Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Telón de grelos

jueves, 12 de marzo de 2009
Nesta época globalizada onde os macrocentros comerciais atraen compradores de todo o contorno, aínda queda espacio e tempo para a compra directa, para que o proveedor subministre directamente ó consumidor.

O de que os centros comerciais atraigan a compradores do contorno está perfectamente demostrado. Eu era cliente do Corte Inglés cando só había en Galicia un centro en Vigo e sigo séndoo, máis de trinta anos despois cando o centro coruñés queda moito máis cerca.

Con Continente, agora Carrefour, pasou o mesmo. Era cliente do centro coruñés ata que xurdiu en Lugo, e a Lugo viñan compradores de toda a provincia -agora, co añadido de Erloski o centro comercial de Infanta Elena- habendo incluso buses desde determinadas zonas, programados para que as señoras que seguen a ter o patrimonio das compras familiares poidan vir mercar e pasar a tarde a un destes centros comerciais.

E sen embargo, conviven outros xeitos que ó mellor desaparecen coas novas vías de comunicación.

Vindo pola estrada actual entre As Pontes e Vilalba, especialmente na parroquia de Santaballa, hai unha orixinal posta en valor de determinados productos para tentar ó viaxeiro. Diante dunha casa hai colocado un saco de patacas, noutra unha cesta con madas de nabizas, ou uns ovos. Produtos todos do campo -proveedor a consumidor- para tentar ó viaxeiro que leve á casa algo tan atractivo colocado nunha silla ou nunha carretilla que evidencia que non hai distancia entre a terra productora e a mesa consumidora, que máis que comercio hai un contacto directo entre o primeiro e o último eslabón da escala comercial.

Depende da época, pero son os grelos o elemento que máis chama a atención neste orixinal mercadillo lonxitudinal onde se nos conquista non pola masiva acumulación de produtos como fan nas grandes superficies senón, precisamente, por todo o contrario. Pola soedade dunhas madas de grelos ou unhas patacas no medio do campo produtor, sen ninguén que as atenda, sen ninguén que as ofreza, agardando polo que sexa tentado pola súa presencia e se achegue á casa inmediata para preguntar polo precio da mercancía exposta.

Eu teño parado e mercado, que sigo a ser dos que anceian os productos labregos, directamente desde o productor, aínda que ese productor -que non é o caso- abuse da súa preeminencia, e venda a precio de ouro o que non ten porque ser tan cotizado.

Téñennos conquistado o ánimo con tantas noticias sobre contaminación e mixtificación, que nos parece que todo aquelo que buscamos en orixe é o mellor. Que nada se pode parecer a aqueles grelos que se ían buscar directamente á finca, ás veces escarabellando na mesma neve, para traelos fresquiños -e canto!- para a cociña e preparalos de inmediato para a comida.

Por eso, o éxito desas feiras monográficas do botelo ou do queixo, do capón ou do caldo de osos, dos grelos... como se ven de celebrar en Abadín. Todo é obxecto de comercio, de feira, coa condición de que sexa orixinal, na mesma zona de produción, que sexa un produto relativamente escaso, e que os promotores teñan axeitado sentido da posta en valor do producto.

Seguro que se algunha institución oficial se entera chegarán a prohibir este comercio rural, primitivo porque os produtos non pasan controles, non adquiren valor a través de intermediarios, non veñen ben envoltos, non amosan os precios ós que se van vender e os vendedores non teñen carnet de manipulador. Así que é mellor non falar moito destas cousas e permitir que sigan existindo. Por parte dos vendedores, para que sigan a beneficiarse de poder vender na porta da casa a moi bo precio as mercadorías que lles sobran sen ter que depender de ninguén.

E por parte dos compradores, porque cando un ven de viaxe sempre senta ben poder mercar algo distinto ó de sempre, e poder chegar cunha simple mada de grelos a casa, mercada en Santaballa, como se fose un trofeo conseguido en boa lide, loitando contra medio cento de opoñentes.

¡Que non caia o telón de grelos!.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES