Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Camiñando pola dignidade

jueves, 08 de febrero de 2024
Hai uns días tiña un encontro con xornalistas da zona da Mariña. Repasando temas de actualidade, comentáballes a preocupación que me transmitían os responsables do proxecto Oblatas da nosa diocese, que traballa co mundo da prostitución. Segundo constatan nos últimos tempos, a presenza de mulleres moi vulnerables que veñen ao noso país fuxindo dunha situación dramática dos seus destinos de orixe, fai que caian facilmente en redes de trata e de explotación sexual. Son mulleres que proceden de Camiñando pola dignidadeVenezuela, Paraguai e Colombia. Ao realizar un proceso migratorio precipitado e ao atoparse con enormes dificultades para a súa regularización e necesidades económicas, vólvense facilmente dependentes de proxenetas e explotadores sexuais aos que, en moitos casos, deben entregar o 40 ou 50% das súas ganancias.

O papa Francisco referiuse en moitas ocasións a esta situación que nos é descoñecida. Nun recente discurso dicía: "A trata de persoas desfigura a dignidade. A explotación e o sometemento limitan a liberdade e converten ás persoas en obxectos de uso e de descarte. E o sistema da trata aprovéitase das inxustizas e inequidades que obrigan a millóns de persoas a vivir en condicións de vulnerabilidade. De feito, as persoas empobrecidas pola crise económica, as guerras, o cambio climático e tanta inestabilidade son facilmente recrutadas".

Esta dramática realidade que afecta a persoas concretas ten lugar no medio dun debate nacional sobre a limitación do acceso á pornografía no caso de menores. Un feito que evidencia tamén unha sociedade enferma que está a ser transformada rapidamente polo factor dixital. Tras este debate hai unha necesidade urxente de educar e vivir unha sexualidade que sexa manifestación auténtica da dignidade da persoa. Porque o problema non afecta unicamente os menores, senón ao conxunto da sociedade.

A sexualidade, sabémolo, non é meramente un instinto humano. Moito menos ha de ser unha forma de explotación e instrumentalización doutra persoa. É unha maneira de expresarnos e relacionarnos que reflicte a grandeza de cada persoa. Por iso, ha de estar adecuadamente integrada no ser persoal. Iso conleva unha educación afectivo-sexual.

Os tempos en que vivimos de pansexualismo fan que este discurso sexa contracorrente. Vivimos tempos nos que a sexualidade foi reprimida no ámbito do público. Hoxe, son tempos de ditadura ideolóxica onde falar destas cuestións catalógate facilmente. Con todo, habemos de volver proclamar e anunciar que toda persoa está chamada ao amor. O ser humano nace do amor e é convidado a vivir no amor. Nesa medida vive acorde coa súa dignidade. A sexualidade convértese así nun instrumento fermoso para manifestar esa vocación que nos axuda a crecer, a respectarnos, a ser fieis a nosa propia identidade persoal e social.

A Igrexa celebra o 8 de febreiro a Xornada de Oración e Reflexión contra a Trata de Persoas. Faio porque conmemora a festa de santa Josefina Bakhita. Esta santa sudanesa foi escravizada durante anos e vendida en varias ocasións. O seu rostro é o rostro e símbolo contra a trata de seres humanos. Ela finalmente coñeceu a Xesucristo, do que descubriu un amor verdadeiro que nos dá dignidade.

Ao celebrar hoxe esta xornada, facémonos próximos a tantas persoas que sofren esta terrible realidade. Igualmente, facémonos responsables de erradicar as raíces culturais, económicas e sociais que o cultivan e promoven. E agradecemos ás persoas e institucións que loitan contra a trata e acompañan a todas estas persoas.

O voso irmán e amigo.
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES