Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Á escoita da chamada

domingo, 21 de enero de 2024
O evanxeo de Marcos segue a nos presentar a busca realizada por Xesús de compañeiros, de persoas dispostas a se facer irmáns e colaboradores seus na tarefa do anuncio da "boa nova", do evanxeo. El convida e chama, suscitando nas persoas desexos de se encontraren con el. Este encontro está, como sabemos, posibilitado sempre polo vento do Espírito de Deus que empuxa con suavidade as velas das nosas barcas cara ao ben.

Antes de se encontraren física e historicamente con Xesús, tanto os irmáns Simón Pedro e Andrés coma os tamén irmáns, Santiago e Xoán estaban xa "tocados" polo Espírito de Xesús, que traballa arreo dunha ou doutra maneira en todas as persoas.

É un misterio o da vida humana de cadaquén. Cada un ten o seu propio estilo, o seu xorne, o seu mundo interior, condicionado ademais por moitos factores (biolóxicos, psíquicos e sociais). Por iso, ninguén ten dereito nin capacidade algunha para xulgar a ninguén.

Mais, en calquera caso, para anunciar a súa alegre noticia, é dicir, o evanxeo da liberación e da vida, Deus busca "buscadores", busca entre persoas que non estean xa satisfeitas do que son ou do que fan. Busca por iso entre xente sinxela, pobre de haberes e de poderes, mais ricos en desexos e en vontade.

Polo menos entre tales buscou Xesús os seus apóstolos, aínda que algún deles a pesar de todo lle fallase tras pasar un bo tempo con el. Mais ese é tamén o fondo misterio da nosa liberdade.

O evanxeo refírese hoxe explicitamente á chamada dalgúns dos seus apóstolos. Mais con eles e onda eles había tamén moitos outros discípulos e xente de toda clase que o seguían. En todos eles soprou o vento do Espírito de Deus, do Espírito de Xesús.

Falamos con frecuencia de vocacións sacerdotais ou relixiosas. Mais non debemos esquecer que todo cristián normal, dos que podemos chamar de a pé, ten tamén a súa propia "vocación", é dicir, a súa propia "chamada" (pois iso significa "vocación": chamada ou chamamento). Sentirmos a chamada a unha vida verdadeiramente cristiá significa que estamos abertos a esas inspiracións, convites, impulsos, desexos, que dunha ou doutra maneira nos van movendo ou conmovendo cara ao ben. Cara a esa crenza de que Xesús é o noso irmán maior e de que todos somos e debemos comportarnos como irmáns.

Por iso, pódese dicir que o estilo do convite que Xesús fai aos seus apóstolos é o mesmo que el dirixe a quen queira converterse en seguidor seu. Os catro apóstolos de hoxe eran de oficio pescadores. Un pescador (de mar ou tamén de río) quere, busca, que o peixe pique ou se enrede na rede. Un pescador é unha persoa de espera, de paciencia, que busca e traballa co anzol, coa isca, coa rede, coa esperanza de dar cos peixes que se converterán en alimento e vida para a nosa subsistencia.

Non é por iso nada estraño que entre estes pescadores de peixes buscase Xesús pescadores de persoas: "fareivos pescadores de homes". Calquera que viva de verdade a vida cristiá segue a ser tamén unha persoa coma as demais, unha persoa de desexos e de esperanzas que se converteu de verdade en irmá das demais, "pescador das demais", para facelas partícipes da alegre mensaxe dun novo xeito de vivir.

Coméntovos agora, por boca do seu protagonista, como se realizou unha vocación concreta nos nosos tempos. É a vocación, a chamada, oída e aceptada con entusiasmo por alguén que celebrou durante arredor de vinte anos a partir do ano 1965 moitas eucaristías na cidade de Vigo e tamén noutros lugares. Refírome ao padre Xaime Seixas Subirá. Léovos do libriño "Conversas do Pai Xaime Seixas con Silvestre Gómez Xurxo" o curioso relato que el nos fai do proceso da súa vocación, é dicir, da chamada de Deus a el para se facer sacerdote e xesuíta:

"Foi entre os 15 e 16 anos cando sentín a miña vocación misioneira. O que pasa é que eu estaba absorto noutras cousas como a política e tamén por certos namoramentos... En resumo, que con todo isto a chamada vocacional foise quedando aí, medio esquecida, agardando calada e firme como quen sabe que ha chegar a súa hora [...] Chegaba de América o meu tío Mariano Subirá, famoso avogado, primeiro en Madrid e logo na Arxentina [...] e colleunos mal de sitio alí en casa dos meus avós Subirá. Entón, eu que era moi rapaz e me acomodaba en calquera sitio, durmín nun sofá que había no corredor, e unha noite, nese lugar ben pouco cómodo, tiven unha premonición que co tempo sería clave na miña vida e que se cumpriu ata nos máis pequenos detalles. Naquel soño histórico vinme vestido de sotana negra –cousa rara porque eu nunca pensara ser crego, atraíanme as misións pero a imaxe do misioneiro era con sotana branca–, sen barba, nunha illa grande e arrodeado de xente de color, sobre todo de nenos, e ao mesmo tempo sentín internamente, dun xeito moi profundo e clarísimo que aquilo era o meu futuro. Coa intensidade do soño espertei cheo dun gran gozo espiritual, algo inusitado deica aquela para min, e convencido de que acababa de ver o meu futuro.

Pero por vergonza calei porque na miña familia non había ningún antecedente de dedicación relixiosa. Calei. Foi pasando tempo, pero aquel soño seguía vivo, seguíame chamando. Finalmente, xa aos vinte anos, tiña suficientemente claro o da miña vocación e decidinme. [Entra na Compañía de Xesús e pasan anos...] Por fin recibín unha chamada do Pai Baeza, Visitador Xeral de Hispanoamérica, que me solicitaba como misioneiro para unha parroquia da República Dominicana na fronteira de Haití, na que había moita xente negra e que estaba pasando unha etapa tremendamente conflitiva [...] E sentín que definitivamente se ía realizar o futuro que me agardaba desde había tanto tempo. Preparei todo e funme de inmediato [...] Un día o misioneiro da misión veciña á miña, na que había moita xente de color, díxome se lle podía ir dicir misa a unha aldea moi remota, toda de xente negra. Sentín algo moi especial. Decidín poñerme a sotana negra, como vira no soño. Cando cheguei alí a aquela aldea de cabanas, coa xente negra que me arrodeou, sobre todo os nenos, sentinme coma na casa, coma se coñecese aquilo de sempre. Era a estampa real do meu soño misioneiro".

Despois de catro anos alá, unha enfermidade (das que con frecuencia o visitaban) tróuxoo á cidade de Vigo para estar alí durante os vinte derradeiros anos da súa vida activa. Mais antes estivera aínda durante un ano aquí na Coruña: dende finais de 1960 ata finais do ano seguinte. Seixas confesaba que levaba esta cidade nosa moi no "corazón". En boa parte porque a"uí vivira, aínda que nacera en Santiago, durante tres anos sendo rapaz. Así nolo conta el: “Dos sete ós dez anos vivín na marabillosa cidade da Coruña -¡como lle quero á Coruña!-, e alí fun confirmado polo gran bispo galego Lago González e fixen a Primeira Comuñón na igrexa dos xesuítas". Foi aquí onde fundou a Vangarda Obreira Xuvenil, tanto a masculina como a feminina. “Organicei -dinos el- todas as ramas da Vangarda Obreira (Xuvenil, Feminina e Social). Traballei moito en dirección espiritual. Encontrei grande apoio nas xentes coruñesas e pasei un ano moi feliz".

Foi xustamente a finais deste ano 1961 na Coruña cando o destinaron á República Dominicana, tal e como vos indiquei.
E aquí remato xa.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES