Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O mellor escudo social

jueves, 04 de enero de 2024
Estamos en plenas festas do Nadal. Son momentos de encontros familiares. Os que teñen a sorte de ter unha familia viven estes días cos seus seres máis queridos gozando da súa presenza e do seu agarimo. Os que están lonxe deles viven con anhelo e desexo o reencontro.

Os cristiáns celebramos neste domingo a festa da Sagrada Familia. É unha chamada de atención que nos esperta á urxencia de coidar na nosa sociedade a riqueza e o valor da familia. É unha oportunidade para presentar, no escenario do noso mundo, a beleza e o tesouro da realidade familiar. Tan é así que o propio Deus quixo vivir nunha familia. Isto é o que se nos presenta ao contemplar os nosos misterios do Nadal: o modelo dunha familia sinxela e acolledora.

Hai tempo oín unha expresión que repetín en numerosas ocasións porque me parece que ten unha fonda sabedoría: "Unha familia enferma orixina persoas enfermas; unha familia sa dá a luz persoas sas". Os feitos certamente o demostran en tantas ocasións. Basta achegarse aos colexios e falar cos educadores para comprender a importancia que ten a familia no crecemento equilibrado e integral dunha persoa. Un bo clima familiar, sobre todo afectivo, condiciona enormemente o desenvolvemento das persoas.

E é que a familia se converte no primeiro ámbito de socialización que nos proporciona seguridade e equilibrio aos seus membros. Desta maneira, as persoas relaciónanse na contorna familiar fundamentalmente polo que son, e non tanto polas expectativas ou intereses que tanto nos condicionan. Así, desde o punto de vista psicolóxico, axudan no crecemento e acompañamento de todos aqueles que conviven na unidade familiar.

Pero non só iso: as familias están chamadas a ser auténticas escolas de humanidade. A familia axúdanos a abrirnos necesariamente aos outros e permítenos empatizar coas necesidades dos demais. Isto é así especialmente nas familias extensas e abertas á súa contorna máis inmediata. Na familia sa, as relacións persoais establécense desde o amor e permiten superar os egoísmos, o individualismo e as condutas antisociais. Os valores que a propia convivencia nos obriga a conxugar, como o sacrificio, a renuncia, o diálogo, o compartir e tantos outros, son valores fundamentais para a posterior convivencia en sociedade.

Ademais, a familia convértese tamén nesa primeira instancia á que acudir en tantas dificultades como a vida nos depara. Nos fracasos, nos desenganos, na perda da saúde, nos problemas económicos, nas carencias de horizonte e de esperanza... a familia acode no noso auxilio para poder afrontalas con máis serenidade e seguridade. Os que carecen desta rede son os que teñen máis posibilidades de caer vítimas da exclusión. Deste xeito, a familia é, como tantas crises nolo revelaron, o primeiro colchón social co que a nosa sociedade pode contar.

Se isto é así en tantas ocasións, só se me ocorre que temos que coidar moito a realidade familiar. Especialmente coidemos o núcleo da familia que é o matrimonio. Ben sabemos que a convivencia hoxe é moi complexa. Por iso, se cabe, é máis urxente fomentar todas as ferramentas que axuden a coidar actitudes e superar os conflitos. Como dixemos os bispos españois nun recente documento: "Cada persoa ha de asumir a responsabilidade de coidar a propia familia, dedicándolle tempo e loitando por ela como expresión tamén de responsabilidade social. Non basta só a queixa polo que ocorre ao redor, é preciso falar tamén cos feitos para transformar e mellorar o que está ao noso alcance, sen perder de vista o horizonte global".

E xunto ao traballo persoal, é urxente unha política familiar activa que protexa a realidade familiar como o mellor tesouro que a nosa sociedade ten e que non pode perder. Non é posible que as nosas institucións se desentendan deste activo que é tan importante e, á vez, tan fráxil. Coidemos entre todos ás nosas familias. Nesta tarefa está comprometida a nosa Igrexa diocesana.

O voso irmán e amigo.

+ Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES