Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Violencia de xénero (2)

martes, 13 de febrero de 2024
- ¿Aínda non o tes claro? ¡Deixaron aos homes indefensos, que precisamente por indefensos collemos a tranca..., ou, como mínimo, dámoslles azoutes! A esa Lei fáltalle un articulado que trate das intrigas femininas, das súas tremoias e das súas provocacións, armas impunes pero de alta rendibilidade, aínda que cun elevado risco persoal pois non tódolos maridos, de indefensos e desesperados, se conforman con darlles unha azouta!

Poñédevos no meu caso, que chegas do traballo con ganas de atopar comprensión e ánimos, pero os dela eran contradicións ex cathedra, filípicas de quen todo o sabe e todo o entende. Mirade que lle teño dito: "Ti es especialista no teu, no que ensinas, pero mestre é máis que profesor, que aí tes a Cristo, o Mestre dos mestres, manso e humilde de corazón". ¡Como nada; ela infalible, sempre infalible, máis papista có Papa!
...

Aquel preso aínda deu máis queixas, pero as outras dounas por veniais. O caso foi que me colleu débil, débil e desprevido, así que lle aceptei o encargo, e aquí me tedes disposto a teclear esta serie de apuntes, que xa vedes que estou facendo de "negro"..., dun preso! ¿Unha obra de caridade? ¡Dubídoo! É certo que el parece ter esta necesidade, a de abri-lo peito, pero teño ocupacións e temas de sobra como para ocuparme de algo no que non sei discernir onde está a xustiza, a verdade, ou onde prevalece o subxectivismo. En todo caso a miña submisión é tan absoluta que incluso non lle dixen, e debera facelo, que actuar de periodista sen selo é, ou pode parecer, como pouco, unha usurpación de funcións. ¿Periodista, eu? En certo modo, xa que fun un homólogo, que non hai periodista que tanto se esforce por chegar ao fondo da mentalidade dun entrevistado como nos ocorre aos directivos da Banca cando precisamos analiza-la situación, a solvencia, moral e material, dun cliente. Nos meus tempos de actividade profesional teño arrincado segredos que nin ao cura llos houbesen contado, pero iso foi daquela, para gañar o pan de cada día, o meu, e co meu, o dos meus fillos; agora, de xubilado, o menos que merezo é un descanso definitivo, a ser posible, xubiloso.

Outra das miñas debilidades, das miñas negacións, foi a medicina, e iso que o meu parente, aquel doutor Luís Vilabella, cando soubo que estaba estudando de maior, díxome que se pedía unha excedencia no Banco, e estudaba Medicina, que contase con herda-la súa consulta. ¿Médico, eu? ¡Antes cura! Un médico que por tal se teña debe ser capaz de cura-los espíritos, pois as enfermidades do corpo, esa debilidade das funcións vitais, eses fallos nas defensas do organismo, parten, ou arrancan, ou se deben, en gran medida á nosa impotencia fronte ás cambadelas do próximo, dese próximo atordante e atorrante que nos debilita e nos complica o noso vivir cotián. O problema non soe estar na debilidade intra da persoa, senón en que esa debilidade resulte incapaz de parar os croques que recibe, pois para iso nin o judo vale. ¿Onde se estuda isto?, me teño preguntado. Sego sen sabelo, pero algo me di que esa ciencia, ou esa virtude, ou ese defecto, que xa di o dito, "Home/muller, se queres ser feliz, non inquiras, non analices", que na linguaxe actual podería traducirse por, "Se queres ser feliz, cultiva o pasotismo, pois nel está a meirande das anestesias", só pode tirarse dunha educación responsable, seguida dunha madurez igualmente irreprochable.

Para seguir saquei de bolígrafo, pois o papel tíñao el, o preso.

-Ben que me fodes, pero, xa que insistes, comecemos. ¿É que non foi virxe ao matrimonio, ela, a túa, a túa acusadora?

-Diso do hime, si, salvo que o tivese operado, que din que tamén se fai, que se cose, que xa se deron casos... Do que non estaba virxe era da inocencia, que xa se consultara, e dixéranlle que, en uso normal de matrimonio, non tería familia, aínda que había certas técnicas... ¡Pois ben, todo iso ocultoumo!

-¡Corresponde á intimidade da persoa...! -Interrompeunos a miña dona, masónica coma a que máis niso de avogar polos débiles, ¡que neste caso igual era a favor dos fortes!

Pero o preso non se mordía a lingua:

-Vosoutros, que nacestes nunha aldea, coma a maioría dos vellos, recordaredes que sempre foi admisible a devolución de toda res transmitida con defecto oculto. Eu, daquela, tiña outra noiva, que xa tivera un fillo bravo, doutro..., e por tanto estaba capacitada; de coñecer o segredo destoutra, houbese preferido criar rapaces de dous pais..., que polo menos algún deles sería meu! ¿Vasme seguindo, apuntas?

-¡Sigo, home, sigo, pero isto teu vai resultando unha novela de folletín, e moito me temo que non a podamos cualificar de "Novela ejemplar", como se fixo con aquelas de don Miguel...!

-Exemplar, ou non, este é un caso real, e non eses reality shows que nos dan na tele, ¡que en moitos casos están amañados!, e logo que as obxeccións deben incumbirlle ao posible lector, ¿non cres?

-¡Mira que me causas un descrédito se me presto a escribir imaxinacións túas! -Advertino.

-¡Iso, miñas, así que ti, relata refero..., pois a responsabilidade por suposto que é miña, absolutamente! Pero volvendo ao miolo da cuestión: Se será retorcida que, meses despois de casados, en vista de que o noso non funcionaba, levoume ao médico para que me analizase a pretexto de que lera non sei onde que abundaba a esterilidade masculina. Acepteille, e pasei por esas, sen esixir reciprocidade, manso e humilde que son, ¡ou que me fixo ela, acaso hipnotizándome!

Aquí si que cedeu un tanto a miña dona, testemuña de canto me ía ditando o preso, pois a ceramista xa estaba ocupada noutro barro, amasándonos as cazolas:

-Paréceme xusto, xusto e práctico, que vos analizasen aos dous; e despois diso...?

O preso, o violento, pois os homes somos así, de abertos e de rotundos, non a deixou terminar:

-¡Claro! Pero tardei en abri-los ollos, que só o fixen tempo adiante, segundo me viñeron ao entendemento datos e indicios, certas contradicións que me pasaran desapercibidas. A xogada ía resultarlle maxistral se o médico me dese, ¡a min!, por estéril, pois, daquela, con botarme as culpas, ela, ¡unha vítima!

-Fala amodo, rapaz, que todo isto, segundo mo estás dicindo, con présas e así de excitado, non hai taquígrafo que cho colla, e as miñas abreviaturas están algo esquecidas de tanto tempo sen darlle a isto das gamas... O próximo día, se non rematamos hoxe, vou traer unha gravadora!

Tomoume a burla, e púxose a referir arrastrando as verbas, como se lle ditara a un neno. ¡Debo ser idiota, xa que tantas lle aguantei! ¿Por que o fixen, por que seguín? Coido que por facerlle caso ao aforismo de que, In dubido pro reo!

-¡Isto último téñollo perdoado..., para que Deus me perdoe a min, que tampouco me dou de ser perfecto! Se cho conto, se o lembro, é para que non falten datos nesta proposta dunha nova lei, na que sería esixible unha análise por psicólogo, ou nunha máquina da verdade, para que o xuíz reaccione atido ás circunstancias concomitantes, subxectivas, de cada caso. Mira, aquí teño a Biblia, que ma prestou o Capelán coa intención de que reflexione niso de "Compañeira che dou, que non serva; trátaa como fai Cristo coa Igrexa".

-Iso que dis significa, con tolerancia; con recíproca tolerancia no caso matrimonial. -Sentenciou a miña Mestra, pero o violento seguía violento, ía embalado, e nin sequera colleu folgos.

-Eu, obediente que son, ¡que era, ata que me exasperou!, fun máis lonxe, que baixei ao Xénese. Si, aquí está: "Coa mesma, colleu do froito e comeu; logo deulle ao seu home, e tamén comeu". O que non di a Biblia, pero é de toda lóxica, é que o pecado non ten efectos retardados: ¡existen, prodúcense, no intre mesmo de cometelos! Daquela, cando lle ofreceu a mazá, ou o que fose, ao seu Adán, ela, Eva, xa percibira a experiencia de que o froito tiña transmisións, contraindicacións; ¡porén, insistiulle, e menos mal que se lle quedou media mazá na gorxa, neste saínte que temos os varóns, que diso nos vén!

Naquel intre da entrevista eu non sabía se rirme ou chorar polo preso, ¡meu pobre!, así que me limitei a argumentar:

-A Biblia ten un senso metafórico, que serviu para adoutrinar aos antigos, aos incultos, pois os cultos xa sabemos, e a ti téñote por tal, que Deus, bondade infinita, se pon condicións, sexan en forma arbórea, ou sexual, ou a saber como, cando e onde, é para que fagamos méritos, para que exercitemos o noso libre albedrío..., pero, para ben!

Atalloume, atropeladamente:

-¡Corta e cambia, que xa sei que mas teño cun teólogo de certa altura! Agora paso a dicirche o meu fallo, meirande có de Adán, pois el vivía á luz do sol, naquel paraíso, ou como lle chamasen! ¡Namoreime do seu cheiro, e para iso, na escuridade! Digo mal, que non foi exactamente na escuridade senón no escintileo cegador das luces alternantes dunha sala de festas... Noivados eran os de antes, sempre de día, fose feira ou festa. Naqueles tempos, por miope que foses, ollába-la res, e se tiñas dúbidas, visitábala na casa, vestida de cada día. O meu foi na romaría, e para iso..., ¡o que dixen! A condenada estaba en oferta, cheirando a "Maderas de Oriente", ou a "Rêve d'Or"...; me parece que ás dúas cousas, así que me acheguei coidando que tiña ante min unha Scheherezade!

.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES