Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tocar os gafos

domingo, 11 de febrero de 2024
Marcos continúa a nos falar de Xesús como curador desde as súas entrañas bondadosas. Manifesta así o agarimo co que Deus Pai nos quere sen prevencións nin distincións. E ben sabemos que Xesús é a manifestación do Deus-Pai invisíbel. Lembremos o dito de Xesús: "Quen me ve a min, ve o Pai". Se ollamos, polo tanto, como actúa Xesús, estamos a ver tamén como é Deus e como nos tamén debemos comportarnos.

Para apreciarmos nalgunha medida o atrevemento de Xesús ao tocar e curar da gafura (laceira ou lepra) o enfermo que se achegou a el, hai que ter en conta o contexto cultural e relixioso do xudaísmo. A persoa afectada por esa enfermidade era visto como alguén que se comportara mal. A lepra era o seu sinal. Legalmente era un "impuro" e contaxiaba os demais. Por iso nin se podía achegar el a ninguén nin tampouco os demais podían achegarse a el. Do contrario, convertíanse tamén eles en pecadores, en "impuros". Por iso os leprosos tiñan que vivir en sitios abandonados ou desérticos. A comida, que recibían de familiares, deixábana estes a unha certa distancia para evitar calquera perigo de quebrantar a lei, converténdose eles mesmos en impuros e pecadores.

Mais Xesús vai romper aquí oas normas sociais e relixiosas para anunciar así que por enriba de calquera convención social somos todos irmáns, irmáns del e irmáns entre nós, en canto fillos dun mesmo Pai. Marcos cóntanos que Xesús se "estremeceu", ou sexa, que se lle conmoveron as entrañas ante este irmán seu que a sociedade e a relixión, da que o mesmo Xesús participaba, excluíra ou marxinara de maneira tan drástica. Se Xesús fose –digamos– un "fundamentalista" da lei, tería que lle recriminar ao gafo que en vez de lle pedir que o curase debería berrar, como mandaba a lei: "son impuro, son impuro". Para que así ninguén se puxese en perigo de se converter tamén en "impuro" e pecador. Mais Xesús, pola contra, lonxe de proceder así –tal como nos conta Marcos– "estende a súa man, tócao" e cúrao.

O mal, porén, xa estaba feito, poderiamos dicir. Porque, aínda que Xesús se pon "moi serio" (como se di no texto de Marcos) e lle insiste ao curado en que non diga nada, senón que se limite a comunicar aos sacerdotes que está san, non é capaz de aturar a alegría que leva consigo sen comunicárllela a cantos atopa. Como consecuencia, Xesús non pode entrar agora nas vilas e ten que ficar "fóra" –como tamén nos refire Marcos– "nos arredores apartados". É dicir, Xesús mesmo, o curador da gafura ou laceira, xustamente por ter "tocado" un gafo, convértese el mesmo agora legalmente en “gafo”, en “pecador”, en excluído ou marxinado.

Aínda así ou quizais precisamente por iso, dinos Marcos que a xente "seguía acudindo a el de todas partes". Como vedes, Xesús non foxe da xente socialmente mal vista, senón que se achega a ela. Quere a todos coma irmáns, porque son de verdade irmáns seus. E quen, se non é un "desnaturalizado", non quere e sanda, se é que pode, o seu irmán?

Falando de gafos ou leprosos, lembro un día máis neste contexto o padre Seixas. Cando só tiña 25 anos pediu ao Pai Xeral dos xesuítas que o destinase a traballar nalgunha institución de leprosos. Mais como non o conseguiu, pediu traballar con outros excluídos sociais, os negros. Polo menos puido traballar con obreiros en diversos lugares do mundo. Sempre quixo, coma Xesús, achegarse aos marxinados, tocalos, para así lles ofrecer e dar alegría sen renunciar, chegado o caso, a un chisco de humor. Velaquí algúns testemuños disto. Primeiro, da súa estancia na República Dominicana: "En certa ocasión acudiu a dar a Extrema Unción a un ancián de oitenta anos que estaba a morrer. Na habitación había tres mulleres: a esposa e as dúas concubinas. O Dereito parece que lle esixía botar as dúas concubinas, pero isto parecíalle ofensivo para elas; así que tomou dúas candeas, déullelas a cada unha e díxolles: ‘Xa que o axudastes a ben vivir, axudádeo a ben morrer". Segundo o informante, "refuxiaba na súa casa os desertores, fosen do exército que fosen, e os negros que atravesaban a fronteira de Haití. Quedoulle para sempre desa época de Santo Domingo un amor e un agarimo especial polos negros".

E agora algúns testemuños da súa estancia en Galicia: "Logrou en Vigo conectar fenomenalmente coa colonia negra, mozos negros procedentes do Zaire, o Congo, Guinea etc. Fixo matrimonios entre eles, bautizos etc. e saía comer con eles esas galdrumadas africanas das que volvía encantado. Tiña unha graza especial para relacionarse coas xentes máis estrañas: vendedores de prensa ou de xeados, taxistas etc., sempre xente humilde e marxinada. Foi sempre moi amante dos marxinados e das culturas marxinadas". "Parábase con todos os ‘morenos’ que atopaba en Vigo e procuraba buscarlles comida e traballo, parábase cos xitanos, axudou nas horas heroicas aos obreiros de Citroën e do sector naval".

Como vedes, os gafos ou leprosos cos que Seixas pediu desde un principio poder traballar e que el quería como Xesús "tocar" foron as persoas marxinadas. Coma Xesús, Seixas trataba a todos como irmáns, pero de maneira especial os máis excluídos dos bens destinados para todos.

Así que teñamos tamén nós presentes tantos como, aínda nos tempos de hoxe, continúan a pasar fame e esforcémonos en loitar para que deixe de existir o escándalo de que, mentres que no mundo morren millóns de nenos e persoas por enfermidades ben curábeis, se destinen crecentes recursos para as guerras. Seremos así curadores da humanidade e non cómplices da inhumanidade.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES