Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Violencia de xénero (1)

martes, 06 de febrero de 2024
Violencia de xénero (1)
No home, todo rectas; e na muller, todo curvas; ¿por que?
A comedia dos violentos: Primeiro atacan, e despois, no Xulgado, deféndense.

Hoxe, 28 de decembro; día dos Santos Inocentes, fosen femias ou varóns, fomos a Bonxe; ¡fomos, que non nos levaron! ¡Á alfarería, (al-fahhâr), non pensedes mal! A miña dona e mais eu.

¡Canto sentín que ese Bonxe non estivese máis lonxe! O caso foi que, ao pasar pola A-6, lembrouse a miña dona de que igual quedarían ben uns pucheiros no remate do noso refuxio das Andoriñas, segundo era tradición na bisbarra, así que nos desviamos no cruce de Castro para encargarllos á Oleira de Bonxe.

Xa alí, tivemos que agardar pola artista, que estaba a tal momento dándolles clase de "Manualidades" aos presos; e cando volveu, non sei se por orde de Deus ou por tentación do diaño, tiven a ocorrencia de preguntarlle polo "Asturiano".

O tal Asturiano, que sempre lle chamamos así, era fillo duns ídem, grandes amigos nosos, e criárase en Gijón, na porta contigua, na década dos sesenta, onde coincidimos con seus pais, clientes do Banco, e por engado, bos veciños. Sempre lle tivemos un gran afecto, e non só pola vella amizade, xa que nos parecía un rapaz modélico. Soubéramos pola prensa que foi acusado pola súa muller, unha luguesa, diso tan de moda que chaman, non sei se de bo ou de mal nome, "Violencia de xénero". O caso é que non nos entraba na cabeza que aquel rapaz, con tan bos principios, acabase de mal home, sendo esta a razón do noso interese polo seu caso. A Oleira ofreceuse amablemente para acompañarnos e para obter unha visita aínda que fose a deshora, así que aló fomos, que cerca quedaba, dispostos a darlle unha aperta; quere dicirse, a pregarlle que fixese propósito de emenda para que saíse rexenerado, en ben seu e por tranquilidade de seus pais!

-¿Emenda, eu? ¡Non me fagades rir! Estou aquí simplemente porque lle din uns azoutes á miña muller...; ¡iso si, con estas mans honradas, que teño un taller de traballa-la pedra, e dou exemplo...!

Violencia de xénero (1)Deixounos descolocados:

-¿Pero..., houbo un xuízo, non si?

-¡Subseguinte á súa denuncia, por suposto! Resultou unha folgazana...

A miña, ¡como é natural!, defendendo ás súas conxéneres:

-¡Iso non cho admito, que nunca Profesora houbo que non fose activa, activa e responsable!

-Agarda, que non rematei: Por se fose pouco a súa preguiza, polo menos na casa, saíu tan mentireira e tan inútil, estéril incluso, aínda que isto último non sexa un defecto en si, que deu en celarse de cantas rapazas, competentes e presentables, pasaban ao meu redor; pois ben, con ese ambiente, estaláronme os nervios, e..., non sei se un mal día ou un bo día, farteime das súas intrigas e das súas indirectas, así que a collín no colo, pero boca abaixo..., para abaixala dos seus fumes!

-¿Só iso? -Increpouno a miña.

-¿E logo, como lle ía dar os azoutes sen poñela boca abaixo? Se cadra dinlle algo forte, pero en todo caso o médico de urxencias non lle houbese diagnosticado traumatismo de nádegas se non fose porque chovía sobre mollado, que as tiña encetadas de tanto sentarse no primeiro sofá que atopase! Para que teñades unha idea: ¡incluso levaba o periódico para o inodoro, e alí, de sentada, comezaba pola primeira e remataba na última, anuncios incluídos, pero onde máis tempo perdía, ou gañaba, era coas revistas de folletín, que as refollaba e repasaba ata o punto de memorizalas!

Mediou a miña dona, unha vez máis avogando polas súas conxéneres:

-¡Non esaxeres...! ¿Tomábaslle a lección, acaso?

-Non facía falta, pois a continuación colgábase do teléfono e explicáballes ás amigas, unha por unha, quen era o último marulo de Fulana, de Mengana e de Zutana. ¡O que vos digo: unha periodista honoris causa! Por certo, xa que viñestes para verme, vouvos pedir un favor...

Malo cando un amigo, ou o fillo dun amigo, che solta iso de "vouche, vouvos..." Quixen atallarlle:

-Mira, ho, ben sabes que te temos en alta estima, pero chegas tarde: primeiro, porque xa estás xulgado; e segundo porque, aínda que non o estiveses, agora xa non se estila aquilo de unta-lo carro. ¡Tratándose de Lugo, menos aínda! Isto da Violencia de Xénero require sinceridade, afondar no tema..., a ver se entre todos, machos e femias, acabamos con esa lacra, impropia da nosa cultura, da actual!

-¡Frío, frío! Como ben sabe esta profesora de cerámica que vos acompaña, aquí tamén nos dan clases de informática, e eu, que lle preguntei a meu pai pola entrada do teu blog, leo os teus disparos. Non é que fagas diana en tódolos escritos, pero, cando ese mecánico dos coches da Fonsagrada, que tamén foi amigo de meu pai, confiou en ti para que lle subises as súas Memorias, eu non quero ser menos!

Aquilo púxome nun brete:

-¿Tamén escribiches..., iso..., Memorias?

-Non exactamente. O que che pido é que mas escribas ti, facendo que me entrevistas. Farémolo por unha boa causa, como recurso para promover unha nova redacción desa Lei da Violencia de Xénero...

-¿Por, e para?
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES