. Por exemplo, nas principais revistas e diarios de Galicia publicou "Cunqueiro na tradición europea", en "Grial"; "O nacionalismo galego de Alvaro Cunqueiro", en "A Trabe de Ouro"; "Da romaría de Otero á romaría de Cunqueiro", no "Boletín Galego de Literatura"; "A descuberta de Papel de Color, a publicación poética da Oficiña Lírica do Leste que fundou Álvaro Cunqueiro", en "La Voz de Galicia"; "A factoría poética de Álvaro Cunqueiro", en "Faro de Vigo"; "Manuel Antonio e o vangardismo cunqueiriano", en "Xornal Diario"; "O futurismo de Álvaro Cunqueiro", en "Diario 16 de Galicia"; "Cunqueiro e o galego na guerra civil", en "El Correo Gallego"; "A era azul", en "A Nosa Terra" (especial "O mundo de Cunqueiro") ou "Cunqueiro ante Manuel Antonio" de novo en "La Voz de Galicia", sen esquecer tampouco "Cunqueiro, devoto de Manuel Antonio" na revista "Amencer", precisamente editada en Mondoñedo.
Moitos destes artigos, revisados e ampliados, nos que estudou por primeira vez aspectos descoñecidos da vida e da obra do escritor mindoniense, pasaron a formar parte de importantes libros do investigador, como os publicados por Edicións Xerais de Galicia, en 1989, "Poesía galega. Crítica e metodoloxía" e en 1994, "A literatura galega durante a guerra civil" (ambos merecentes do Premio de Investigación Losada Diéguez) ou o publicado por Ediciós do Castro, en 1996, "Acometida atlántica (Por un comparatismo integral)".
Agora ben, Claudio Rodríguez Fer publicou tamén artigos sobre Cunqueiro en
importantes medios de fóra de Galicia. Por exemplo, na prestixiosa revista "Ínsula", radicada en Madrid, publicou "De Cunqueiro y de Galicia" e "La factoría vanguardista de Álvaro Cunqueiro", mentres que no Centro Galego de Lucerna, en Suíza, publicou a semblanza "Álvaro Cunqueiro". Así mesmo, ocupouse do escritor mindoniense en importantes diarios españois, como poñen de manifesto os artigos "El poeta" (orixinalmente "Cunqueiro, poeta diamante"), en "El Cultural" do xornal "El Mundo", de Madrid, ou "Un periodista fantástico", no periódico "El Norte de Castilla", de Valladolid.
Claudio Rodríguez Fer fixo tamén historia cunqueiriana dirixindo o primeiro encontro universitario sobre Cunqueiro, pois en 1991 organizou o simposio "Cunqueiro e a tradición europea", no que participaron os máis variados estudosos e escritores de dentro e de fóra de Galicia. Este histórico curso de verán foi o primeiro de letras feito en Lugo e o seu éxito foi tal que no día de inscrición foron cubertas as cen prazas que se ofertaban. Así o fixo constar "La Voz de Galicia": "En 24 horas quedaron cubiertas las plazas del curso de verano sobre 'Cunqueiro e a cultura europea'" (12-6-1991). Tal demanda obrigou a ampliar a cota con cen prazas máis, como anunciou o xornal "El Progreso": "Ampliación de plazas en el curso de verano sobre la figura de Cunqueiro" (18-6-1981). Mais a demanda seguiu medrando ata converterse no curso de verán máis concorrido da historia do Campus de Lugo e probablemente da historia da Universidade de Santiago de Compostela, como reflectiu a prensa no seu momento: "Récord de asistencia al curso de Cunqueiro y la cultura europea, con doscientos alumnos inscritos" ("La Voz de Galicia", 30-6-1991).
Ademais de director e conferenciante neste masivo encontro, Claudio Rodríguez Fer exerceu tamén como congresista no concorrido Congreso Álvaro Cunqueiro celebrado en Mondoñedo no mesmo 1991, onde disertou sobre "Álvaro Cunqueiro e a vangarda do Leste Galego", o tema mindoniense que máis o atraeu do escritor, traballo recollido no correspondente libro de actas. E non foi esta a última vez que interveu en Mondoñedo a propósito de Cunqueiro, pois tamén participou nas primeiras e nas segundas Xornadas Álvaro Cunqueiro, alí dirixidas por Armando Requeixo, respectivamente en 2021 e 2022. Mais tamén se interesou pola época ortegana de Cunqueiro, como revela a introdución titulada "Cunqueiro en Ortigueira e Ortigueira en Cunqueiro" que precede a recompilación de artigos "Álvaro Cunqueiro en Ortigueira", editada polo Consello da Cultura Galega en 2011.
E tampouco esqueceu Claudio Rodríguez Fer a Cunqueiro no seu labor audiovisual, pois realizou os guións dos documentais "Cunqueiro, poeta do Este galego" e "Cunqueiro, prosista do Occidente", producidos por Vídeo Voz e emitidos pola Televisión de Galicia en 1991. Dez anos despois, en 2011, interviría no documental "El incierto señor Cunqueiro", emitido pola Televisión Española.
Agora ben, o que máis singulariza a labor cunqueiriano de Claudio Rodríguez Fer é a universalidade do mesmo, pois conectou a Cunqueiro co escritor máis ecuménico das letras hispánicas, Jorge Luis Borges, relación sobre a que versou a conferencia inaugural das I Xornadas Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo, que deu orixe ao libro bilingüe en galego e castelán "Borges e Cunqueiro, creadores de labirintos / Borges y Cunqueiro, creadores de laberintos", publicado nos cadernos da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro e o Concello de Mondoñedo en 2021 e amplamente recensionado na prensa galega e tamén fóra de Galicia, por exemplo, na revista "Madrygal" da Universidad Complutense de Madrid ou na revista "Tropelías" da Universidad de Zaragoza.
En fin, Claudio Rodríguez Fer falou e escribiu sobre Cunqueiro en numerosos lugares do mundo e dirixiu e animou numerosos traballos sobre a súa obra en Europa e América. Ademais, sendo profesor na Universidade da Cidade de Nova York, compartiu interese por Cunqueiro co seu estudoso Xoán González Millán, alí docente, e sendo profesor na Universidade da Alta Bretaña en Rennes (onde é Doutor Honoris Causa), co tradutor alxeriano Albert Bensoussan, quen traduciu ao francés "As crónicas do sochantre", e co profesor bretón Loïc Fravalo, que se doutorou cunha tese sobre Cunqueiro de cuxo tribunal o lugués formou parte. E, por suposto, nas tres universidades de Galicia compartiu interese con moitas persoas estudosas de Cunqueiro, algunhas das cales foron integrantes do seu alumnado, como é o caso do gran cunqueirólogo Armando Requeixo, a quen sendo aínda estudante encargou o seu primeiro traballo de investigación publicado, que,concibido con premonitoria perspicacia, foi precisamente sobre Cunqueiro.