Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

E ti, quen vés sendo?

domingo, 14 de enero de 2024
Comezamos con este domingo o que se adoita chamar "Tempo Ordinario" na liturxia, unha vez rematado o tempo de Nadal, no que Xesús se nos facía presente dunha maneira moi especial e íntima.

A festividade do anterior domingo, a do Bautismo do Señor, viña ser algo así coma o paso do Antigo Testamento ao Novo, actuando en certo modo Xoán o Bautista como intermediario entre os dous Testamentos. Dicíanos o propio Bautista que o que agora importa é sermos bautizados por Xesús "no Espírito Santo", instaurándose así unha nova relación filial con Deus como Pai noso. Agora xa non somos "servos", senón fillos.

Pois ben, a vida e o comportamento de Xesús son os que nos van aprendendo esta nova relación filial con Deus. Xesús, niso que chamamos a súa "vida pública", vai empezar a chamar e convidar xente normal e corrente (traballadores, pescadores etc.) á participación na súa experiencia filial co seu Pai Deus e á amorosa relación fraternal entre todos. Están aí xa en xermolo as que serán as primeiras comunidades cristiás.

O relato que hoxe nos presenta o evanxeo de Xoán é para min, na súa sinxeleza e emotividade, unha verdadeira marabilla. Un Xesús para eles descoñecido, se non fose pola indicación que lles fai o Bautista, pasa preto de Xoán o Bautista e de dous discípulos seus. Semella que Xesús ía camiñando só. Isto de camiñar só é naturalmente un dicir, porque o seu corazón e a súa mente non deixarían de estar en íntima relación con seu Pai Deus e con todos os seus irmáns, homes e mulleres da súa terra, que eran tamén o mundo da súa experiencia ou da súa vivencia concreta humana. O encargo do seu Pai era o de comunicarlles a todos a “boa nova” coa que se inauguraba o Novo Testamento: a fraternidade universal de todas e todos no noso común sermos fillas e fillos de Deus.

Mais para isto precisaba Xesús de persoas que se comprometesen neste labor de faceren a experiencia do amor que Deus nos ten como Pai e de comunicárllela aos demais. Estas persoas son as que chamamos os apóstolos e discípulos do Señor. En realidade, aquilo que lles indicara o Bautista aos seus dous discípulos, dicíndolles "Velaquí o Año de Deus", resoa e está aínda presente no que se proclama antes da comuñón: "Este é o Año de Deus que quita o pecado mundo...".

Esta indicación do Bautista, xeneroso e desprendido de calquera interese persoal en relación coa súa clientela de seguidores, cambiou para sempre a vida dos seus dous discípulos. Deixaron de ser discípulos do Bautista para se converteren en discípulos daquel que os ía bautizar "no Espírito Santo" (con todo o que xa sabemos que isto significa).

Ao se decatar Xesús de que viñan tras del os que neste mesmo día se converterían en discípulos seus, limitarase en principio a lles preguntar: "Que buscades?".

Isto de "buscar" Xesús ou de buscar a Deus é, desde logo, un tema abondo complicado, no que non me podo deter como me gustaría. Mais douvos polo menos dúas referencias de tipo histórico. San Bernardo, o reformador cisterciense do século XII, dicía en relación con esta busca de Deus o seguinte: "Ninguén pode buscarte se antes non te encontrou". E cinco séculos despois, no século XVII, o científico e filósofo-teólogo francés Pascal poñía en boca de Xesús algo semellante: "Ti non me buscarías se non me tiveses encontrado".

Con estas referencias o que quero dicir é que, cando Xesús lles pregunta aos seus novos aprendices de discípulos "Que buscades?", sabe moi ben que eles, por medio do Bautista e pola propia experiencia que eles posuían de Deus, xa se tiñan atopado no fondo dos seus corazóns con el, aínda que non soubesen perfectamente de que se trataba. Non podemos esquecer que sen a graza de Deus, sen que Deus dalgún modo nos convide ou chame, nin sequera poderiamos ter desexos de achegármonos a el, é dicir, de "buscalo". Se pensáramos doutra maneira, seriamos semellantes a aqueles pelaxianos ou semipelaxianos contra os que tivo que loitar xa o primeiro cristianismo.

Xesús convídaos, pois, a que veñan e vexan a súa vivenda, o seu “pisiño” coma quen di. Sería quizais unha pequena cabana, unha choza ou chabola. Para máis non daban os escasos haberes dos que Xesús podería dispor polos traballiños que realizaba. Foi alí, na súa conversa con Xesús, onde fixeron eles a súa fundamental experiencia de Deus, do Deus de Xesús: a experiencia dun Deus que salva, libera e dá vida para sempre.

Eu tendo a pensar que neste primeiro encontro non lles falaría Xesús directamente sobre si mesmo, senón que se interesaría ante todo pola vida deles, poñéndose á súa disposición. As preguntas de Xesús poderían ser algo así como estas: e vós de quen sodes?, en que traballades?, como vos vai?... Ou algo semellante. Pois o auténtico sentido da amizade, do amor, do compañeirismo amósase en que un non se preocupa polos propios problemas, senón polos problemas dos demais, daqueles que se achegan a un con confianza.

Non é nada estraño que desde este momento e para sempre quedasen seducidos pola persoa de Xesús. Tanto que, dentro da moderación e escaso barroquismo do relato, non se deixa de indicar significativamente nel que iso ocorreu "contra as catro da tarde". E ademais un deles, Andrés, irá axiña contarllo ao seu irmán Pedro para lle comunicar a gran nova: "Encontramos o Mesías". E Pedro, que chega onda Xesús presentándose como "Simón, o fillo de Xoán", sairá de alí transformado tamén nunha nova persoa, aquela sobre a que Xesús poderá construír a súa Igrexa. Por iso o seu nome é desde agora fundamento, alicerce, pedra, ou sexa, Pedro.

Para rematar xa. Só poderemos garantir, pola nosa parte, termos experimentado encontros semellantes aos que tiveron con Xesús estes discípulos de Xoán o Bautista se tras tales encontros nos sentimos impelidos cara a tarefas que teñan que ver co exercicio da fraternidade e do servizo ás persoas. Pois a experiencia de Xesús produce inevitabelmente efectos deste tipo.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES