Non facemos deporte
Editorial - martes, 10 de marzo de 2009
Dados como somos a celebrar aniversarios, deberíamos ter celebrado xa hai tempo o bimilenario da frase Mens sana in corpore sano para, polo menos, lembrar que xa os romanos valoraban na súa xusta medida o feito de facer deporte como beneficioso para o corpo e para o espírito.
Non están tan lonxanos os tempos en que o deporte era unha maría no ensino á que non se lle daba demasiada importancia e figuraba nos plans de estudio de cara á galería.
Agora do deporte, aínda que estragado pola comercialización dalgún deles, masificado, profesionalizado, endiosado, todos temos unha concepción teórica que encaixa perfectamente coa tradición e a ciencia. En teoría.
Na práctica, as Olimpiadas reflicten periódicamente os picos máis altos da práctica deportiva, o Plan ADO protexe o deporte olímpico, e as autoridades e institucións procuran fomentar a actividade deportiva, polo que parece con pouco éxito.
Dun estudio recentemente presentado polo profesor Eduardo Moyano do CSIC, resulta que só o 36% dos españois practica en algún momento algún deporte. En Galicia, o 33%. E a tendencia e á baixa.
Mellores porcentaxes ofrecen Andalucía (45%), Madrid (43), Cataluña (43) ou La Rioja (40). Pero en Galicia, con media consellería dedicada ó deporte, estamos no 33%. E se temos en conta só os rapaces, en 1995 o 60% dos xoves practicaban deporte mentras que en 2008 somente o facía o 48%. Algo está incidindo fortemente en contra do exercizo físico.
As numerosas tentacións da vida moderna, as comodidades, o sedentarismo, os medios audiovisuais, e un sin fin de factores máis inflúen na dedicación ó deporte por parte da inmensa maioría da sociedade.
Non é xa que esquezamos as razóns dos clásicos en canto a cultivar o corpo. É que esquecemos as nosas mesmas conviccións, os estudios dos especialistas, e todo tipo de mensaxes que nos incitan a cultivar o corpo mediante o esforzo do deporte. Cada vez nos valoramos menos por valorar máis o non facer nada.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora