Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Garaxe Hermético e Gaspariño

jueves, 18 de enero de 2024
Kiko da Silva, o creador e director de O Garaxe Hermético, puxo en marcha durante o confinamento un proxecto singular, co seu alumnado e profesorado. Tratábase de revisitar o Gaspariño de Xaquín Marín, o gran referente do cómic e o humor gráfico. O resultado dese traballo é Gaspariño XXI, a recreación dende a nova xeración que nos demostra que o rapaz de ficción segue tan vivo coma sempre: os textos continúan sendo os mesmos, aínda cando as imaxes cambien e nolo coloquen no momento O Garaxe Hermético e Gaspariñoactual. Así o explica Da Silva: "É traer a Gaspariño ao século XXI, de aí o título. Son os mesmos gags de entón pero debuxados con aspectos de hoxe en día, que poden ter unha interpretación diferente, pero seguen a funcionar porque falan de emigración, da falta de traballo, dos eólicos...".

Cincuenta anos máis tarde, volvemos ao humor de Xaquín Marín, da man da Deputación de Pontevedra, no seu último acto, antes do cambio de goberno da mesma. Unha magnífica edición de mil exemplares con cuberta de Miguelanxo Prado e intervención de Kiko da Silva na que coloca a Marín (como Doc) no Regreso ao futuro, e Gaspariño como Marty. Unha xoia polo que representa e pola actualidade, pola defensa que o autor fai de Galicia, o galego, a natureza, a xustiza e a paz. Valores sempre en alza entre a xente de ben.

Unha iconografía propia e unha ética incombustible son os sinais de identidade deste autor. Recoñecemos a súa obra na primeira mirada, ese traballo minucioso de liña a liña construíndo o país dos desherdados, mostrando a realidade para que os habitantes se recoñezan, denunciando a burla de considerarnos menores ou parvos sen respectar a nosa maneira de ser que fala da mansedume das vacas, de emigrar en vez de protestar, de deixar facer en vez de enfrontar a inxustiza e o abuso... Sabe de desesperanza e da dor que produce a resistencia de quen é consciente e xa non pode facer máis por espertar da alienación aos demais. A hipersensibilidade que enche o corpo dun home enorme que non se reivindica senón que agradece por moi pequeno que sexa o recoñecemento, porque nada agarda. E ben que o merece porque foi creador e primeiro director do único (por primeiro) museo do humor de Galicia (e seguramente da Iberia), viñetista que con Raimundo Patiño creou o primeiro cómic en galego (Dúas viaxes), autor de grandes obras como As ratas e de imaxes clarividentes como Os pés, con máis de medio século creando humor gráfico, cartelismo xeneroso e personaxes como Isolino ou Gaspariño. Confesa, o autor, que este Gaspariño foi creado para poder poñer na boca dun rapaz aquilo que non poderían dicir os adultos por mor da censura, xustamente o mesmo que facemos na literatura infantil cando queremos falar de temas moi duros que poñemos na voz de obxectos ou animais para que doa menos.

Tal como demostrou Isaac Díaz Pardo e Seoane, a vangarda bebe da tradición, está nela. Así a obra de Marín conserva a frescura do primeiro día e traspasa décadas dándonos de ler, unha vez máis. Esta vez tráenolo Kiko da Silva, porque só alguén coma el, é quen de mirar cara atrás sen medo, de homenaxear aos maiores e recoñecer o valor dos demais con tanta xenerosidade. Neste país onde moita xente se considera Adán vendo por primeira vez o paraíso, agradécese que alguén se dea conta de quen estivo antes abrindo as portas, como é o caso do humorista que nos ocupa.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES