Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A un patiño feo

martes, 10 de marzo de 2009
“¡Oh, que grande é o mundo!”. Iso foi o primeiro que exclamaron os patiños do famoso conto de Andersen en canto saíron dos ovos. Ese mesmo relato é o que teño agora diante de min cando vos escribo estas liñas. A ti, o rapaz que ve xogar ó fútbol ó resto dos seus compañeiros dende a fiestra da aula porque ningún deles quixo escollelo para o seu equipo. A ti, a nena que pasa as horas mergullada na fantasía das páxinas dos libros da biblioteca mentres as outras remangan a saia cando pasan diante dos rapaces. A vós, os solitarios de hoxe e os triunfadores de mañá, os diferentes, os incomprendidos. Sei que non pensades, non falades e non actuades coma os demais.
Sei que non sodes iguais ó resto e por ese mesmo motivo vos condenan, vos insultan e mais se burlan de vós. Pero tamén, por esa mesma razón, sodes especiais, necesarios, únicos.

“Pero o pobre patiño, tan feo lles parecía a todos, que non recibiu máis que picotazos, empuxóns e burlas, tanto dos patos coma das galiñas”.

Non formades parte do rabaño social que guiado por un pensamento único actúa de modo idéntico nunha eterna mímese insubstancial. Sodes mentes libres e independentes, os responsables das ideas e dos cambios, os promotores do futuro dende o presente, pero aínda non o sabedes. Sufrides en silencio, nunha esquina do patio do recreo ante a indiferenza dos que non saben apreciarvos. Pero non debedes desesperar.
Non tardaredes en coñecer a outros coma vós, cos mesmos intereses, coas mesmas inquietudes.

“O patiño non vira nunca uns animais tan espléndidos. Eran dunha brancura resplandecente e tiñan largos e esveltos pescozos. Eran cisnes […] Non tiña nin idea de cal podería ser o nome daquelas aves e, sen embargo, eran máis importantes para el que todas as que coñecera ata entón”.

E co transcurso dos anos, sentirédesvos orgullosos da persoa que vos devolve a mirada no espello, lonxe de proxectar aquel reflexo dun neno asustado nun mundo que non estaba feito para el.

“Pero, ¿qué é o que viu alí na límpida corrente? ¡Era un reflexo de si mesmo, pero non xa o reflexo dun paxaro torpe e gris, feo e repugnante, non, senón o reflexo dun cisne”.

“Era moi, pero moi feliz, aínda que non había nel nin un chisco de orgullo, pois este non cabe nos corazóns bondadosos. E mentres lembraba os desprezos e humillacións do pasado, oía coma todos dicían agora que era o máis fermoso dos cisnes”.

Teredes a oportunidade de facervos a vós mesmos porque tedes o privilexio da elección que outorga a intelixencia. Seredes sabios pero non arrogantes, seredes valentes e xustos e sorriredes cando o tempo vos poña no lugar que merecedes. Pode que hoxe non sexades máis ca uns patiños feos rexeitados polos demais, pero Andersen tiña razón, cando medredes vos converteredes en marabillosos cisnes. Confiade. Tedes a chave do éxito, só vos falta tempo para aprender a empregala e facer do noso mundo un recuncho máis amable.
Pallares Vilar, Nerea
Pallares Vilar, Nerea


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES