Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A vida consagrada hoxe

jueves, 01 de febrero de 2024
A vida consagrada hoxe Fai corenta días celebrabamos a festa do Nadal, o nacemento de Xesús. As familias xudías, aos corenta días do nacemento dun fillo primoxénito, achegábanse ao templo de Xerusalén para presentar a Deus o don desa vida nova que fora recibida. Era o cumprimento dunha lei mosaica que expresaba o señorío de Deus e o recoñecemento de que a vida é un don, unha misión e unha entrega.

Desde hai vinte e oito anos, a Igrexa católica celebra neste día a Xornada da Vida Consagrada. É unha data na que damos grazas a Deus polo don de tantos consagrados, homes e mulleres, como están presentes na nosa Igrexa, especialmente na nosa diocese de Mondoñedo-Ferrol. Eles descubriron que a vida que non se entrega pérdese e consagraron toda a súa existencia ao Señor e aos irmáns. Eles queren, como a candea que este día se entrega, iluminar coa súa vida a escuridade do noso mundo.

Para iso, seguen diferentes carismas cos que o Espírito foi alentando e enriquecendo a nosa Igrexa, concedéndolle así o que máis necesitaba en cada momento. O seu bo facer está presente no mundo do ensino, da acción social, da infancia e a mocidade, dos maiores e os enfermos, da educación e a vida parroquial... Neste día, oramos con todos os relixiosos e relixiosas e seguimos pedindo para que haxa nenos e mozos que descubran a beleza de sentirse chamados á vida consagrada.

É certo que a vida relixiosa atravesa hoxe un deserto nas Igrexas europeas. Temos comunidades máis pequenas e envellecidas. Iso provocou que, durante estes últimos anos, na nosa diocese tivésemos que despedir algunhas presenzas significativas que permanecen no noso recordo. Tamén noutras latitudes déronse no seu seo faltas graves, polas que non nos cansaremos de pedir perdón, reiterando ao mesmo tempo a nosa vontade de reparar integralmente a quen foi ferido.

Pero a vida consagrada hoxe segue sendo necesaria no noso mundo e, atreveríame a dicir, tamén especialmente buscada. E o é na medida en que encarne unha necesaria dialéctica que é connatural á súa propia vocación e misión. Os consagrados están chamados a conxugar, máis que ninguén, a dialéctica evanxélica de "estar no mundo, sen ser do mundo". Nese sentido, os consagrados han de ser tan iguais aos demais homes que propicien o encontro con todos, para que todos se sentan acollidos e abrazados. Pero, ao mesmo tempo, han de ser tan diferentes de todos que brille con luz propia a alternativa de vida que encarnan e a profecía da que son portadores. Igualdade e profecía, velaquí unha tensión non sempre doado de conxugar.

E, con todo, os mozos do noso mundo quizais é o que buscan. Nunha sociedade profundamente individualista, onde aflora o drama da soidade, eles buscan referentes próximos que lles entendan e comprendan, que lles acollan e acepten, pero que, á vez, lles interpelen e eleven, lles provoquen e lles fagan voar. Esa é a esencia da vida consagrada. Así se cumprirá o que di o profeta Ezequiel: "Ti serviraslles de sinal e recoñecerán que eu son o Señor".

Grazas, queridos consagrados e consagradas, pola vosa presenza entre nós. Fainos moito ben. Seguide permanecendo fieis ao voso si, a voso "fágase". Seguide iluminando coa vosa vida comunitaria a escuridade do noso mundo.

O voso irmán e amigo.

+ Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES