Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Castiñeiro

martes, 17 de marzo de 2009
O sábado celebramos o III aniversario da Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Baamonde. Foi unha lembranza agarimosa, pois cómpre agradecer o entusiasmo e a xenerosidade de mulleres e homes que dedican o mellor do seu corazón e imaxinación a dar alento a súa vila ou aldea. Por iso, non nos sorprendeu que a memoria máis sentida fose para Concha Prado, a animadora do Albergue de Peregrinos. Baamonde é unha encrucillada, que está a vivir un pulo en moitos eidos. Volveu a recuperar o seu sentido, coma orixe, ou parada e fonda, de tantos camiños… E urxía un colectivo coma este, que enxergase e manteña acesa a dimensión cultural, na poboación. As súas actividades teñen a maxia dunha vangarda artística, que marca diferencias con outras asociacións. A súa revista é un prodixio de deseño, no que a palabra ven enmarcada coa intensidade das cores e a suxerencia de espazos e liñas que crean un ritmo cómplice co lector.

Mesmo nesa tarde, participamos na estrea dun vídeo sobre as actividades do Castiñeiro, dirixido por Carlos Fernández, cunha lucidez senlleira: a Feira de Pacios, os cursos de pintura, de percusión e baile tradicionais, o entroido, o campionato de tute, o club de lectura… Estas mozas e mozos están convencidos, de que coñecendo as súas raíces, están dando folgos ao pobo, por iso festexan cada ano esta árbore que os acubilla dende hai séculos. Un símbolo da resistencia de Baamonde contra toda desfeita ou praga, coma a desmemoria e o esquecemento, que garda os latexos de moitas xeracións que se foron sucedendo, que buscaron nela o amparo para non murcharse. A Asociación que está a cumprir anos, xermolou na cerna da súa madeira, por iso, ten un empaque estético, que lle permite comunicarse con este sabor e deleite para os sentidos. Este abrente esperanzador necesita de pregoeiras e pregoeiros das esencias dunha comarca, que quere volver sobre o seu patrimonio, para cimentar con futuro o leito das súas comunidades. Na Chaira están a abrollar poboacións, que sen ser capitais de concello, teñen esa enerxía, que as converte en alicerces do seu desenvolvemento, o que obriga a dotalas duns servizos que fixen a poboación con calidade de vida.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES