Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A todas as comunidades do arciprestado de Ferrol

martes, 23 de enero de 2024
Levo xa un tempo entre vós. En numerosas ocasións compartimos celebracións, encontros e momentos de oración, de reunión, de formación e de fraternidade. Ao longo destes máis de dous anos que levo entre vós fómonos coñecendo e querendo. Chegado este momento, considerei oportuno comezar a visita pastoral á diocese. E facelo polo arciprestado de Ferrol.
A todas as comunidades do arciprestado de Ferrol
A visita pastoral é unha oportunidade para que o bispo coñeza a comunidade diocesana pero, sobre todo, unha ocasión para reanimar e revitalizar a vida cristiá tanto individual como comunitaria. Vivimos tempos complexos e difíciles, onde é máis necesario que nunca crecer en experiencia e en comunidade e animarnos mutuamente no camiño de fe. Como Xesús aos seus apóstolos, gustaríame reforzar a nosa vocación para ser discípulos misioneiros, que descubran a beleza da fe, que non teñan medo a vivila e a compartila co noso mundo, contribuíndo así á súa transformación. Como tantas veces nos di o Papa, necesitamos unha "Igrexa en saída".

A visita pastoral é tamén unha oportunidade para agradecer e visibilizar tantos esforzos evanxelizadores que se realizan nas nosas parroquias, arciprestados, comunidades... Constitúe, ademais, un momento adecuado para entrar en relación con persoas, institucións e realidades que participan na construción do ben común da nosa sociedade, e coas que a Igrexa está chamada a tender pontes. É un tempo oportuno para o encontro persoal e comunitario, para escoita mutua sobre o que nos preocupa, para acoller o que o Espírito queira dicirnos. Sen dúbida, é un tempo de graza.

Ademais, fundamentalmente ha de axudarnos a crecer en comuñón como Igrexa diocesana, sentíndonos parte dun mesmo pobo de Deus diverso e complementario. A miña visita quere axudar a levar adiante os proxectos que nos traemos entre mans como Igrexa de Mondoñedo-Ferrol no presente curso pastoral: crecer en sinodalidade e en comuñón a través das estruturas de comuñón; fortalecer comunidades vivas e comprometidas cun exercicio dos diferentes ministerios e o funcionamento das unidades pastorais (UPA); animar a experiencia de fe na vida de mozos e familias; acompañar situacións de especial fraxilidade; espertar o primeiro anuncio e o acompañamento...

Sinto, nese sentido, que continuamos unha práctica de séculos: tamén Paulo e Bernabé, nos inicios da Igrexa, foron visitando as comunidades nas que previamente anunciaran a palabra do Señor (cf. Feitos 15, 36). Tamén hoxe, como sucesor dos apóstolos, achégome a vós para confirmarvos na fe, animarvos na esperanza e alentarvos na caridade.

Grazas por acollerme e camiñar xuntos sinodalmente. Pidamos que o Espírito acompañe os nosos encontros. Oremos para que os froitos da visita sexan os máis oportunos. Que a Virxe de Chamorro, patroa de Ferrol, interceda por nós.

O voso irmán e amigo.

Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES