Quixera que neste ano 2024 non sexa esquecido o centenario de Xosé Alonso-Trelles Xarén. Naceu en Ribadeo (Lugo) o 7/V/1857 e morreu na capital da república Oriental do Uruguai o 28/II/1924. A súa nai era galega e asturiano, o seu pai. O certo é que no meu querido Montevideo a vida e a obra de "El Viejo Pancho" é moi coñecida. No meu caso foi na escola primaria cando escoitei o seu alcume de "El Viejo Pancho" xa que varios dos seus poemas eran interpretados polo coro en "festas patrias" ou recitados polos alumnos. Naqueles tempos lonxe estaba de saber que os seguintes versos eran dun emigrante galego:

Anos despois, sendo directivo do Patronato da Cultura Galega tiña de compañeiro a Carlos Zubillaga Barrera (recoñecido investigador, docente universitario e membro correspondente da Real Academia Galega) quen por liña materna era neto de Ribadeo e polo tanto, cun moi especial interese no coñecemento da creación literaria de "El Viejo Pancho". O profesor Zubillaga informoume de que o escritor Juan Carlos Sabat Pebet, en 1927, foi o primeiro en publicar a partida de bautismo e tamén expresar nunha conferencia:
"he venido a saber que el autor de La güeya es otro ilustre gallego, que pudo dar el brazo sin desmedro a Rosalía de Castro...".