Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mero con 'ferrados de corazón e fanegas de alma'

miércoles, 21 de febrero de 2024
Con "ferrados de corazón e fanegas de alma" (que diría o Manuel) anda Mero pola vida. Mero, o amigo de sempre e para sempre que, cunha canción, ponte en garda ao amparo dun sorriso. Mero, non nos deixará nunca sós nesa garda. Permanecerá ata o último alento. Por iso, os que o temos preto, cando se afasta queremos saber que é por tempo limitado porque, se lemos aquel poema de Bertolt Brecht, Mero pertence aos imprescindibles.

Dende moi pequeno chamoume a atención aquilo que acostumaban a denominar "canción protesta". Eu prefiro chamala canción social, canción de intervención ou canción para a liberdade porque coido que sen persoas como Pepe Quintas, Miro, o noso Mero ou Xulio Xiz (que, como editor, dálle pulo á causa) a liberdade non sería posible.

Non sería posible porque o que non se soña non se fai realidade. Daquela hoxe, rodeado de soñadores imprescindibles, o que sinto é admiración, agradecemento e sobre todo fortuna de poder aprender de vós.

Este acto celebra a memoria dun cantor de auga fresca, Mero. Nesta memoria ficamos retratados e nela quizais fique a ensinanza de que calar nunca é o camiño e de que a palabra rexa (cantada ou falada) constrúe unha vida respirable.

"Quixo o paxaro pousar na póla o seu chío" é un verso gañador que o Mero rescata para deixar constancia dun tempo gris que tivestes que poboar de cores libertarias. Fixéstelo cunha sensibilidade infinda que debuxou, na vosa coherencia, este porvir.
Polo tanto, meus queridos amigos, obrigado. Por suposto obrigado, a ti, Mero, por cantar sempre e limpar en cada canción os camiños ceibes do mañá.

Agora, os paxaros que pousen nas túas pólas o seu chío saben que a liberdade foi posible grazas a voces como a túa e que xamais lle será roubada se, como ti e a túa xeración, adquiren o compromiso de non calar ante a inxustiza.
Obrigado, saúde e a cantar!
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES