O capador de Loentia (pai e fillo)
"Propón unha situación vital enigmática,
un acertixo existencial para que seña
descifrado. I os "síntomas" son soio unha
parte do acertixo".
D. García-Sabell
O pai era alto, delgado, vestía de traxe tal e como se vestía daquela, con traxe de encarga no xastre de

confianza, coas medidas collidas coa barriña de tinta azul coa que se raiaban os panos de tea e por onde ían as costuras que a máquina deletreaba como se fose de escribir, renqueante, a cachos, de improviso, como se ela sola fose lendo os parágrafos da costura despois de telos asimilado no seu cerebro de máquina. A súa figura do capador, pai, sobresaía por entre os demais non só pola altura senón pola súa boina negra un pouquiño ladeada "ao trasviés" e polas zocas novas de madeira de ameneiro novo.
Dedicábase a capar cochos principalmente porque de menciñeiro non entendía moito, máis que nada tiña un lugar en Loentia do que vivía mormente e o asunto da capa dáballe pouco. Morreu novo.
Quedoulle un fillo que tamén se quixo dedicar a ese mundo da albeitería de daquela, mais fíxoo pouco tempo porque se casou cunha muller rica de Ludrio e morreu aínda máis novo ca o pai, esta é unha razón, entre outras, pola que non tivo moita sona pola zona.
Texto: Xosé Otero Canto
Ilustracións: María Guerrero