Vero Alcalde
Xiz, Xulio - viernes, 06 de marzo de 2009
Anda pola Rede a xeito de correo electrónico e mesmo colgado nalgún blog, un poema sobre o actual alcalde de Lugo, onde se pon en solfa a súa traxectoria, a súa vocación política, as promesas ate agora non cumpridas, e o seu posible destino nalgunha embaixada española unha vez rematada a súa etapa no concello lucense.
Mágoa que se trate dun anónimo, perfectamente publicable por outra parte xa que en todo momento mantén as formas esixibles, e podería encaixar plenamente nos espetóns que o mércores de cinza escoitamos no Enterro da Sardina diante da Casa do Concello. Pero cando o autor quere permanecer no anonimato será porque ten o rabo de palla e non quere sufrir as iras incendiarias do mandatorio lucense que ten demostrado ter un xenio moi sensible en relación coas cousas que lle afectan.
A poesía social tan en boga nos sesenta está hoxe en decadencia, e a política non parece manter relacións coas versificacións. Cabe suponer pois que o autor ou autora mantén tamén o seu anonimato para que non o acusen de perder o tempo cun xénero tan minoritario (refírome á poesía política) que na actualidade non se cotiza e queda relegado ó capítulo de cousas curiosas ou anecdóticas.
O que non creo que sexa verdade é esa malevolencia que me chegou no sentido de que Orozco está buscando ó autor ou autora deste romance anónimo para facelo ou facela Cronista oficial da Cidade de Lugo.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora