Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Na Festa do San Cidre do 2003

jueves, 15 de mayo de 2003
Co lema "A vida rural: un tesouro para gozar e compartir", un numeroso grupo de cristiáns/ás, pertencentes ó Movemento Rural Cristián Galego, veñen de celebra-la festa do seu patrón. Dentro dos actos da xuntanza-celebración (Misa-mesa compartidas), fixeron a seguinte declaración -os "dez mandamentos da vida da aldea"- con ideas propias que asumen como guía da vida cristiá neste momento de dificultades no rural.

"1º/-Ama, respecta e coida agradecido a vida e os traballos da aldea, as casas, as terras, os ríos, o aire, a fala, as tradicións que che deixaron os teus maiores. É a creación de Deus, é o sustento das nosas familias.

2º/-Ama a Deus de corazón, lembra que es fillo ou filla moi querido por Deus, apégate a Xesús e ó seu Evanxeo, sabendo que, se somos coma Xesús, viviremos coma Deus.

3º/-Apoia as festas, celebracións e reunións. Fai festa en ti, na casa, na parroquia. Acude ás festas ás que te inviten. Xoga, ri, conta contos. Fai que cada día no campo sexa festa.

4º/-Axuda ó veciño cando teña necesidade. Visítao na enfermidade. Respecta a tódolos veciños, escóitaos. Non digas mal de ninguén. Non arrepuxes ó que está caendo. Non devolvas mal por mal, insulto por insulto.

5º/-Protesta. Non deixes que os que gobernan maten o campo. participa no que poidas na tarefa sindical e política. Camiñarás cos veciños cara unha terra con pan e dignidade para todos.

6º/-Viaxa, observa, mira o que outros fan para conservar e mellorar a aldea. Traballa doutra maneira: xunta terras, gando, para traballar máis folgado e ter descanso e vacacións. Aproveita os adiantos que fan a vida mais doada.

7º/-Comparte o teu pan e o teu traballo. Loita pola xustiza para que a terra chegue para todos. Fai o posible para que en tódolos pobos se poida vivir do traballo, en paz e sen abusos.

8º/-Sé humilde, sinxelo, auténtico. Ama o silencio, o respecto, a vida. Non acumules sen xeito. Sé consecuente cos teus principios. Non te avergonces do que es, síntete orgulloso de ser da aldea. Non canses, non teñas demasiada présa.

9º/- Coida, goza e comparte as plantas, as árbores, as flores, os alimentos sans e ricos que temos, a paisaxe. Valora, aprecia e defende todo o pequeno que hai ó redor de ti.

10º/- En todo isto descúbrete como fillo e filla querida de Deus, que nos fixo irmáns, e nos deu toda a aldea coma un ben comunitario a compartir".

Como se ve, nos nosos labregos abonda o sentido común. Son listos e realistas. Coido que non hai contradicción algunha (máis ben complementariedade) cos chamados os verdadeiros. Vai dedicado ós nosos labregos. Como regalo da festa do Patrón.
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES