"Os mundos de Claudio Rodríguez Fer" foi publicado por primeira vez no ano 1998 da man de Natalia Regueiro. Agora, coincidindo co seu vixésimo quinto aniversa¬rio, acaba de publicarse en liña no número 28 de "Unión Libre. Cadernos de vida e culturas" actualizado por Marcela Bao. Tras o seu prólogo preséntase unha cronobiografía cos sucesos máis relevantes na traxectoria de Claudio Rodríguez Fer ata o ano 2023. Tras

ela sucédense centro trinta e dous capítulos, todos eles acompañados por múltiples imaxes relacionadas co asunto tratado en cada un deles. Así, as autoras presentan unha serie de temas, artistas, topónimos, persoas e iniciativas vinculadas ao poeta lucense en distintos puntos da súa vida.
Nos tres primeiros capítulos, «Lugo», «Pais» e «Infancia», trátanse as orixes do poeta lucense e, seguidamente, en «Jules Verne», «Cine» e «Gregory Peck» alúdense aos seus intereses dende a nenez. En todos os casos, e como ocorre ao longo do volume, inclúense exemplos de poemas do autor que ilustran os temas expostos en cada sección. Noutros casos engádense as declaracións doutros estudosos a propósito da obra de Claudio Rodríguez Fer.
A continuación, móstrase a presenza de «Galicia» tanto na obra poética como ensaística do autor e, en especial e como se indica no capítulo dedicado á seguinte cidade, en «Santiago de Compostela» exponse a súa relación coa urbe universitaria á que estivo vinculado inicialmente como estudante e posteriormente como profesor.
Nos capítulos «Poesía» e «Narrativa» lévase a cabo unha recompilación dende os títulos iniciáticos ata os máis recentes. En «Música» e «Fotografía» comparecen dúas áreas de grande interese para o autor e sempre en relación coa súa produción. Tras isto, abórdanse os «Estudos» do autor dende a infancia até o doutorado. Logo destaca a figura de Ánxel Fole, a quen se lle dedica un capítulo no que se detalla a relación intelectual e de amizade que ambos escritores mantiveron, xa que Claudio Rodríguez Fer considerouno como o seu «avó por adopción». Igual de notorio é o seu interese polo Humanismo, que se plasma en capítulo independente. No adicado á «Prensa»

recóllense algunhas das participacións do autor en múltiples medios, así como os fundados e dirixidos por el mesmo e sobre os que existen os capítulos pertinentes: por unha banda, «Unión Libre» e, pola outra, «Moenia». Igualmente de salientábel é a colección «Poesía para todos» que emprendeu co obxectivo de difundir gratuitamente a poesía para facela máis accesíbel para toda a sociedade.
Os capítulos máis persoais confórmanos os titulados como «Carmen Blanco» e «Filla», en ambos casos con múltiples exemplos das obras que o autor lles dedicou e, no caso da primeira, coas colaboracións e proxectos culturais e intelectuais que compartiron ata o momento. A eles poderían sumarse aqueles que rexistran a súa labor na «Docencia» e co «Alumnado», este último como ámbito no que forxou amizade con personalidades ás que posteriormente se lles dedica cadanseu capítulo explicando o vínculo do autor con cada un deles. Nesta liña, destacan o crítico literario Armando Requeixo, a poeta Olga Novo e os investigadores valentistas Manuel Fernández Rodríguez e Saturnino Valladares. Fóra da Filoloxía, salienta o caso da graduada en Enxeñeira de Deseño Industrial e en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural Cristina Fiaño.
Caso distinto é o do artista e empresario Isaac Díaz Pardo, editor que máis libros lle publicou ao poeta lucense, e en cuxo capítulo se explica a súa relación. Existen, pois, outros capítulos sobre personalidades diversas que entraron en contacto co autor por diferentes vías. Por exemplo, no dedicado á poeta galega Luz Pozo Garza ponse de manifesto a relación desta coa parella conformada por Carmen Blanco e o propio Claudio Rodríguez Fer. Noutros casos, as relacións con diversos estudosos rexistran, ademais do vínculo co poeta lucense, os seus traballos sobre a súa obra e as múltiples colaboracións culturais nas que teñen participado conxuntamente. Aquí destacan a fundadora da Asociación de Estudios Galegos e creadora da voz dedicada ao autor na "Gran Enciclopedia Gallega", Kathleen N. March; o filólogo e catedrático Xosé Luís Axeitos; o fotógrafo Eduardo Ochoa, quen ten retratado ao autor en múltiples ocasións e sobre o que este ten escrito outras tantas; os hispanistas Claude Henri Poullain e Diana Conchado; a catedrática emérita Lily Litvak; a investigadora Milagros Polo, coa que o escritor ten colaborado en diversas ocasións a propósito da figura do poeta José Ángel Valente; a pintora e debuxante lucense Sara Lamas, quen ten retratado a Claudio Rodríguez Fer e a distintos amigos e distintas amigas en varias ocasións; a ensaísta e investigadora María Lopo, quen lle descubriu a Guillevic, ao que posteriormente se lle dedica un capítulo; o multiartista e escritor galego Eugenio Granell, para o que Claudio Rodríguez Fer actuou de prologuista e, na actualidade, forma parte do padroado da súa fundación; os escritores e amigos Antonio Gamoneda, Juan Goytisolo e Adonis; a escritora arxentina e viúva de Borges, María Kodama; a profesora e tradutora do poeta lucense ao portugués Claudia Murici (baixo o capítulo «Claudio Murici e Brasil»); a investigadora e profesora Tera Blanco de Saracho ou a filóloga romanesa Adina Ioana Vladu. A todos eles e a todas elas deben agregarse os capítulos dedicados ás propias autoras do volume: a filóloga Manuela Aira (Marcela Bao) e a investigadora e fotógrafa Natalia Regueiro, que teñen colaborado co poeta en múltiples actividades culturais ao longo dos anos.
Outros capítulos, como «Vangardismo», «Artes plásticas», «Culturas orientais» ou «Multilingüismo» rexistran de forma máis xeral os intereses do poeta e como estes repercuten na súa produción. Con respecto aos dous últimos capítulos citados pode mencionarse o influxo libertario e pacifista do lendario filósofo Lao Tsé e o seu poema «A cabeleira (Fragmentos)» como o poema galego máis traducido a distintas linguas do mundo, máis de setenta xa.
En «Poética» recóllense algunhas das composicións do autor, que logo volven a citarse en capítulos sucesivos pola temática presente en cada unha delas: o amor, a muller, o erotismo, o vitalismo, a natureza, o celtismo, a utopía libertaria, o universalismo, o pacifismo e o humorismo (en «Humorismo e Woody Allen»). De xeito similar, e en capítulos independentes, recóllense algunhas das recepcións e entrevistas que outras personalidades lle teñen adicado ao autor e á súa obra. A continuación, recompílanse algúns dos seus traballos máis importantes no eido dos epistolarios e do teatro, así como a súa labor como editor (esta última baixo o título «Edicións») e prologuista (en «Prólogos a obra propia» e «Prólogos a obra allea»). Neste senso, en «Clásicos galegos», de Sotelo Blanco Edicións, destácase a súa figura como pioneiro no proceso de asentamento e dignificación filolóxica como director da citada colección. Igualmente, Claudio Rodríguez Fer foi pioneiro na introdución da metodoloxía integral no eido científico da cultura galega, á que se lle dedica un capítulo. Ademais, recóllense algúns dos seus traballos como autor de múltiples «Comentarios de textos» sobre autores galegos de todos os xéneros.
Posteriormente, baixo os títulos «Iconografía plástica» e «Iconografía fotográfica» recóllense algúns dos debuxos e algunhas das imaxes que distintas persoas e profesionais lle teñen feito ao autor; en «Musicalización» inclúense algúns dos poemas do lucense que outros compositores musicaron; e en «Poesía visual», «Poesía obxectual», «Poesía corporal» e «Poesía postal» recóllense outras creacións do autor que derivaron, na meirande parte, en exposicións de distinta natureza. De xeito similar, en «Traducións» recompílanse algunhas das traducións máis destacadas da obra do autor, así como os nomes dos tradutores e das tradutoras a múltiples linguas e, inversamente, algunhas das traducións emprendidas polo propio lucense doutros escritores.
Existen, ademais, outros capítulos dedicados a autores concretos que teñen influído notablemente na traxectoria de Claudio Rodríguez Fer, sirvan como exemplos: os galegos Rosalía de Castro e Castelao (deste último o poeta descubriu recentemente edicións chinesas dos seus álbums de guerra); o poeta español Antonio Machado, ao que lle dedicou "Antonio Machado e Galicia"; os tamén poetas Neruda, Lorca e Cernuda, sobre os que Claudio Rodríguez Fer investigou en diversas ocasións e que derivaron en múltiples traballos; o célebre escritor arxentino Jorge Luis Borges, sobre o que escribiu varios ensaios, recompilados recentemente en "Borges y todo (Escepticismo y otros laberintos)"; os escritores rusos Dostoievski e Tolstói, polos que se interesou xa dende a adolescencia; os estadounidenses Edgar Allan Poe e Walt Whitman, aos que comezou lendo nas traducións de Julio Cortázar e Borges, respectivamente; e o escritor francés André Breton (en «Breton e amour fou»), que é un dos máis influentes no autor. A todos eles poden agregarse aquí capítulos sobre o cineasta Orson Welles, o escritor arxentino Julio Cortázar (en «Julio Cortázar e Bos Aires»), os cantautores libertarios franceses Ferré e Brassens, a poeta estadounidense Emily Dickinson (en «Emily Dickinson e Nova Inglaterra») e a parella formada polo filósofo francés Albert Camus e a actriz galega María Casares.
No libro tamén se inclúen capítulos dedicados ás viaxes do autor por diferentes partes do mundo e que se aglutinan inicialmente en «Viaxes», mais logo teñen o seu desenvolvemento en senllos capítulos. Por exemplo, o da descuberta de Rusia, país que espertou no poeta un temperá interese influído polo seu pai; a primeira viaxe a Portugal tras a Revolución dos Caraveis e diversas partes de España; a creación poética en lugares que visitou e nos que incluso morou por algún tempo, como París, Londres, Inglaterra, Holanda, Bélxica, Grecia, Italia, Nova York, Normandía, Occitania, Marrocos, Canadá (en «Canadá e Leonard Cohen») e Romanía. Na maioría deles o autor visitou os espazos máis emblemáticos e as vivendas e os museos dos seus persoeiros máis admirados. Nalgúns dos espazos xeográficos anteriormente citados, Claudio Rodríguez Fer exerceu como profesor e impartiu diversas conferencias. Quizais, un dos países que máis destaque sexa Suíza, por ser o lugar no que viviron autores moi queridos para el, como os anteriormente referidos Borges e José Ángel Valente; así como Bretaña, onde o lucense foi nomeado doutor honoris causa. De forma algo máis xenérica tamén se aluden os seus viaxes e a presenza de distintos destinos na obra do autor nos capítulos «Europa central» «Caribe», «Países Celtas» e «Francia Leste e Oeste».
As seccións tituladas «Guerra civil», «Memoria histórica», «Loita integral», «Cunetas», «Dignificación», «Vermellas», «Mapoulas libertarias», «Exilio republicano» e «O toupo Santiago Marcos» rexistran a participación de Claudio Rodríguez Fer en diversos actos en prol da memoria e da dignificación dos asasinados e do represaliados durante o franquismo coa participación activa de moitos dos seus descendentes.
Ademais, como director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética na Universidade de Santiago de Compostela, cuxa labor se rexistra nos capítulos «Cátedra Valente (Poesía)» e «Cátedra Valente (Estética)», o autor é consciente da importancia das bibliotecas, dos arquivos e dos museos como lugares de investigación, polo que as autoras dedícanlle un capítulo a cada un destes espazos e inclúen a descrición dos dous primeiros do propio poeta.
Finalmente, entre os recoñecementos e méritos máis destacábeis na traxectoria académica de Claudio Rodríguez Fer, as autoras destacan en «Honoris causa» o seu nomeamento pola Universidade de Alta Bretaña en Rennes e, máis recentemente, «Medalla Eminescu», que o lucense recibiu, xunto co Premio Historia e Críticas Literarias no ano 2023, pola súa actividade cultural internacional, durante o Festival Mundial de Poesía de Craiova e Calafat. Fecha o libro o capítulo que leva por título «Cume da vida», onde se expresa a fidelidade que o autor segue a gardar polos principios que o guiaron dende cativo: a liberdade, a paz, a xustiza e a igualdade, todos eles presentes na súa vida e obra.
En resumo, "Os mundos de Claudio Rodríguez Fer" é un volume indispensábel para o coñecemento da obra e da traxectoria do poeta a distintos niveis e en todos os planos posíbeis. A recompilación de actividades e a actualización dos datos por parte de Marcela Bao e Natalia Regueiro con motivo do vinte e cinco aniversario da súa primeira edición é un motivo de celebración e un traballo titánico que só cabe eloxiar e gratular, á par que o desenvolvemento das distintas actividades levadas a cabo polo propio Claudio Rodríguez Fer tal e como se recollen nesta nova edición.