Estancamento poboacional
Editorial - miércoles, 11 de marzo de 2009
Un galego máis cantaban os Tamara hai moitos anos para celebrar o nacemento dun neno nunha casa galega. Daquela os natalicios eran máis abundantes que agora.
Galicia medrou un 1,8% nos últimos anos en canto a poboación, chegando a 2.772.533 habitantes. Mentras tanto, neste mesmo período, Europa medrou un 3%, e España un 13,43%.
Pontevedra e Coruña por renda, tamén por situación xeográfica máis favorecedora do implante poboacional, medraron un 4,6% e un 2,4% respectivamente. En tanto, Lugo baixou un 3,4% e Ourense o 2,1%.
E xa que nos fixamos en que cada vez hai máis emigrantes extranxeiros ó dicir dos galegos, resulta que estatísticamente entre 1998 e 2007, os últimos dez anos, só aumentou o 0,7%, estando neste último ano na cifra de 81.442 persoas.
En tanto, tamén envellecemos e se no 1998 a poboación galega tiña de idade media 41,7 anos, en 2007 chegou ós 44,4 anos.
A natalidade aumentou e neste tempo pasou de 6,8 nacementos por cada milleiro de habitantes a 7,7 pero evidentemente non é abondo para evitar que sigamos envellecendo colectivamente e deixen de incrementarse as cifras de residentes nunha terra que invita a quedarse, e polas súas características está chamada a ser un punto de referencia entre as rexións da U.E. pola situación xeográfica, o Camiño de Santiago, a conxunción do mar e a terra, os productos do país e o carácter das xentes.
E sen embargo non medra o noso número, e envellecemos como colectividade. Vai haber que facer algo máis, que asuntos coma este non se poden deixar nas mans da natureza, que é sabia pero non está posta ó día da necesidade de que aumenten os cotizantes, os especialistas, os ensinantes, os doutores, e todo tipo de xentes que conforman o esqueleto vital dun país.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora