Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vito, no Lugo da prodixiosa década dos 70!

miércoles, 11 de marzo de 2009
(Os anos do feliz achegamento da xuventude rural á cidade)

Vito foi un dos afortunados e privilexiados mozos daquel abondoso e ben poboado mundo rural (aldeas/vilas, xunguidas nunha necesaria e boa harmonía) que atopou saída no estudo sen ter que emigrar a América ou a Europa á procura de vida mellor como tivo que soportar unha gran parte dos fillos e fillas da Terra nas décadas anteriores (50/60) As dos anos de máis emigración de Galicia cara Europa que viña de padecer a sangría humana da segunda guerra mundial. Hai tempo dabondo para elaborar unha sinxela análise e tirar algunhas conclusións daquela etapa. Mesmo ao través da vida de Vito e dos seus coetáneos. Eu podo (e quero) dar fe desa ditosa e inesquecible etapa, xa que tiven a sorte de vivir e compartir con centos deses mozos/as que tamén tiveron que deixar as súas aldeas e vilas para buscar saída por medio da súa formación. Para min, que os acompañei con idade xa madura, foi unha auténtica gozada.

O meu trato, directo e persoal, con Vito, rapaz/mozo, no tempo da súa estadía en Lugo, foi limitado. A relación próxima e primeira chegou pola familia. Ao mesmo tempo cás xuntanzas cos amigos e compañeiros do Colexio Menor Eijo y Garay, onde compartimos moitos actos xuntos (conferencias, charlas) e concertos do Coro do Colexio, Fuxan os Ventos e sobre todo despois da fundación do Coro Mixto da Xuventude, que naceu da fusión do Coro xa existente no colexio e co xa activado das rapazas do Colexio Menor Feminino Santísimo Sacramento. Neste colexio residía a súa irmá Lola, xunto con outras irmás e un bo grupo de internas de toda a provincia, entre as que había unha boa fornada de Guitiriz. (Aínda estaban lonxe os Institutos nas vilas) Segue a unirnos unha profunda amizade. Foi un grupo humano fenomenal. Lola, representa ao resto. Era, coma seu irmán, unha rapaza sinxela, humilde, nobre e moi traballadora. Con aire feliz e sosegado da xente da aldea. Sempre disposta a colaborar nas iniciativas e actividades sociais e culturais que ían nacendo ao redor dos dous Colexios Menores de Lugo e de Auxilia, na que participaron residentes de ámbolos dous colexios. Lembro, e sublíñoo gustoso como homenaxe a Vito, seu irmán, o estupendo e fermoso traballo de actriz, naquel remexido cultural, costumista/musical do Nadal “Galicia canta ao Neno”, no que interpretou o papel dunha ama de casa na cociña de lareira, típica da aldea galega, nunha Noiteboa rural.

Por esta circunstancia especial, por algúns outros encontros e polas actividades culturais e artísticas compartidas, eu era bastante coñecedor da rica vida de Vito. Sabía do seu carácter ledo e xuvenil, da súa fonda afección ao cine, á fotografía, ás viaxes e do seu trato cordial con amigos e compañeiros. Máis tarde, coa chegada de Afonso a Guitiriz (coas amplas actividades de Xermolos) sei que andou tamén mergullado, a fondo. Estou desexando coñecelo máis ao través das outras colaboracións. Para lembrar, gozar e agradecer a súa vida. E as súas obras e, sobre todo, o seu exemplo de home, rexo e forte. Por iso, suxiro que tamén compartamos, neste traballo, unha sinxela reflexión que todos coñecemos pola fe pero que nos custa activar, actualizar.Algo que a fe cristiá nos confirma, baseada na seguridade da Palabra e da Promesa de Xesús: Que Vito vive, ditoso e feliz, noutra nova, distinta e mellorada dimensión! Que Vito vive xa no País da Plenitude do Deus de vivos onde non reinan as limitacións! Que Vito segue tamén activo, activado e presente nas nosas vidas, por enriba e máis aló dos gratos recordos e das fermosas lembranzas daqueles tempos xa idos e sen volta!

Velaí a conversa/coloquio final con Vito que comparto con todos e todas!. Algo doado de facer para os que cremos na relación/comuñón que se dá entre nosoutros máis aló da morte e da separación física. Algo que facemos, a cotío, mesmo sen nos dar conta. Real e lóxica entre persoas que se aman. Para os que deixan abertas as portas da mente e do corazón aos demais, non hai fronteiras. Todos o temos feito, aínda que non o poñamos por escrito. Aos que teñen esa fe, dáselles esa facultade. Aínda máis: poden vivir a experiencia. Pregunten ás súas nais e avoas. Ou á xente do rural. Invítoos a intentalo, mentres lle botan unha ollada. Tamén é lugar axeitado para vivir esta experiencia nunha igrexa en soidade, no silencio da montaña, na ribeira dun río!.Lonxe do barullo, do consumo. Sen pantallas e intermediarios.

Vaia esta conversa para Vito e para a xuventude, leda, traballadora, optimista e esperanzada do rural galego da década dos 70! Abonda con lembrar anacos das vosas vidas que soubestes vivir e compartir naquela vitalista etapa das utopías e dos imposibles que, xermolados no maio francés do 68, propiciaron suaves ventos de humanidade e de liberdade para levar adiante todas as transicións pendentes, tanto no eido político e cultural/social coma no relixioso. Vivístelas xuntos, felices, ilusionados! Con moita alegría e esperanza!.

Foi a etapa histórica máis importante e decisiva para crear mentalidades optimistas de cambio e de futuro, diante a Europa, chea de cartos pero baleira de ideais. Tamén para a xuventude do rural, a máis traballadora e entusiasta dos tempos modernos. ¡A anos luz da actual!

Alédame moito lembrar contigo, Vito, e proclamar, expresa e publicamente, por primeira vez e por escrito, este acontecemento histórico, vivido na nosa Terra. Quizás foi a etapa máis importante da historia da xuventude rural galega. Ti fuches un dos autores e co/protagonistas. Aconteceu o milagre, que podemos chamar “a invasión pacífica e cultural”, da amurallada e ben pechada cidade de Lugo, feita por un grupo anónimo da xuventude humilde, sinxela, limpa e aberta do rural galego. Centos de rapaces e rapazas, coma ti, que cheos de ilusión e de esperanza, con arreos para saír da vida sen futuro e con azos e gañas de saír adiante para mellorar a vida condenada a unha emigración forzosa ou mesmo de escravos, por falla de formación. Nese intre, chegastes por milleiros dende todas as aldeas e vilas espalladas pola grande, extensa e empobrecida provincia de Lugo. Quizás forzados pola necesidade xa que non había Institutos nin Colexios de Ensino Medio, nas vilas, as cabeceiras das comarcas. Fixestes unha cativa pero necesaria e imprescindible “gran revolución cultural”, sobre todo no referente á loita pola “igualdade de oportunidades” mudando unha triste situación de séculos, na que só tiñan acceso á cultura os fillos e fillas dos ricos das vilas e da cidade. Mesmo axudastes a adiantar a creación dos Institutos nas vilas e pór a primeira pedra para o “campus universitario”, que, nas vosas e seguintes décadas, chegou aos 11.000 alumnos/as.

Fostes, Vito, os pioneiros en abrir aqueles imparables camiños da “formación para todos” Algún día haberá que elaborar un estudo para facer luz, claridade e xustiza sobre aquel feito. Agora está a faltar aquela forza, capacidade de loita, entusiasmo, traballo e entrega que rebulía no ámbito xuvenil da cidade de Lugo. Hoxe en día, a xuventude está chea e sobrada de cousas (cartos, coches, móbiles, botellóns...) e baleira de iniciativas, entrega, gratuidade. Morreu o rico voluntariado, tan abondoso daquela. Matárono os cartos camuflados nas gratificacións, subvencións, primas. A xuventude actual está diminuída, en declive. Non sabe (ou xa non pode) compartir o que ten. O abafante consumo e a insultante globalización do mercado libre non acaba de encher as ansias e devezos de felicidade do ser humano. Amigo Vito, ti que xa estas xunto ao Autor da Vida, bótanos unha man! Fainos falla un espírito distinto para se decatar da situación actual e un corazón doído pola humanidade ferida con gañas de mudar as cousas para mellorar á situación do rural que se está a baleirar de todo.

Grazas, Vito, por me refrescar a memoria e facerme revivir aqueles fermosos e felices anos no que todo o soñado, desexado e querido... se tornaba real. Seguimos contando contigo!

Grazas, Afonso, por me regalar outra agradable oportunidade de poder compartir algo da miña sinxela vida coa riqueza e fartura da túa/vosa. Creo que Víctor segue presente.. e activo!

(Lembranza no Nº11 de Guiero da Asociación Xermolos-Gutiriz. Foi presentado o pasado sábado, na "Casa Habanera" de Guitiriz)

Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES